Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Coma todos os 25 de xullo chegou o momento de facer balance. A Galicia oficial xúntase para darse medallas e recoñecerse os méritos uns aos outros, nun intercambio de bicos e apertas que se van devolvendo de patrón en patrón. A Galicia nacionalista toma Santiago para manifestarse e enche a praza da Quintana avisando que xa se ve a terra prometida. Os que non son nin oficiais nin nacionalistas buscan sitios, fan ofrendas e inventan actos alternativos, non vaia ser o demo que nos confundamos se imos todos xuntos algunha vez.
Pensabamos que este ano ía ser diferente porque o único bo que nos tiña deixado aos galegos a sucesión de O Noso Mariano era que se acabara para sempre a turra de se O Noso Alberto se ía ou quedaba. Pero tamén niso estabamos equivocados. As cousas van tan ben e o presidente está tan contento que non perde ocasión de lembrarlle a todo quisque que no 2020 estará dispoñible para acudir ao rescate en Madrid. E volta a empezar. Nas tres lexislaturas de O Noso Alberto temos dedicado bastante máis tempo a falar de se marcha ou queda, que a falar da súa acción de Goberno, as súas leis ou as súas políticas. E se repasas os datos, enténdese fácil o porqué.
No ano 2009 Galicia debía 4.859 millóns de euros, o 8,60% do PIB, 1.752€ por cabeza. No ano 2017 Galicia debe 11.210 millóns de euros, o 18,40% do PIB, 4.147€ por cabeza. En 2009 non lle debiamos nada ao Estado e agora debémoslle case que 5.500 millóns de euros. Pero non todo son malas noticias, no 2011 tiñamos un déficit do 5,11% do PIB e agora estamos nun saneado 0,20%. Non me pregunten como puido medrar tanto a débeda e para que medrou nestes anos se o único que fixemos foi recortar masivamente no gasto en sanidade, en educación ou en políticas sociais; é un misterio.
No ano 2017 o PIB per capita español foi de 25.000€ mentres que o galego se quedou en 22.497€. En 2017 a nosa taxa de paro foi do 14,7%. Hoxe, en plena suposta recuperación, retrocedemos ao 15,1%, sendo as máis castigadas as mulleres -16%- e a xente nova -36,5%-; máis dun punto por riba dos datos de 2017. No ultimo barómetro sanitario do CIS, a sanidade galega obtiña un 6,49, quedando só por riba de Ceuta, Melilla, Canarias e Andalucía e por debaixo da media estatal: 6,68. A pensión media galega sitúase nos 794,16 euros, hai dez anos era a segunda máis baixa do Estado e hoxe ségueo a ser.
Por desgracia, sobran datos e motivos para cualificar os gobernos de O Noso Alberto como os peores da historia recente de Galicia; unha década perdida en termos de crecemento, benestar, innovación ou competitividade. Con semellante legado, ben se entende que O Noso Alberto volva dimitir de Galicia, declarándose dispoñible para Madrid en 2020 se daquela llo piden como é debido. Calquera sairía correndo.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán