A Deputación de Ourense fai funcionaria á nora dun vicepresidente cuxos fillos tamén sacaron praza cos Baltar

A Coruña.- A Deputación de Ourense, que preside Luis Menor, sucesor de Manuel Baltar no liderado do PP ourensán, outorgou unha praza de funcionaria por oposición libre á nora de Plácido Álvarez, alcalde popular da localidade de Muíños e vicepresidente terceiro da institución, na que leva sendo deputado máis de vinte anos. A muller está casada cun dos dous fillos de Álvarez, quen no seu día tamén obtiveron senllas prazas de funcionarios no organismo provincial durante o mandato de Xosé Luis Baltar, pai do antecesor de Menor.

O nomeamento fíxose efectivo o pasado 12 de setembro coa publicación no Boletín Oficial da Provincia do correspondente decreto asinado por Luis Menor a principios deste mes, xunto aos doutras 32 persoas que tamén obtiveron prazas de funcionario polo procedemento de oposición libre. Delas, dous son concelleiros do PP en activo en concellos de Ourense gobernados por ese partido. Outras tres presentáronse como candidatas suplentes nas listas da formación para as eleccións locais de 2023 noutros tantos municipios da provincia.

En febreiro pasado, Luzes-Público desvelou que, durante o que levaba de mandato, Luis Menor tiña tiña consolidado como funcionarios con praza fixa a outra trintena de concelleiros, altos cargos, candidatos do PP nas eleccións locais dos últimos anos e outras persoas afíns ou con responsabilidades no partido, que foran contratadas durante os mandatos dos Baltar como persoal laboral temporal. Menor alegou que o facía en cumprimento da lei de estabilización do emprego no sector público, aprobada polo Goberno de Sánchez en decembro de 2021.

Alcalde co 81% dos votos

En canto á incorporación da nora do seu vicepresidente terceiro, S. Z. A., Menor asinou o pasado 8 de setembro o decreto que lle asigna en propiedade unha praza de auxiliar de administración xeral, que gañou tras superar as oposicións convocadas dous meses antes. S. Z. A traballaba ata o de agora en Aqualia, a empresa privada asociada á Deputación no consorcio AquaOurense, que xestiona a subministración e xestión da auga nos municipios da provincia e cuxo presidente é, precisamente, o seu sogro.

Plácido Álvarez foi unha das persoas máis próximas aos Baltar durante os últimos decenios. Rexedor de Muíños desde 1995 ata o de agora –gañou as últimas eleccións co 81% dos votos–, desde 2003 ocupa un escano na Deputación Provincial, onde tamén foi vicepresidente primeiro e portavoz do grupo popular. Ademais de alcalde de Muíños, tamén foi ata 2019 secretario municipal en Pereiro de Aguiar, localidade veciña a Ourense capital cuxo alcalde é, xustamente, Luis Menor.

Luis Menor, con Alfonso Rueda / Foto: PPdeG

En conversación telefónica con este diario, Álvarez negou calquera irregularidade e defendeu que a súa nora obtivo a súa praza «porque superou un proceso selectivo valorado por un tribunal técnico, non político». Tamén sostivo que tanto ela como os seus fillos –un deles xa non traballa na Deputación– teñen «o mesmo dereito que calquera a presentarse a unha oposición e gañala» e engadiu que foi el mesmo quen axudou á muller para preparala. «Non entendo esta vixilancia, que tería que facer eu? Dimitir? Se alguén cre que hai algunha irregularidade, que vaia aos tribunais», concluíu.

Luzes-Público tamén se dirixiu á Deputación para interesarse polo caso e polas críticas da oposición a Luis Menor pola suposta continuidade durante o seu mandato das prácticas dos Baltar na contratación de persoas afíns ao PP na Deputación. Fontes próximas ao presidente provincial limitáronse a explicar que os procedementos citados están «totalmente terminados, con total normalidade», e que as persoas afectadas «están xa traballando sen que se recibira reclamación algunha».

Concelleiros e candidatos

Ademais da nora de Álvarez, entre elas hai dous concelleiros en activo do PP: R. S. M., con escano en Nogueira de Ramuín –a localidade da que foi alcalde Baltar pai durante 19 anos–, que obtivo unha praza en propiedade como técnico auxiliar en informática; e J. A. M. F., que sacou outra de legoeiro –peón caminero– e que é edil en Cartelle, cuxo alcalde, Jaime Sousa Seara, é á súa vez coordinador do grupo popular na Deputación.

Tamén obtiveron praza de funcionario tres persoas que figuran nas candidaturas do PP para as eleccións municipais de 2023 como candidatos suplentes. Trátase de R. B. A., que foi nas de Nogueira de Ramuín e que gañou un posto en propiedade como legoeiro; A. M. P., nas de Xinzo de Limia, que sacou outra praza de operario construtor de instrumentos musicais; e D. F. L., que foi candidato en Bande e quen obtivo outra de operario limpador.

Plácido Álvarez, vicepresidente terceiro da Deputación de Ourense: «Que tería que facer eu? Dimitir? Se alguén cre que hai algunha irregularidade, que vaia aos xulgados»

O portavoz do BNG na Deputación, Xosé Manuel Puga, lamentou pola súa banda que o Goberno de Luis Menor manteña, ao seu xuízo, «as mesmas prácticas que os Baltar», e anunciou que a súa formación estuda presentar unha iniciativa para modificar os sistemas de contratación na Deputación que evite «que só poidan ser funcionarios quen teña carné do PP ou os seus parentes».

Os fillos de Plácido Álvarez obtiveron as súas respectivas prazas de funcionario en abril e en xullo de 2009, no período no que Xosé Luis Baltar preparaba o congreso do PP de Ourense que acabou gañando o seu fillo e durante o que se produciron máis de 400 contratacións na Deputación que a oposición considerou entón vinculadas á intención dos Baltar de atraer o apoio dos delegados populares á candidatura de Manuel.

Inhabilitación

En 2014, Baltar pai foi condenado a nove anos de inhabilitación por un delito de prevaricación continuada. O xuíz considerou que polo menos 104 daquelas incorporacións vulneraran os principios legais da contratación pública. Entre elas figuraba a de L. C. G., que fora contratada como monitora sociocultural no plantel de persoal laboral e que na remesa de oposicións resoltas este mes ven de gañar un posto de funcionaria subalterna de administración xeral, agora con praza en propiedade.

Na primavera de 2024, outra investigación de Luzes-Público desvelou varios audios nos que persoas relacionadas co PP recoñecían comprar prazas de funcionario na Deputación con pagos en metálico á familia Baltar ou mediante agasallos como un vehículo Rolls Royce de alta gama. Dous anos antes de que se publicara esa información, a institución entregou outra praza en propiedade á filla dun chofer de Baltar que asumira como propia unha das multas por exceso de velocidade que a Dirección Xeral de Tráfico atribuíu ao condutor sen identificar do coche oficial do presidente.

Precisamente, Luis Menor accedeu á Presidencia do organismo en 2023 despois de que Manuel Baltar renunciara tras ser procesado por un delito contra a seguridade viaria, ao volante do seu coche oficial da Deputación. Foi condenado polo Tribunal Supremo, pero iso non impediu que Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda o manteñan no seu escano por designación autonómica no Senado, onde preside unha das comisións da Cámara Alta.

Menor, que mantivo nos seus postos ao persoal de confianza e do equipo de Baltar, tamén tentou modificar a relación de postos de traballo da Deputación para entregarlle a xefatura do parque móbil da institución ao chofer asignado ao seu antecesor, que agora é o seu; e negouse a identificar a Baltar como o condutor que provocou outra sanción de tráfico que se abonou con fondos públicos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail