Feijóo, no seu discurso de aspirante á Xunta en 2009: «Non hai milagres, a investidura debe servir para algo»

A Coruña.- Créano ou non, existiu un tempo non moi remoto no que Alberto Núñez Feijóo era un político descrido. Entón presentábase como un home moderado e sensato, capaz de alcanzar Madrid dun chimpo e sacar ao PP do seu labirinto. Aquel Feijóo non cría nos milagres, convicción que admitía solemnemente diante os seus rivais para engadir acto seguido que, por iso mesmo, as sesións de investidura debían «servir para algo». Afirmábao tal que así, literalmente. Créano ou non, pero ese home existiu. Tan certo como que o líder do PP, salvo maiúscula sorpresa, protagonizará este martes no Congreso dos Deputados a primeira investidura fake da historia da democracia española.

Sucedeu hai catorce anos no Parlamento de Galicia, cando o hoxe candidato á presidencia do Goberno debullaba o seu discurso de réplica no debate tras o que foi designado por primeira vez presidente da Xunta. Recólleo así o Diario de Sesións do 14 de abril de 2009: «Desexo que nestes momentos de desasosego para tantos galegos a sesión de investidura sirva para algo», dixo. E seguiu: «Sei que non hai milagres, os únicos que existen, eses milagres, débense ao esforzo dos pobos e ao éxito dos seus gobernos, sen dogmas, sen pretender restaurar un tempo pasado, sempre imperfecto, nin derrubar sen máis o que fixeron os que nos precederon».

Lonxe daquela sólida mostra de tépeda racionalidade parlamentaria, o Feijóo de 2023 preséntase agora sen explicar para que serve a sesión de investidura que promoveu, xa que, sinxelamente, non conta cos votos necesarios para superala. Ademais faino enarborando unha única pretensión, convertida en dogma desde hai meses: a de derrubar o sanchismo, é dicir, precisamente, o legado de quen lle precedeu. Claro que esa promesa só poderá cumprila se media un milagre en forma de tamayazo. E hai que ser moi pero que moi crente no transfuguismo como para lexitimar semellante indecencia.

Feijóo na investidura de 2009: «Señorías, resumindo: que parece por un momento que o Partido Popular perdera as eleccións»

No seu discurso de 2009 Feijóo deixou numerosas perlas oratorias, resgardadas do esquecemento pola hemeroteca en liña do Parlamento de Galicia e que agora volven á vida: subliñaba que «as ideoloxías non poden constituírse en murallas insalvables para o entendemento»; que non se pode facer «goberno pola mañá e oposición pola tarde» (sic), e que «o PP é un partido galeguista» empeñado en defender «a defensa e pervivencia» do galego, lingua propia e «sinal de identidade [dos galegos e galegas] como pobo».

«O galego deféndese falándoo»

«O idioma deféndese falándoo», chegou a proclamar Feijóo aquel día. Poucos meses despois cernou o seu uso no ensino público en Galicia, e pasados catorce anos vense de negar a que o galego, o catalán e o eúscaro se poidan defender falándoos desde a tribuna de oradores do Congreso, onde el se plantará este martes pedindo á Cámara en infrutuoso castelán que lle outorgue o seu apoio para gobernar.

Nos seus discursos das súas outras tres investiduras na Xunta (2012, 2016 e 2020) Feijóo tamén deixou máis sentenzas firmes e numerosas e contundentes declaracións de intencións. O paso do tempo teríaas convertido en papel mollado se non fóra polos recentes pactos do seu partido coa ultradereita que nega o Estado autonómico; porque contradín o argumentario da súa controvertida campaña electoral –Txapote, o Falcon e as falsidades sobre a situación económica–, e porque fan dubidar da veracidade dos seus propósitos.

Feijóo en 2012: «O PP é un partido galeguista»

En 2012, cando non necesitaba os votos de Vox, o entón aspirante a revalidar o seu cargo de presidente autonómico insistía en que Galicia é un «país» que merecía máis e mellor «autogoberno», e que el tiña afán de diálogo, conciliación e un «compromiso coa verdade». Mesmo declaraba diante das súas señorías que «aceptar a Constitución é sen dúbida o fundamental para poder ser deputado». O seu grupo e el mesmo levan máis de catro anos sen aceptala nin respectala, bloqueando a renovación do poder xudicial nos termos e prazos que contempla a propia Constitución.

Feijóo, nun acto no Parlamento de Galicia en 2017 / Foto: Xunta

En novembro de 2016, menos dun ano antes do referendo declarado ilegal en Catalunya, Feijóo tamén sostiña no Parlamento galego que a cidadanía que recentemente votara nas autonómicas dese ano non quería «leas e si estabilidade, si Goberno pronto e non máis demoras, si unidade, en Galicia e co resto de España, en lugar de máis división». Eran eses tempos nos que ao hoxe presidente do PP non se lle ocorría convocar manifestacións ultras na previa da súa propia investidura, entre outras cousas porque, segundo afirmou entón na súa intervención, o que os cidadáns votantes desexan é «moderación» e non «axitación».

Violencia machista

Ese mesmo día, o 8 de novembro de 2016, Feijóo mostrouse contrariado e mesmo agraviado por un suposto erro terminolóxico na definición da violencia contra as mulleres, do que culpou á portavoz nacionalista, Ana Pontón: «Vostede chámaa violencia de xénero, eu chámoa polo seu nome: violencia machista. Si señoría, violencia machista», espetoulle.

Co pasar dos anos, aquela aparente solidez argumental filofeminista da que Feijóo se xactaba foise desinflando. De feito, chegou a soltarlle un día a Pontón no Parlamento galego que o apenaba que ela fose unha muller «necesitada».

Feijóo en 2016: «Vostede chámaa violencia de xénero, eu chámoa polo seu nome: violencia machista»

Hoxe, varias comunidades autónomas españolas teñen gobernos do PP entre outras cousas grazas a que o PP aceptou que os termos «violencia machista», «violencia de xénero» e «violencia contra as mulleres» non aparezan no texto dos seus pactos con Vox. Mesmo el mesmo amparou en público os insultos, o acoso e os malos tratos psicolóxicos exercidos por un dos seus socios de ultradereita alegando que foi o líder de Vox en Valencia, condenado polos tribunais, e non a súa parella, a vítima, quen tivo «un divorcio difícil».

A última investidura de Feijóo en Galicia foi hai pouco máis de tres anos, o 1 de setembro de 2020, tras unhas autonómicas aprazadas catro meses a causa da pandemia de covid, o confinamento e a emerxencia sanitaria. Gañounas por cuarta vez consecutiva con maioría absoluta, e arrincou o inicio do seu discurso diante o pleno do Parlmento galego alegando que «o que se decide en calquera comicio non é a situación na que queda cada formación, senón o que o pobo dita para o seu propio futuro».

Lonxe da maioría absoluta

O pasado 23 de xullo o corpo electoral ditou que o PP teña 136 dos 350 escanos do Congreso, moi lonxe da maioría absoluta –176 votos– que require a Constitución para converter a Feijóo en presidente. Un cargo que non logrará nin sequera co apoio de Vox –33 actas–, Unión do Pobo Navarro –dous– e Coalición Canaria –un–.

Así as cousas, resulta difícil explicar de que lles serve aos cidadáns que Feijóo se presente a unha investidura que só un milagre pode facerlle gañar, e que máis ben parece destinada a asentar unha idea que xa improvisou na primeira das súas investiduras en Galicia. Entón si se presentaba con folgada maioría e lle dedicou a seguinte frase á oposición, que agora ben podería dirixir aos deputados do seu propio partido: «Señorías, resumindo: que parece por un momento que o Partido Popular perdera as eleccións e que o señor Feijóo sexa o culpable de todos os males».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail