Unha das claves do éxito do líder dos populares foi a poderosa maquinaria clientelar que artellou en Galicia arredor da Xunta e o PPdeG, que funcionou nos últimos anos como porto de abrigo para que non caeran en desgraza os altos cargos, militantes e afíns dos que foi prescindindo, e que terá que recompoñerse agora baixo o mandato de Rueda.
A Coruña.- A marcha de Feijóo deixou no PP galego unha molesta e para algúns angustiosa sensación de orfandade. Porque nos 16 anos que o líder dos populares estivo á fronte do partido, trece deles como presidente da Xunta, consolidou unha maquinaria política de tanta eficacia e magnitude que son moi poucos os resortes do poder, a economía e a empresa do país que non dependen dela.
«O que algúns temen é que Rueda non sexa capaz de controlar a nova repartición, e non falo só do deseño do Goberno da Xunta ou do partido, senón de todo o que depende das súas respectivas estruturas», asegura unha fonte próxima á dirección do PPdeG que prefire non desvelar o nome. «De momento todo parece controlado, pero é certo que nalgúns círculos notei certo nerviosismo», engade esa voz.
No ámbito popular non o explican coas palabras que seguen aquí, pero no fondo presumen de que a rede clientelar que se foi fiando no partido na era de Feijóo tivo éxito grazas precisamente a que este foi moi coidadoso para non deixar a ninguén na estacada. Seguirá sendo así a partir de agora? Estará Rueda á altura dese croupier que precisa o PP de G para controlar esa «nova repartición»?
Nalgúns dos seus momentos máis críticos, o Partido Popular, en Galicia e Madrid, non soubo ser o porto de abrigo que se supón é para aqueles dos seus que caeron en desgraza. O mellor exemplo é o antecesor de Feijóo, Pablo Casado, pero mesmo sen contar a quen pasaron do ministerio ou do escano directamente ao cárcere, hai outros exemplos en moi variados contextos e circunstancias espazotemporais de ex dirixentes que transitaron do todo á nada nun amén. De Alberto Ruiz Gallardón a Xosé Cuíña, pasando por Manuel Pimentel, Alberto Fernández Díaz e María San Gil, entre outros
e outras.
Sen contar tampouco as vítimas das súas políticas sanitarias e sociais –hepatite C, residencias de maiores, etc.– non parece que Feijóo vaia deixar máis cadáveres en Galicia. Polo menos, a súa traxectoria recente indica que quen se arrima a el ten garantido un lugar no ceo dos cargos públicos ou dos consellos de administración das grandes empresas coas que os seus gobernos trataron.
Véxase, por exemplo, a Beatriz Mato, ex conselleira de Traballo e Benestar e de Medio Ambiente e Territorio, a quen Feijóo encomendou no 2019 recuperar a alcaldía da Coruña e que non o logrou. Acto seguido renunciou ao seu cargo de concelleira e ao seu escano no Hórreo para volver ser conselleira, pero esta vez de Euskaltel e de Greenalia. Esta última, por causalidade, a compañía eólica que creceu ao tempo que a Xunta lle concedía licenzas para construír os seus primeiros parques de muíños, instalacións fotovoltaicas e plantas de biomasa

Nin a Mato nin a Feijóo lles parece que iso teña nada que ver coas portas xiratorias, nin o consideran incongruente coa literalidade da lei de incompatibilidades da Xunta e os altos directivos da Administración autonómica: «Durante os dous anos seguintes á data do seu cesamento, os cargos comprendidos no ámbito de aplicación desta lei (é dicir, Mato entre eles) non poderán realizar actividades privadas relacionadas con expedientes sobre os que ditasen resolución no exercicio do cargo», di o artigo 3.5 desa norma, aprobada en 2016.
Claro que a Mato lle deran malos exemplos, porque outro conselleiro de Medio Ambiente de Manuel Fraga, Carlos del Álamo, senta desde hai anos no Consello de Ence xunto a Isabel Tocino, ex ministra de Medio Ambiente de Aznar. E comparte consello en Greenalia con Antonio Couceiro, ex conselleiro de Industria de Fraga e tamén presidente do Deportivo, á súa vez propiedade de Abanca. Por certo, que o último presidente das caixas públicas antes de que Feijóo promovese a súa venda a Juan Carlos Escotet, que as converteu en Abanca, foi José María Castellano, ex vicepresidente de Inditex e presidente de Greenalia. De Feijóo ao ceo pasando por Zara. Por certo (bis): Luzes tampouco puido saber canto cobra Beatriz Mato en Greenalia.
O tránsito dunha consellería a un escano ben remunerado nun consello de administración é algo habitual no PP de Feijóo, mesmo se se trata de empresas públicas. Vallan se non outros exemplos, os dun e unha conselleira de Sanidade. Jesús Vázquez Almuíña, médico de profesión, foi conselleiro entre o 2015 e o 2020. En novembro dese ano, ao pouco de cesar, foi nomeado presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, onde agora cobra un salario duns 90.000 euros anuais. A Autoridade Portuaria é de titularidade estatal, pero a proposta de nomeamento do seu presidente faina o presidente da Xunta. Feijóo, quen pese a telo cesado non debeu dubidar da capacidade de Vázquez Almuíña, quen non tiña ata entón outra relación co porto de Vigo que ser de Baiona.

A antecesora de Vázquez Almuíña foi Rocío Mosquera, a quen Feijóo destituíu pola cuestionada entrada en funcionamento do novo hospital de Vigo. Mosquera xa fora moi criticada por negar a pacientes afectados pola hepatite C o tratamento que precisaban e que lles prescribían os seus médicos, o que provocou que varios deles falecesen. Tamén por ter amañado, segundo unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, unha oposición para que o seu marido, Manuel Bustamante, obtivese a praza de xefe do servizo de Cirurxía Xeral do Clínico de Santiago.
Aínda que a destituíu no 2015, recolocouna hai catro anos á fronte de Galaria, a empresa pública da Xunta que ten encomendada a prestación de servizos de tecnoloxía sanitaria. Cobra uns 70.000 euros ao ano. A algúns sorprendeulles que Vázquez Almuiña anunciase o nomeamento de Mosquera un mes antes de que o Diario Oficial de Galicia convocase a praza de Galaria. A outros, non tanto.
Outra ex conselleira, Marta Fernández Currás, que o foi de Facenda ata que Mariano Rajoy a nomeou secretaria xeral de Orzamentos do seu Goberno, foi cesada en 2016. Ese mesmo ano incorporouse a Ernst & Young España como socia responsable da área fiscal en Galicia e socia da área de sector público.
Por certo (tris): Feijóo non só coida os seus exconselleiros. O ex rexedor da Coruña, Carlos Negreira, quen o acompaña nunha íntima amizade desde que ambos estudaran Dereito en Santiago e opositaran nos noventa para obter unha praza na Facenda da Xunta, deixou a alcaldía en xuño do 2015 e a presidencia do PP local en abril do 2016. Ese mesmo mes incorporouse a WindOne Advisors, a empresa de asesoría que preside e que ten como o seu primeiro valor a «ética como elemento integrador de todas as decisións empresariais».

WindOne ten sede na Coruña, na praza de Galicia, a sete minutos en coche, segundo Google Maps, da praza de María Pita, onde, á súa vez, ten a súa sede o Concello da cidade. Poucos días antes de que Negreira fundase WindOne Advisors, axentes da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal acudiron a María Pita para rexistrar as dependencias do Pazo Municipal en busca de probas de que o seu goberno entregara irregularmente dous contratos de 2,3 millóns de euros para a xestión das bibliotecas municipais ao Grupo Eulen. A directora para Galicia e o noroeste da Península desa empresa é Micaela Núñez Feijóo, que foi ascendida precisamente ese ano.
A denuncia partiu dunha empresa que concorrera ao mesmo concurso, sorprendida de que se borrase das bases do procedemento de repente a condición de que a concesionaria debía demostrar experiencia contrastada no sector. Eulen tíñaa, pero non no sector da xestión de bibliotecas, senón nos da seguridade e a limpeza.
Quen coñecen a Feijóo din que gusta de estar sempre preto dos seus amigos, e a Negreira, se el quere, non o terá moi lonxe. WindOne Advisor ten outra sede en Madrid, na rúa Álvaro de Baena, a vinte minutos en coche de Xénova, 13, segundo Google Maps.
A quen non poderá ter tan preto, polo menos fisicamente, é a outro dos seus íntimos, Alfonso Rueda, quen sempre negou que aspirase a sucedelo, pero que se converteu en presidente da Xunta este mesmo mes de maio. Pasou de ser o número tres das listas do partido por Pontevedra no 2020 ao número un do país no 2022. Segundo unha enquisa de Sondaxe realizada en febreiro pasado, máis da metade dos galegos non coñecían o que ía ser o seu presidente.
O que non vai ser por agora presidente da Xunta é o número tres da Coruña nas listas do 2020, aínda que xa o foi da Deputación desa provincia. Pero Diego Calvo, que tamén acompaña a Feijóo desde os seus inicios –nada máis chegar ao poder no 2009 nomeouno delegado da Xunta na Coruña con 34 anos recén cumpridos– tamén tivo o seu ascenso: con 47 anos é o encargado do poderoso comité electoral do PP estatal, que segundo os estatutos do partido decide e/ou ratifica os nomes das candidaturas ao Congreso, ao Senado, ás comunidades autónomas, ao Parlamento Europeo e aos concellos de máis de 20.000 habitantes.

Como vicepresidente primeiro do Parlamento de Galicia desde o 2016, e en tempos de guerras, pandemias e inflación, Calvo cobra un fixo de 2.067,13 euros ao mes, 1.558,51 euros de complemento como membro da Mesa da Cámara, 1.165,06 euros para gastos de representación e 511,40 euros para gastos de libre disposición. A iso hai que engadir outros 2.587,39 euros en concepto de dietas por gastos de aloxamento e manutención, segundo o réxime dos membros do Parlamento de Galicia para o 2022. Luzes tampouco puido saber se Calvo mudará o seu cargo institucional polo do partido, nin se renunciará á dedicación exclusiva ou se empezará a cobrar do PP, e non do Parlamento galego.
Tampouco foi posible saber canto nin de quen cobrará Miguel Tellado, deputado autonómico, secretario xeral do PP de Galicia e vicesecretario de Organización Territorial do PP de España; nin Mar Sánchez Sierra, a todopoderosa secretaria xeral de Medios e agora en funcións, como Feijóo, que a converteu en directora de Comunicación de Xénova, 13; nin Álvaro Pérez López, ata o de agora secretario xeral de Presidencia; nin Marta Varela Pazos, que pasará da xefatura do gabinete en San Caetano á jefatura do gabinete do presidente en Madrid.
Dos que quedan ou aínda non se sabe se se van ou non, semella que Feijóo tampouco abandonará aos cargos do seu círculo máis íntimo en Presidencia, como José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte e ex presidente do Consello Superior de Deportes do Estado; e Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración. Como antencedente, sirva que Feijóo non esqueceu a Rodríguez Miranda despois de envialo a plantar cara a Manuel Baltar, hoxe presidente da Deputación de Ourense, para que non herdara tamén do seu pai a presidencia do PP nesa provincia.
Rodríguez Miranda fracasou, pero o líder dos populares buscoulle outro oco ao seu lado. Por certo, por cuarta vez e falando de Baltar, ese home de rostro afable que de cando en vez se coa no ceo dos presidentes da Xunta: seguirá mandando no seu paraíso particular á espera de que se derrita a cera das ás de Feijóo e de Rueda, ou estes causarán a súa caída?