50.000 galegos viven xa en municipios sen sucursal bancaria

Feijóo regala 2,8 millóns aos bancos para que instalen caxeiros nas vilas que abandonan.

A Coruña.- Ao redor de 50.000 galegos habitan xa en municipios que non contan cunha soa sucursal bancaria, o que constitúe un dos efectos máis perversos do proceso de concentración das entidades tras o crac do 2008 e a errada reordenación do sistema financeiro de Galicia. A crise económica derivada da emerxencia sanitaria veu agudizar ese proceso.

Son 43 municipios rurais sen banco na Galicia baleirada, todos no interior das catro provincias, onde boa parte da poboación a forman pensionistas a quen a Administración obriga a ter unha conta corrente onde recibir as súas prestacións. Nas súas vilas non hai oficina bancaria, a cobertura de telefonía móbil e os servizos de Internet son alí os de peor calidade e, en moitos casos, trátase de persoas que non teñen as habilidades e formación necesarias para manexar o seu diñeiro utilizando as novas teconologías e a banca en liña.

No ano 2008, segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), había en Galicia 2.534 oficinas de entidades de crédito. Por entón o país contaba cun sistema financeiro propio, asentado e competitivo: Caixanova, Caixa Galicia, o Banco Pastor, o Banco Gallego, o Banco de Galicia, o Banco Etcheverría… Todos caeron e acabaron sendo absorbidos polos catro grandes que hoxe copan o mercado en réxime de oligopolio de facto: Abanca, o Santander, BBVA e CaixaBank suman o 82% do negocio bancario galego. Entre Abanca e o Santander teñen case o 60%.

Desde hai meses sucédense en Galicia manifestacións e protestas contra o peche de oficinas que apenas atopan eco na prensa local, e menos aínda nos medios públicos que manexa a Xunta. Unha das últimas foi no Mesón do Vento, 300 habitantes na estrada xeral Santiago-A Coruña, e frecuentado cruce de camiños ata a construción da AP9. O peche da sucursal de Abanca deixou o pobo sen banco. Os máis próximos están en Carral e en Ordes, a dez quilómetros ao sur e ao norte do pobo por unha estrada pola que só pasa un autobús ao día para ese traxecto. A viaxe en taxi custa entre corenta e cincuenta euros ida e volta.

Protesta contra po peche dunha oficina de Abanca en Ourense en marzo pasado / Foto: CIG.

«É inxusto que se recorten os servizos á clientela e se destrúa emprego, mentres o dono de Abanca, Juan Carlos Escotet, embolsou 3.000 millóns de euros desde o ano 2014, cando se privatizaron as caixas de aforros», sinalaba o día da manifestación Clodomiro Montero, secretario da sección sindical da Confederación Intersindical Galega (CIG) en Abanca.

Hoxe as sucursais bancarias de Galicia non chegan a 1.300, preto da metade das que había hai apenas trece anos. «Estamos en números dos anos setenta», afirma Óscar Calvo, secretario de Organización da Federación de Banca da CIG. O sindicato vén de denunciar as entidades financeiras á Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, acusándoas de pactar a redución dos horarios de caixa para o púbico en Galicia: en todas, só se atenden esas operacións entre as oito e as once da mañá. «Trátase de incomodar os clientes, complicarlles a vida para que deixen de ir ao banco e migren á banca en liña ou para que se limiten a usar os caixeiros, para así xustificar os peches e máis despedimentos masivos», sinala. As oficinas que se substitúen por caixeiros non só se pechan no rural, senón nos barrios obreiros das cidades, como sucedeu recentemente en Catabois, Ferrol e Monelos, na Coruña.

A Xunta destina tres veces e media máis cartos a subvencionar a instalación de caixeiros que a incentivar a compra de piso a menores de 35 anos en concellos pequenos

O dos caixeiros resulta alucinante, porque, lonxe de combater a destrución de emprego e o abandono do rural que provocan os peches dos bancos, a Xunta de Feijóo parece camiñar no sentido contrario incentivando aos bancos con diñeiro público para que os instalen nas poboacións que abandonan ou prevén abandonar. O pasado 22 de xuño, o Diario Oficial de Galicia publicou unha orde da Consellería de Economía e Facenda ofrecendo máis de 2,8 millóns de euros en axudas directas ás entidades para «a instalación, mantemento e posta en funcionamento de caixeiros automáticos» e para sufragar «a prestación dun servizo de asistencia e formación financeira» á súa clientela.

Só no primeiro trimestre deste ano os bancos españois ingresaron 3.170 millóns de beneficios, segundo a Asociación Española de Banca (ABE). Fronte aos 2,8 millóns que lles ofrece a Xunta para instalar caixeiros, as axudas do Goberno autonómico para incentivar a compra de vivenda por parte de menores de 35 anos en municipios de menos de 5.000 habitantes non superan os 800.000 euros. É dicir, 3,5 veces menos. Aos bancos daranlles 14.200 euros por caixeiro se xa pecharon oficina, e ata 10.650 se deciden pechala desde agora ata o 2025. Unha parella que vaia a vivir a Mesón do Vento recibirá un máximo de 10.800 euros para comprar alí a súa casa.

Caixeiro do Banco Santander

Ademais dos 43 municipios sen banco, noutros 114 de Galicia só hai unha sucursal, polo que os seus veciños -son máis de 270.000, o 10% da poboación galega- non só non teñen opción de elixir a entidade que máis lles convén ou convence, senón que poden quedar sen oficina se os bancos deciden aproveitar as axudas de Feijóo para pechar a súa delegacion .

O das subvencións para os caixeiros, segundo a CIG, é «indecente». Porque en paralelo a esa tendencia á desaparición de sucursais discorre a sangría de empregos do sector. Só entre o 2009 e o 2019 perdéronse máis de 3.000 postos de traballo nos bancos de Galicia, segundo ABE. Para UXT serían máis de 4.500 desde o 2010. É dicir, entre o 44% e o 70% dos que había, segundo a fonte á que se acuda. Para actualizar calquera das dúas cifras hai que sumar os que xa se destruíron durante a emerxencia sanitaria, e as novas regulacións de emprego que o Santander, Caixabank e o BBVA anunciaron a pasada primavera, e que afectarán a outros 600 traballadores.

Boa parte do emprego perdido estaba en Abanca, que tiña 7.800 traballadores no 2009 cando aínda existían Caixa Galicia e Caixanova, antes de que Feijóo impulsase a errada fusión que terminou coa venda da entidade a Escotet, que xa comprara o Banco Etcheverría. Hoxe non supera os 6.000 empregados, incluíndo aos das redes de oficinas de Deutsche Bank en Portugal e da Caixa Geral de Depositos en España, que Abanca adquiriu no 2019 e o 2020, respectivamente.

Abanca asegura que a súa rede «dá cobertura ao 98% da poboación galega» e que «mantén o seu compromiso fronte á tendencia xeneralizada do sector» como única entidade con presenza en 121 dos 313 municipios de Galicia. «Cando se reordena unha oficina e se redirixe a súa actividade cara a outra, faise en base a unha detallada análise», engaden fontes da entidade. «Aínda que a oficina afectada deixa de ofrecer atención persoal, de forma xeneralizada está a manterse o caixeiro automático, que permite realizar de forma cómoda e segura as operacións máis necesarias e frecuentes», indican.

Protesta en Compostela contra os despidos do BBVA / Foto: CIG

O Banco Santander, a segunda entidade de Galicia e que quedou co Banco Pastor e co Banco de Galicia, sostén que a desaparición de sucursais no rural responde o proceso «de transformación» do sector tanto polas fusións como pola crecente demanda «de operativas a través de canles dixitais». «Somos moi conscientes de que o peche de oficinas pode xerar dificultades de acceso á banca nas zonas rurais», recoñecen fontes do banco. E engaden que para iso adoptaron dúas medidas: «un acordo con Correos para que as súas oficinas e carteiros fagan servizos de caixa, e outro acordo con Mapfre para que a súa rede de axentes comercialice os nosos produtos».

En canto a CaixaBank, afirma que unha cuarta parte das súas oficinas están en municipios rurais, e que o banco «aposta por manter esta rede para favorecer a proximidade ao cliente e a inclusión financeira de toda a poboación». Cando anunciou o seu ERE en xuño pasado, os sindicatos dixeron que a intención da dirección era «desmantelar a rede rural» na comunidade. Agora, Caixabank afirma que «aposta por non abandonar» ningún municipio no que sexa a única entidade -non hai ningún en Galicia- e que conta «cun servizo de dezaseis oficinas móbiles que percorren pobos sen sucursal bancaria e que ofrecen servizo a clientes e non clientes co obxectivo de contribuír á loita contra a exclusión financeira». Os ofibuses de Caixabank funcionan en 11 provincias de España, é certo, pero en ningunha das catro de Galicia.

O aforro dos galegos medrou 186.196 millóns de euros nos últimos trece anos

O BBVA tamén sostén que o proceso de reestruturación do sector bancario responde á crecente demanda de operativas a través da banca en liña, pero que aínda así mantén «unha potente rede de axentes comerciais» que seguen atendendo aos seus clientes. «Cando pechamos oficinas analizamos minuciosamente e caso por caso as necesidades e as posibilidades que temos para seguir prestando servizos especializados. Pero o que maioritariamente nos piden os nosos clientes é que esteamos dispoñibles 24 horas ao día, 365 días ao ano. A dixitalización chegou para quedar», conclúen.

Ofibús de CaixaBank / Foto: CaixaBank

O certo é que ese proceso está a minar as posibilidades de desenvolvemento de moitas zonas rurais, onde a carencia de servizos esenciais -a banca éo- torpedea a posibilidade de asentar e atraer poboación no rural. E iso que o negocio bancario non deixou de crecer en Galicia no mesmo período en que o que decenas de municipios ían quedando sen banco e miles de empregados, sen o seu posto de traballo. No últimos trece anos, os aforros dos galegos que manexa a banca creceron en 186.196 millóns de euros. E a débeda das administracións públicas -principalmente a Xunta- con esas entidades pasou de 48.000 a máis de 74.000 millóns.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail