A TVG increpa a dúas concursantes por criticar a manipulación informativa nunha regueifa

Sara Marchena e Aurora Redondo participaron no programa Luar nun espazo de regueifas, unha disputa dialéctica improvisada desde o humor. Alí cantaron a favor do movemento #DefenderAGalega que reivindica a pluralidade informativa da cadea lonxe dos intereses políticos e gobernamentais.

O 16 de outubro Sara Marchena e Aurora Redondo participaron en Luar, un soado e veterano programa da Televisión de Galicia (TVG), concretamente, no espazo «Vai de regueifa», onde unha parella emprende unha batalla dialéctica desde a poética, o humor e a burla. Todo ía ben ata que Redondo comezou cuns versos que enfadarían á dirección do programa e que poderían significar a cancelación da sección: «E quedou boa noite para Defender A Galega».

Marchena, que xa levaba posta a camiseta da plataforma do xornalismo galego, respondeu: «Para Defender A Galega, dígoche de corazón, pluralidade informativa, menos manipulación». O público aplaudiu, pero o enfado da canle materializaríase tres días máis tarde da emisión. Unha chamada de teléfono o pasado luns avisou a Marchena de que pola súa «culpa», segundo explica, eliminarían a regueifa de Luar, aínda que non fose verdade, posto que este venres o programa continuou co concurso con normalidade e por iso a cantora -así se chaman a si mesmas estas artistas que narran e cantan de forma poética- decidiu publicar nas redes sociais a «bronca».

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

«Non entendo a regueifa sen unha parte reivindicativa, política que lle chama algunha xente [de arriba] e polo tanto emprégoa como ferramenta de construción masiva», explica nun post de Facebook. «Falamos de feminismo, mesmo recriminándolle a un membro do xurado un comentario machista que fixo antes de saír nós», prosegue Marchena. E, ademais, defende tanto os seus comentarios como os da súa compañeira, así como a súa camiseta, «unha camiseta, non unha pistola nin unha navalla». Recoñece tamén que, nesa chamada, da que dá poucos detalles, alguén da cadea lle espetou un «quen che comería a ti a cabeciña para pensar que a regueifa é política?». Por iso, censura esa infantilización e paternalismo nos comentarios e pon por bandeira a regueifa feminista e a lingua como «unha arma moi poderosa».

As cantoras, cando alzaban as mensaxes sobre a manipulación da televisión galega, non se equivocaban. Con Aurora Redondo tamén contactaron. Primeiro, avisáronlle de que se cancelaba o concurso e dez minutos máis tarde, segundo relata en Twitter, rectificaron. A persoa coa que falou parece que non foi tan brusca como con Marchena, á que culpabilizaron da suspensión do espazo poético. «Eu penso como ti, pero os de arriba son os que manteñen este templo de cultura popular que é Luar» e ten que «diferenciar os espazos nos que se pode reivindicar segundo que cousa», díxolle un membro da canle pública. «Pola miña banda, se teño que aprender as ferramentas de retranca e comunicación a través do humor dos tempos do franquismo, crédeme que aprenderei a facelo para non desaparecer», engade no post Aurora. «Pero non vou deixar de dicir o que penso, de escoitar a quen menos privilexios ten e de falar explicitamente a favor da liberdade de expresión e contra a manipulación e a coacción».

A organización #DefendeAGalega fíxose eco do caso e denunciouno en redes sociais. O persoal da Televisión de Galicia leva máis de 120 «venres en negro» defendendo unha información lonxe das mans e os intereses da administración pública. Ante as eleccións autonómicas deste ano, esixiron a destitución inmediata do actual director xeral de CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, e pediron respectar a Lei de Medios. A TVG non cobre as súas protestas e o persoal seguirá resistindo ata que exista unha comunicación pública libre en Galicia, a mesma que piden, cantan e riman as regueifeiras.


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail