A esquerda enclaustrada

A lexislatura vai de mal en peor, pero non está en risco. A única forma institucional recoñecida polo réxime do 78 de provocar un cambio de goberno é a moción de censura. Esta, ademais, debe ser construtiva; isto é, debe presentarse cun programa de goberno e un candidato alternativo. E mesmo se iso fose mera retórica, o certo é que o deseño institucional do réxime segue a prefigurar un cambio imposíbel: na matriz de intereses, PP e Vox prefiren esperar un ano e poder levar adiante o seu proxecto recentralizador a ter que entrar en negociacións cos nacionalismos de dereitas. Entre as filas destes, o medo a un goberno recentralizador de PP e Vox está máis que xustificado, polo que, polo de agora, prefiren ter un Sánchez atado e ben atado.

Con este escenario, Sánchez comprométese a sacar adiante uns presupostos que xa sabemos que non sairán, pero cuxa tramitación ofrece tempo abondo para poder seguir conservando o poder. As cousas serían ben distintas se o PP  desenvolvera unha cultura federalista a partir do autonomismo que mesmo Fraga Iribarne chegou a pensar. Porén, non é o caso, e o PP ambiciona en Madrid a liderar o novo ciclo de concentración da política española. Trátase, simplemente, de estender o ciclo da acumulación capitalista onde xa non chegan as dereitas nacionais de Euskadi e Catalunya. Ao cabo, se con Aznar Madrid deixou atrás a Barcelona para sempre, que non podería facer unha nova fase de concentración.

Ayuso xa leva preparando isto fai tempo. Un novo bloque hexemónico que faga pasar todas as decisións por Madrid. Cunha composición social global, na que xa leva incorporado anos de exilio venezolano, crentes evanxélicos e todo un complexo entramado que non só é a evidente clase alta das rúas do centro madrileño e últimamente xa dos barrios residenciais. Trae incorporados migrantes que están agradecidos por poder abandonar os seus países e atopar un traballo, mesmo se é en condicións que en Europa nos semellan inaceptábeis (a globalización ten unhas escalas sociais para as que Europa apenas é un área rica e provinciana).

Perante este cambio social, que tamén trae consigo un cambio cultural, a esquerda segue aferrada ao vello provincianismo. Lonxe de incorporar as novas realidades e de comprender a complexidade do que é artellar unha composición de clase na Europa actual, semella acreditar nos seus vellos postulados para reconstruír un bloque alternativo ao ultradereitismo rampante. E acontece así que se fala de «ciclo» cando en rigor non houbo tal. O que aconteceu foi un estoupido, unha sorte de big bang que, por falla dunha lectura axeitada, leva unha década xa esmorecendo.

E aos resultados electorais temos que remitirmos. Non houbo unha soa elección xeral das catro celebradas nas que non perdesen escanos: dos 71 de 2015 aos 31 de 2023. A cousa non mellora apenas se incluímos o BNG, ERC e Bildu: caendo de 80 deputados a uns 45 en 2023. Dito doutro xeito…: ollo, que non hai recuperación nacionalista do voto perdido polas esquerdas estatais. E iso é sobre o que opera a Hipótese Rufián, quen para ocaso é portavoz do nacionalismo que perdeu voto logo do fiasco procesista (Bildu e BNG gañaron, de feito, mesmo se non compensan o perdido).

Aquí é onde cabe preguntarse pola proposta Rufián, pois fóra de Catalunya o tema parece sentenciado, cando menos en parte. O matiz agúzase no voto galego, pois Sumar aínda podería argumentar ter un par de escanos pola Coruña e Pontevedra, que non semella que, á vista da deserción tremenda de voto nas últimas autonómicas, poida conservar. E Bildu atende a competición co PNV, na que xa fai tempo dixeriu o voto de referencia estatal en Euskadi.

Así as cousas, a solución volve depender principalmente de Catalunya, onde Rufián e Colau desenvolven senllas estratexias de reconfiguración das esquerdas, tan próximas a unha da outra que non se entende. Mais quen coñecer as realidades de ambos espazos sabe que son difícilmente compatíbeis a nivel orgánico. Baste con lembrar aquí como Junqueras dixo, literalmente: «Fun ao cárcere por Catalunya, non para que Colau sexa deputada de ERC».

Aquí é onde entra a terceira axencia da democratización en xogo. Se a política de notábeis (Junqueras, Rufián, Colau, etc.) é un obstáculo que a política de partidos (Esquerra, Comuns, BNG, Bildu, etc.) non sabe ou non pode resolver, é a quenda da política de movemento. Unha cidadanía activa debe organizar, como xa fixo en 2014, e obrigar a esquerda a que adopte urxentemente unha posición de diálogo fóra dos seus conciliábulos. O que non é de recibo é que o debate estea levado entre notábeis e que para artellar a alternativa teñan que mediar os partidos.

Desde 2011 vivimos un tempo de subsunción de notábeis e partidos nos movementos. Sen entender isto, van ser o PP e Vox quen apliquen unha nova fase de centralización, simetrización e concentración a todo o Estado. E á vista do que acontece polo mundo adiante, non é pouco o que nos xogamos acó. Tivemos a sorte dunha mobilización progresista en 2011, o que ben podería ser o inicio atrasado da Europa do atraso definitivo.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail