Poden caer as trabes do ceo. Como se viu o 9 de outubro en Sant Llorenç, en Mallorca, onde en cuestión de minutos unha tremenda enxurrada de auga levou vidas e bens como aruxos, e converteu en morea de chatarra o parque móbil de coches, sen discriminar modelos nin prezos. ¶ O trebón non fora prognosticado. ¶ Podemos dicir, e dise, que estas arroutadas son propias da natureza. ¶ Mais xusto ese día dábase a coñecer o informe máis alarmante até o de agora sobre os efectos do cambio climático. ¶ Esa mudanza climática, con efectos dramáticos en toda a Terra, débese a un xeito de produción catastrófica, a un engrenaxe aloucado de cobiza depredadora á que non se lle pon freo. ¶ Hoxe en día, coñécense ben as causas, por máis que a Trumpaganda e outros ecokillers neguen a evidencia deste crime planetario. ¶ É dicir, os chamados desastres naturais adoitan ter unha causalidade, que en moitos derivan de desastrosas decisións de poderes calamitosos. ¶ Europa estaba chamada a liderar unha estratexia mundial contra o cambio climático. ¶ Europa estaba chamada a estas outras tarefas para frear o proceso de descivilización en marcha: manter os dereitos conquistados do benestar social fronte ao abaratamento humano, blindar os dereitos civís, as liberdades e as garantías de acollida e asilo como unha identidade intocábel, ser espazo descolonizado das grandes potencias e compañías, ser viveiro de imprescindíbel avance na xustiza universal para desaparafusar tiranías e guerras. ¶ A todo isto, e máis, estaba chamada Europa. Mais todo iso está en perigo. ¶ E non por unha enxurrada imprevista. ¶ A conxura contra Europa, coa colaboración de ilustres parvos interiores, é a gran xogada neste intre no taboleiro mundial. ¶ Non hai Europa sen europeístas. Mais que é ser europeísta? Non hai europeísmo se non se ten a cabeza no mundo. ¶ Por unha banda, hai quen confunde Europa co coro de ministros de finanzas, austeros cos pobres e xenerosos cos magnates. ¶ Tamén hai quen confunde Europa cun coro de himnos resesos de localismos xenófobos. ¶ É terríbel para Europa, para nós, e para o mundo enteiro, que Europa estea tolleita polos vellos medos. ¶ Que a xente ceibe e demócrata se sinta intimidada por este perigo do deterioro cognitivo, esta amnesia retrógrada que pon en suspenso as conciencias. ¶ Semella que o futuro xa non vai ser nunca o que era. ¶ Ou si. Europa tamén significa primavera e primavera significa rebelión democrática. ¶ Até breve, eleccións. ¶