Muros, a «Galicia profunda» con máis densidade de poboación que a provincia de Granada

Quizá a Santiago Segura nunca se lle ocorrería rodar un Torrente na localidade galega de Muros, que unha xuíza de Marbella cre a «Galicia profunda». Pero a comarca, que comprende os municipios de Muros e Carnota, na provincia da Coruña, é en realidade unha das áreas rurais menos despobladas da comunidade, con servizos e indicadores demográficos na media ou por encima mesmo da media de Galicia e tamén da de España.

Á marxe do resto das razóns que levaron á maxistrada a retirarlle a custodia dun neno á súa nai aludindo ás desvantaxes que tería alí, o certo é que resulta máis que discutible que non sexa recomendable criar a un peque ou a unha peque no pobo, ou nalgunha das numerosas aldeas que o rodean.

Muros é unha preciosa localidade pesqueira de casas de pedra e cheiro a mar de 8.500 habitantes, a sesenta quilómetros por estrada da capital autonómica, Santiago, que conta á súa vez con catro hospitais e cunha das universidades máis antigas do Estado. Chégase a Compostela nunha hora máis ou menos, en coche ou en autobús -hai un cada hora entre as nove da mañá e as oito da tarde-.

Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), o municipio ten unha densidade de poboación de 88,1 habitantes por quilómetro cadrado, é dicir máis do dobre que as provincias galegas máis despobladas, Lugo e Ourense, e moi preto dos 91,4 habitantes por quilómetro cadrado da media galega. Por comparar coa comunidade autónoma onde a xuíza redactou o seu auto, Muros ten máis densidade de poboación que provincias andaluzas como Granada, Córdoba, Almería, Huelva e Xaén. Tamén máis que Castellón, Zaragoza e Valladolid, e que as comunidades autónomas de Navarra e A Rioxa.

En Muros hai tres farmacias, un centro de saúde, dous centros de educación infantil e primaria e dous institutos de educación secundaria… É dicir, nin máis nin menos, pero máis ou menos o mesmo que en calquera pobo do seu tamaño: tres clínicas dentais, media ducia de despachos de avogados, unha notaría, unha piscina municipal con ximnasio, un pavillón polideportivo, tres supermercados, un bo número de hoteis, hostais e pensións, decenas de bares e establecemienos de hostalería e restauración… Hai hamburgueserías e pizzerías, claro, como as que lles gustan á maioría dos nenos e nenas -na comarca habitan máis de mil menores de dezaseis anos-.

Os habitantes de Muros, como os de Marbella, gozan de acceso a Internet de alta velocidade, de tele por cable se poden e queren pagala, e dunha boa cobertura de telefonía móbil. Amazon tamén reparte alí, e mesmo ten un punto de recollida fixo.

Poida que en Marbella haxa «máis oportunidades laborais», como di a xuíza, aínda que a verdade é que alí os parados cóntanse a miles, e en Muros, segundo o último reconto do Servizo Público de Emprego Estatal, son 398. E poida que Marbella sexa «máis cosmopolita», tal e como recolle o seu auto, aínda que o que non terá nunca son as praias desta comarca galega, que nin sequera no verán chegan a encherse.

Aínda que o que indignou de verdade aos habitantes de Muros -o Concello xa anunciou unha declaración institucional de repulsa ás palabras da maxistrada- é que lles digan que no seu municipio é máis difícil ser feliz. Quen teña visto un atardecer sobre a súa ría entenderaos perfectamente.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail