Rueda oculta os expedientes dos contratos a dedo da Xunta coa empresa do cuñado de Feijóo

A Coruña.- O Bloque Nacionalista Galego (BNG) anunciou este venres que pedirá o amparo da presidencia e da mesa do Parlamento de Galicia tras a negativa da Xunta de Alfonso Rueda a facilitarlle o acceso aos expedientes dos contratos de emerxencia adxudicados durante a pandemia de Covid pola Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Entre eles figuran os que afectan a Universal Support, empresa cuxo director comercial é Ignacio Cárdenas, cuñando do expresidente da Xunta e líder do PP Alberto Núñez Feijóo.

Segundo explica o BNG nunha nota de prensa, os deputados nacionalistas solicitaron hai meses eses expedientes ao amparo do regulamento da Cámara, que os faculta para «solicitar das administracións públicas os datos, informes ou documentos que obren en poder destas», segundo figura no artigo 9 dese texto.

No canto de remitirllos, como é preceptivo, a Xunta citou este venres nas dependencias da Consellería a dous dos deputados, Luís Bará e Iago Tabarés. Segundo eles non só non se lles entregou a documentación solicitada, senón que só se lles permitiu ver, baixo supervisión de varios altos cargos, «documentos determinados na pantalla dun computador» no que puideron comprobar «que non estaba toda a documentación solicitada».

Sen datos persoais que xustifiquen as restricións

O BNG aclara que non reclamou informes con datos que afectasen a intimidade das persoas ou doutro tipo que xustifiquen a restrición ou limitación na consulta dos expedientes.

Tabarés asegurou que se trata dunha «nova manobra» do Goberno de Alfonso Rueda para restrinxir o acceso a eses contratos adxudicados «a dedo» e sobre cuxa legalidade, afirmou, o Consello de Contas de Galicia, organismo encargado de fiscalizar o gasto das administracións galegas, expresou «serias dúbidas».

Entre a documentación que o BNG solicitou figura a relacionada cos contratos de emerxencia asinados con Universal Support, dedicada ao telemarketing, sen relación co sector sanitario e á que, tal e como publicou Luzes-Público en abril pasado, a Xunta adxudicou cantidades que suman preto de 20 millóns de euros dos fondos anticovid.

Segundo o Consello de Contas, a empresa do irmán da parella de Feijóo, Eva Cárdenas, foi en 2021 a máis beneficiada polos fondos de emerxencia fornecidos polo Estado ás comunidades autónomas para combater a epidemia.

Sibucu e a parella de Ayuso

O Bloque tamén reclamou información sobre os contratos con Sibucu, sociedade dun empresario próximo ao PP que no ano 2020, e como tamén desvelou Luzes-Público, levou un contrato de emerxencia da Xunta por dous millóns de euros, e varios da Comunidade e do Concello de Madrid, destinados á compra de máscaras que resultaron ser certificadas con selos falsos. A Comunidade e a Xunta volveron comprar a Sibucu cando xa se ordenou a retirada do mercado das súas máscaras.

Así mesmo, os deputados nacionalistas solicitaron documentación sobre os contratos con Mapé asesores, empresa coa que mediou Alberto González, parella da presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, investigado por presunta fraude fiscal.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail