Meirás, o espolio continúa: a virxe románica á que Franco rezaba no NO-DO desapareceu do pazo

A Coruña.- Millóns de españois contemplaron durante décadas nos noticiarios do NO-DO unha escena coidadosamente construída pola propaganda franquista. O tirano e a súa esposa, Carmen Polo, rezaban axeonllados na capela do pazo de Meirás mentres a cámara detiña a súa mirada nunha pequena talla románica da Virxe da Antiga. Aquela imaxe do século XII formaba parte da escenografía espiritual coa que a ditadura representaba a intimidade relixiosa do xefe do Estado. Esa talla desapareceu do pazo. Tamén o fixeron un cadro da pintora galega Julia Minguillón e os grandes cabeiros de elefante que presidiron durante décadas o vestíbulo principal da residencia estival dos Franco.

Ningunha desas tres pezas figura no inventario de bens mobles elaborado polo Estado tras recuperar xudicialmente Meirás en decembro de 2020. O investigador Carlos Babío, cuxos traballos xunto ao historiador Manuel Pérez Lorenzo resultaron decisivos para acreditar que o inmoble fora obtido mediante unha trama de coaccións, doazóns forzosas e manobras irregulares durante a guerra e a posguerra, sostén que as tres permaneceron no pazo durante décadas e que abandonaron o edificio antes de que os técnicos puidesen catalogar o seu contido. A recuperación xudicial do pazo permitiu devolver o inmoble ao patrimonio público, pero non garantiu a conservación nin o coñecemento completo dos bens mobles que albergara durante décadas.

Postal manuscrita de Emilia Pardo Bazán indicando que a talla da virxe da Antiga xa estaba no pazo de Meirás en 1906 / Fonte: Carlos Babío

«En Meirás está todo por aparecer. Se o Ministerio de Cultura e o de Política Territorial e Memoria Democrática non responden é porque non teñen nin idea do que había alí», afirma Babío. «O Estado chegou tarde, tardísimo a Meirás. Non é só un exemplo do espolio que padeceron milleiros de persoas a mans de Franco e da ditadura, senón tamén da impunidade coa que seguen actuando os seus herdeiros».

Ao seu nome

A situación prodúcese, ademais, mentres a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña denuncia que, máis de catro anos despois da sentenza de primeira instancia que devolveu Meirás ao patrimonio público, o inmoble continúa inscrito no Rexistro da Propiedade a nome da familia Franco, unha circunstancia que considera incompatible coa plena execución da resolución xudicial.

A desaparición que máis chama a atención dos investigadores é a da Virxe da Antiga. Non se trata unicamente dunha imaxe medieval de notable valor histórico e artístico. A documentación localizada por Babío demostra que xa pertencía ás Torres de Meirás cando Emilia Pardo Bazán levantaba o conxunto arquitectónico a finais do século XIX. Unha postal manuscrita datada o 28 de maio de 1906 e enviada pola escritora á súa amiga Carmen Miranda Armada reproduce unha fotografía da escultura baixo unha lenda impresa que apenas deixa lugar ás dúbidas: «Nuestra Señora de la Antigua. Imagen del siglo XII que se venera en la capilla de las Torres de Meirás».

Escultura en pedra da virxe da Antiga, réplica da talla medieval da capiilla, na cantería entre as dúas torres do pazo / Fonte: Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña

A devoción de Pardo Bazán por aquela talla era tal que mandou reproducila en pedra para colocala no centro do grande arco monumental que preside a entrada principal entre as dúas torres, onde continúa máis dun século despois. A imaxe orixinal permaneceu, porén, na capela privada. Alí seguiu tras a apropiación de Meirás por Francisco Franco. As imaxes do NO-DO do 1 de xaneiro de 1966 amosan o ditador e Carmen Polo rezando diante do altar mentres varios primeiros planos se deteñen precisamente sobre esa Virxe románica.

Babío sitúa a segunda desaparición no gran vestíbulo de entrada ao pazo. Alí, a ambos os lados dunha mesa de madeira tallada, erguíanse durante décadas dous grandes cabeiros de elefante africano duns metro e medio de lonxitude. Non eran simples elementos decorativos. A súa chegada a Meirás quedou recollida na prensa da época. O 24 de abril de 1940, apenas un ano despois do remate da Guerra Civil, El Compostelano e El Ideal Gallego informaban de que chegaran ao porto da Coruña a bordo do vapor Escolano, enviados desde a Guinea española polo gobernador xeral do territorio, Emilio Aspy y Vaamonde, para seren trasladados á residencia estival do xefe do Estado.

Agasallo de Estado

Ambos os dous xornais explicaban que os cabeiros foran agasallados por un cazador da colonia africana «admirador del Generalísimo» e remitidos a través do gobernador xeral de Guinea ao gobernador civil da Coruña para a súa entrega en Meirás. A intervención directa das máximas autoridades da administración colonial converte aquel obsequio en algo máis ca un regalo privado: un agasallo de Estado. «Venían remitidos (…) para el Pazo de Meirás, residencia veraniega del Caudillo», resumía El Compostelano. Durante décadas permaneceron no mesmo lugar onde foran instalados. Fotografías tomadas xa neste século amosan que seguían presidindo o vestíbulo principal moito despois da morte de Franco. Hoxe tampouco están.

Os cabeiros de elefante que o gobernador de Guinea enviou a Franco en 1940, no hall de entrada do pazo / Fonte: Carlos Babío

A súa desaparición encaixa nun problema moito máis amplo: a enorme dificultade para reconstruír o patrimonio artístico que o ditador foi acumulando durante a guerra e a posguerra. «É evidente que as entregas directas a Franco deixaron moi escasa, por non dicir nula, información documental», explica Arturo Colorado, catedrático emérito de Arte e Comunicación da Universidade Complutense de Madrid e un dos maiores expertos no espolio artístico durante o franquismo. «En moitas ocasións non deixaron rastro, non deixaron pegada do que levaban ou do que lles levaban».

Colorado leva anos documentando como numerosas obras de arte procedentes de incautacións, depósitos públicos ou entregas nunca suficientemente aclaradas acabaron decorando as residencias oficiais e privadas do ditador. No seu libro Arte, botín de guerra. Expolio y diáspora en la posguerra franquista lembra que Franco sentía unha «auténtica paixón pola arte e as antigüidades», unha afección que xa cultivaba antes da Guerra Civil percorrendo o Rastro madrileño e que, tras a súa vitoria, se viu alimentada por un fluxo constante de mobles, pinturas, esculturas e obxectos históricos destinados a decorar tanto as súas residencias oficiais como as privadas. «Se houbo entregas de obras ás residencias privadas de Franco», escribe o investigador, «estas non deixaron pegada documental».

Colorado reconstrúe como o Servizo de Defensa do Patrimonio Artístico Nacional destinou centos de pezas ao castelo de Viñuelas —primeira residencia madrileña de Franco— e, posteriormente, ao Palacio do Pardo, algunhas delas procedentes de depósitos republicanos e outras pertencentes a propietarios perfectamente identificados. Porén, cando aborda o caso de Meirás, a documentación desaparece. «Resulta difícil, por non dicir imposible, precisar se se fixeron entregas de obras ao Pazo de Meirás (…) pois non existe expediente ningún neste sentido, aínda que se sabe que albergaba unha importante colección de obras de arte», sinala Colorado. «De todo o que levou a familia Franco hai moi pouca documentación; deixaron moi poucas pegadas», resume agora o investigador.

O cadro de Julia Minguillón

A terceira peza cuxa desaparición documentan os investigadores ten un forte valor simbólico para o patrimonio artístico galego. Trátase dun cadro de Julia Minguillón, unha das pintoras máis recoñecidas do século XX e autora de Escuela de Doloriñas, a obra coa que obtivo a Primeira Medalla da Exposición Nacional de Belas Artes de 1941 e que hoxe conserva o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, depositada no Museo Provincial de Lugo. Un lenzo moi semellante colgou durante décadas da galería do primeiro andar de Meirás. A súa presenza quedou recollida no inventario elaborado pola Deputación da Coruña en 1988 e tamén en numerosas fotografías tomadas durante os anos en que o pazo permaneceu en mans da familia Franco. As imaxes actuais amosan, porén, que aquela pintura foi substituída por outra.

Babío considera que estas tres ausencias evidencian ata que punto o coñecemento sobre os bens mobles de Meirás segue a ser incompleto. Os investigadores lembran que o inventario xudicial se realizou cando o pazo xa permanecera durante meses baixo control exclusivo da familia tras a sentenza que ordenou a súa devolución ao patrimonio público e sosteñen que ninguén reconstruíra previamente, de maneira sistemática, o contido artístico que albergara durante décadas.

Detalle do cadro de Julia Minguillón (d) xunto á súa antiga localización no pazo de Meirás antes de que desaparecese / Fonte: Carlos Babío

«Tras a morte de Franco desapareceu boa parte do patrimonio que acumulaban as Torres de Meirás», sostén a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, cuxos portavoces lamentan que «Franco pasou 37 veráns en Meirás; os seus descendentes, case 47», e conclúen: «Meirás recuperouse, pero o seu patrimonio aínda non».

A Xunta de Galicia asegura que nunca tivo competencias sobre os bens mobles do pazo. Fontes da Consellería de Cultura consultadas por Público-Luzes lembran que «o Goberno central mantén aberto un proceso xudicial sobre os bens do pazo de Meirás» e engaden que o decreto de 2008 polo que o inmoble foi declarado ben de interese cultural «fai referencia ao inmoble», polo que «a Xunta nunca tivo competencias sobre os bens mobles».

O Goberno non responde

Máis incógnitas rodean a actuación da Administración Xeral do Estado. O Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, que dirixe Ángel Víctor Torres, non respondeu ás reiteradas chamadas e mensaxes deste xornal preguntando se a Secretaría de Estado de Memoria Democrática coñecía a existencia destas tres pezas, se advertira a súa desaparición ou se prevé emprender algunha actuación para tentar localizalas. Á hora na que se rematou de redactar este artigo, tampouco responderan ás preguntas de Público-Luzes do Ministerio de Cultura, dirixido por Ernest Urtasun, nin o Concello de Sada, cuxo alcalde, Benito Portela, participa na comisión institucional encargada do futuro do pazo.

Público-Luzes tamén intentou recoller a versión da familia Franco a través da Fundación Francisco Franco, entidade que durante anos xestionou as visitas públicas a Meirás antes da súa devolución ao Estado. Este xornal preguntou se teñen constancia da existencia da Virxe románica, dos cabeiros de elefante e do cadro de Julia Minguillón; se consideran que esas pezas forman parte do patrimonio da familia; se saben quen as retirou do pazo e cando abandonaron o inmoble. Á hora de pechar esta información, a Fundación non respondera.

Fotografía actual do interior do pazo de Meirás, co cadro que substitúe ao de Julia Minguillón na galería do primeiro piso / Carlos Babío

O pasado decembro, a cidade de Santiago recuperou as dúas estatuas románicas atribuídas ao Mestre Mateo, creador do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, que Carmen Polo ordenara levar a Meirás en 1954 despois de advertir durante unha recepción que se atopaban na sede do Concello compostelán, o seu propietario legal. Tras setenta anos en mans da familia Franco, que chegou a exhibilas na capela do pazo á intemperie e sen protección ningunha malia o seu extraordinario valor histórico e artístico, as figuras foron trasladadas ao Museo do Pobo Galego.

Máis de catro anos despois de que os tribunais devolveran Meirás ao patrimonio público, porén, a escultura románica que Emilia Pardo Bazán veneraba naquela mesma capela e que mandou reproducir en pedra sobre a fachada principal xa non recibe os visitantes. A copia continúa vixiando a entrada do pazo. A talla orixinal, non.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail