Ano 2060, Altri non logrou instalarse na Ulloa: o futuro de Galicia sen a macrocelulosa portuguesa

A Coruña.- 28 de xuño de 2060. Un autobús con turistas percorre a comarca da Ulloa, no centro da provincia de Lugo. Hai lustros que a zona se consolidou como exemplo de economía sostible na Galicia rural, grazas ao pulo dun tecido social que vive da produción de alimentos ecolóxicos e do coidado dos seus recursos naturais. Ademais, revitalizouse e rexuveneceu como terra de acollida de refuxiados climáticos de todo o planeta, tamén dos que foxen das asfixiantes cidades do sur e o centro de España e de Europa. De súpeto, o autobús detense e a guía que dirixe o percorrido sinala co dedo unha extensión de 366 hectáreas de parcelas pintadas de miles de tons de verde xunto ao Camiño de Santiago: «Alí empezou todo».

O parágrafo que abre este artigo é unha ideación libre de como resultará a iniciativa que varios veciños da zona vinculados á Plataforma Ulloa Viva prepararon para este sábado en colaboración coa promotora artística Concomitentes: unha perfomance que simulará un roteiro turístico pola Ulloa 35 anos despois de que a multinacional portuguesa Altri tentara sen éxito levantar unha macrofábrica contaminante de pasta de celulosa no municipio de Palas de Rei. A Galicia de 2060 aínda conserva ben vivo o recordo colectivo daquel movemento social liderado por mulleres, que combateu e venceu os poderes políticos e económicos que promovían aquela aberración.

«Imaxinamos un futuro no que se promove a soberanía alimentaria, no que se vive a ritmos máis próximos aos da natureza, no que o concepto do crecemento ilimitado xa non funciona e foi substituído por outros: a sustentabilidade, a solidariedade e a cooperación, a valorización do tempo libre como elemento esencial para o goce de dereitos sociais e culturais..», explica Ana Escariz, responsable de comunicación de Concomitentes e, xunto a Ana Moure, mediadora do proxecto. «Nese futuro hai conciencia de que a loita contra Altri foi o momento a partir do cal as cousas empezaron a cambiar, e queriamos positivizala: pasar do Altri Non á Ulloa Si», detallan.

Concomitentes é unha produtora que promove a creación de obras artísticas e que media entre a sociedade civil que as encarga e os e as artistas que as producen. Leváronas ou están levándoas a cabo en municipios afectados pola DINA de València para a reconstrución colectiva do espazo a través de estruturas urbanas simbólicas e prácticas; para a revalorización do patrimonio natural nos Vales Pasiegos de Cantabria; sobre a recuperación da memoria e a reparación de feridas físicas, emocionais e paisaxísticas en antigos pobos mineiros de Palencia, para a defensa e celebración da diversidade funcional en Barcelona…

Comarca vinculada á agrogandería ecolóxica

Escariz conta que o ano pasado varias veciñas da Ulloa, algunhas delas vinculadas á Ulloa Viva, puxéronse en contacto con Concomitentes para idear representacións artísticas que desen saída á súa necesidade de expresar os retos aos que se enfronta o modo de vida da comarca, vinculada ao sector agrogandeiro ecolóxico, ante o cambio climático, a crise da biodiversidade e a expansión dos modelos produtivos da grande industria alimentaria destinados a satisfacer as necesidades de consumo das sociedades urbanas.

Voluntarias sostendo a tea azul de 150 metros simulando o río Ulla que atravesou a manifestación contra Altri do pasado 15 de xaneiro en Santiago / Laura Prieto Álvarez

A eses problemas, na Ulloa únese a intención da multinacional portuguesa Altri, da enerxética galega Greenalia e da Xunta de Galicia de instalar un macrocomplexo fabril de celulosa que, aseguran, pon en perigo non só a súa natureza e a súa paisaxe, senón a viabilidade de miles de granxas ecolóxicas e empresas familiares dedicadas á produción e transformación de ácteos. Así xurdiu Os contos do leite, un proxecto cultural e artístico que defende «que A Ulloa non está baleira, como se sobreentende de calquera contexto rural, senón chea de vida e de patrimonio natural e cultural».

Os contos do leite xa realizou accións imaxinativas como visitas a granxas e pemes para desenvolver a lectura de contos e narracións en voz alta; e sesións explicativas dos seus procedementos produtivos, incluído o muxido de vacas. As súas promotoras tamén participaron nas protestas contra Altri, e na manifestación do pasado 15 de xaneiro en Santiago coordinaron a decenas de voluntarias para que portasen unha tea azul de 150 metros simulando o río Ulla. Ademais do roteiro deste sábado, a finais deste ano e principios do que vén planean tamén desenvolver outras accións en colaboración con Future Farmers, unha plataforma internacional de artistas, deseñadoras, arquitectos, antropólogas, escritores, programadoras informáticas e agricultoras empeñadas en crear obras e proxectos que cuestionen e deconstrúan as certezas do pensamento establecido.

Aprender a decrecer

«É imposible seguir este ritmo, é inasumible para o planeta pero tamén para as persoas. Temos que aprender a decrecer. E é inaudito que ante da emerxencia climática que estamos a enfrontar a alguén se lle ocorra que pode seguir forrándose á conta dos recursos naturais de todos e arruinando o modo de vida e o porvir de toda unha comarca», apunta a actriz Mónica García, que exercerá de guía pola Ulloa do futuro na perfomance que prepara Os contos do leite.

«É inaudito que ante a emerxencia climática que estamos a enfrontar, a alguén se lle ocorra que pode seguir forrándose á conta dos recursos naturais de todos e arruinando o modo de vida e o porvir dunha comarca e dun país»

García é de Agolada (Pontevedra), a menos de 20 quilómetros en liña recta de Palas de Rei e onde se sitúa parte do encoro de Portodemouros, sobre o río Ulla, onde Altri prevé verter 30 millóns de litros de augas depuradas pero aínda contaminadas que cruzarán media Galicia ata chegar aos bancos marisqueiros da ría de Arousa. Se o futuro de Galicia acabase vinculado a Altri, a Agolada tamén chegarán as cinzas, os gases e a choiva aceda derivada das emisións tóxicas que a fábrica expulsará á atmosfera a través dunha cheminea de 75 metros.

García non quere desvelar nada da representación do sábado, pero si anuncia que o percorrido incluirá paradas fronte a esas 366 hectáreas de terreos verdes onde Altri pretende instalarse, e en varias explotacións gandeiras sostibles que xa funcionan e que non son futuro, senón presente. Alí empezou todo. «Hai un tecido socioeconómico consolidado que xa existe, e que quizá explica a contundencia da resposta social contra a celulosa», subliña a actriz. «A loita contra Altri será lembrada como un fito na loita do pobo contra o poder, porque somos e seguiremos sendo un pobo que ama e vive apegado á súa terra e que se revolve cando alguén tenta destruíla», conclúe.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail