Transpirar sen fuxidas

Nun momento no que España demostra non saber dialogar, o teatro preséntase como un esquecido que coñece a resposta. Tanto que falamos de Lorca e o pouco que o aplicamos. Porque é máis importante entender polo que vivía que entendelo como un mártir dunha suposta causa. En tempos de caos, clásicos: «Un pueblo que no ayuda y no fomenta su teatro, si no está muerto, está moribundo». E por que? Porque sen empatizar co alleo é imposible dar o mellor que tes dentro.

Xusto este mércores 24, previo ó día de Galicia, foi un claro exemplo de transparencia e entrega. De suar a empatía para chegar á beleza sen ignorar nin esquivar as adversidades. Pola mañá fun á clase aberta que pechaba o curso sobre teatro comunitario que deu Ibuprofeno Teatro no Auditorio Manuel María. Alí vimos un traballo fresco e entusiasta, baseado nos rituais que rodean a morte. É tremendo o que se pode facer en tres días se se enfocan as cousas ben. Levaba días querendo ver A.K.A (also known as). Nun comezo dixéranme que estaba moi difícil, pero conseguiron ampliar o aforo e tiven a inmensa sorte de poder estar. No meu caso, foi un deses espectáculos que marcan. Que conseguen atravesarte, deses que conectan contigo para instalarse na memoria. Soa esaxerado, seino, pero pasoume así. Xa a intuición que tiña era moi forte, e non sabía moi ben o motivo. Seguila foi verdadeiramente satisfactorio. A historia, contada dunha forma moi cercana (xa dende que o actor foi facendo de «acomodador» antes de comezar) e dunha axilidade vertixinosa. Os cambios de ritmo continuos, e sempre con sentido, coherencia e sensibilidade. Un adolescente de quince anos, que se ve envolto nun caso de xenofobia no seu primeiro amor. A ilusión dunha persoa normal, cos seus medos e aficións, rota transversalmente pola denuncia dunha violación que non foi tal. O pensamento voa a través da escena, facéndonos bailar e sufrir por igual. Un monólogo inclusivo que non ten nada de pedante nin distanciado. Pura maxia. Non me extraña nada que lle desen a Albert Salazar o Max 2019 ao mellor actor, e a Daniel J. Meyer a mellor autoría revelación tamén este ano.

Mulïer, da compañía Cía.

Sen chegar a dixerir de todo o que acababa de pasar, fomos en procesión ata a Alameda de Ribadavia. Alí no parque agardaba a xente para ver Mulïer, da compañía valenciana Cía. Maduixa. Cinco mulleres danzando sobre zancos. Este espectáculo é unha homenaxe a todas as mulleres que durante séculos e séculos de opresión loitaron e seguen a loitar para manter vivo o seu eu salvaxe, e que reclaman o seu dereito de bailar e correr libremente polas rúas e prazas da nosa sociedade. Se te deixas levar, o espectáculo vaite atrapando, cunhas dinámicas que mesturan opostos con moita facilidade. Dozura con dureza, silencios e berros, alegría e pena, sufrimiento e pracer. Un xogo de equilibrios no seu sentido máis amplo. Unha reivindicación da liberdade a través do risco e a beleza.

O último paso do día, e non por iso menos relevante foi Transfiguration, de Olivier de Sagazan. Dende o meu punto de vista, é un exercio de liberdade artística puro e radical. Isto provoca que, ou polo menos teño eu esa sensación, que levou a algunhas persoas do público á fascinación e a outras ao rexeitamento. Eu pensaba que ía ver un espectáculo de teatro-danza, xogando co barro, pero foi o propio actor o que se converteu nunha peza de barro. Unha búsqueda continua de apertura e de seguir sentindo. Un exercicio extremo de sensibilidade. Ou, precisamente iso, pode ser considerado de insensibilidade, depende dos ollos que o vexan e, sobre todo, da cabeza que o procese. Eu non teño claro se o disfrutei ou non, paréceme que quedei polo medio destas dúas reaccións que citei antes.

Tranfiguration, de Olivier de Sagazan.

Escribo isto o día de Galicia e triste polo que ocorreu no Parlamento en Madrid hoxe. Tendo a sensación de que a intolerancia e a falta de empatía se curan con isto que vos acabo de relatar. Indo ao teatro. Volvendo a Lorca: «Un muerto en España está más vivo como muerto que en ningún sitio del mundo». Por iso transpirar teatro é un feito revolucionario en si mesmo, polo vitalismo que supón.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail