Galicia inicia a campaña electoral coa sanidade e Alcoa no centro do debate

Durante os próximos quince días as forzas políticas terán que adaptarse ao escenario da pandemia con mitins reducidos sen bicos nin abrazos cos votantes. O candidato favorito é Alberto Núñez Feijóo que aspira á súa cuarta maioría absoluta na comunidade.

Comeza a campaña máis atípica na comunidade galega. As eleccións autonómicas do 12 de xullo foron resultado dun aprazo polo coronavirus cando o estado de alarma impediu a celebración dos comicios. Aínda nun escenario excepcional os partidos terán que adaptar as súas mensaxes a mitins máis pequenos reducindo o contacto cos simpatizantes. O barómetro CIS apunta a que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantén a súa maioría absoluta, o que o igualaría ao seu predecesor, Manuel Fraga.

Despois de que o líder do PPdeG se convertese na imaxe da xestión da pandemia en Galicia a forza pon por bandeira a anticipación e o reforzo ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) por parte da Xunta, incluíndo mesmo nun dos seus vídeos propagandísticos unha declaración de Fernando Simón: «Galicia fixo un traballo excelente». Á vez, e como foi a tónica os últimos meses, Feijóo marcaba distancia cos populares de Madrid fuxindo da crispación política e iso queda reflectido no lema de campaña onde as siglas do PPdeG empequenécense e agrándanse as do presidente.

«Son un candidato libre. Libre para deberme aos galegos e a ninguén máis», cita Feijóo na propaganda electoral do partido. Con todo, a oposición non opina o mesmo e cre que durante estes meses aproveitou o mando único e exerceu un goberno de confrontación co Executivo estatal. Durante toda a precampaña o presidente recuperou un ton favorable, aínda que non dubida en lanzar dardos á xestión de Pedro Sánchez da COVID-19 comparándoa coa da Xunta, principalmente por compras de material sanitario.

A sanidade pública en Galicia mobilizou a toda unha poboación un mes antes de que se iniciase o estado de alarma. En febreiro as plataformas e asociacións gritaban nas rúas os grandes problemas do Sergas: a situación das traballadoras que concatenan traballos temporais, a precariedade en Atención primaria, as longas listas de espera e tamén o descoido dos hospitais comarcais, que se fixo visible co peche do paritorio de Verín e que logo o Goberno galego tivo que rectificar polas presións sociais.

«Un recorte de 2 millóns de euros na sanidade e un déficit dunhas 500 camas nos hospitais públicos», critica o candidato á Xunta polo PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero. «Núñez Feijóo transformou o Sergas nunha ETT que despreza ao seu persoal», expuxo o líder de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, alegando que o «decenio negro» de Feijóo tradúcese en inestabilidade nos contratos, falta de medios e de incertezas laborais para o persoal sanitario.

Galicia comeza a campaña con dous rebrotes breves na comunidade. Un na Mariña (Lugo), onde se identificaron oito positivos por coronavirus, cifra que pode ir en aumento a medida que se realicen as probas ás persoas do círculo familiar coas que estiveron en contacto. Outro tivo lugar en Ribeira e A Pobra do Caramiñal (A Coruña), que afecta a nove persoas polo momento.

A candidata á Xunta polo BNG, Ana Pontón, afeou a Feijóo a «frivolidade» co persoal sanitario que «o deu todo na pandemia» e pregúntalle sobre o protocolo da Xunta en caso de rebrotes. «O Goberno proclama que Galiza é destino seguro, pero os galegos e as galegas tamén queremos que Galiza sexa seguro para as persoas que vivimos aquí», engadiu Pontón. Sostivo que, por parte do presidente da Xunta, as respostas veñen en forma de ocorrencias «indignas» como o bono de hostalería de 250 euros para o persoal sanitario, que xa foi rexeitado polos traballadores do Sergas.

Crise na política industrial galega

Por outra banda, os partidos fan eco da difícil situación de Alcoa (Lugo) e despois do 12 de xullo prometen garantir o emprego. O 28 de maio a multinacional de aluminio primario de San Cibrao anunciou un despedimento colectivo que afectaría a 534 familias, que pode desembocar nun peche total da planta. É a empresa que máis postos de traballo xera na provincia lucense e o persoal e a política local reivindican desde hai anos a aprobación do Estatuto Electrointensivo.

Desde Madrid a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, sostivo que Alcoa quere «subvencións, subvencións, subvencións, en vez de proxectos para manter o emprego». Con todo, por parte da Xunta, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, diríxese ao Goberno Central para pedir axuda e pide que poñan «por escrito o seu compromiso» para «aprobar un marco eléctrico competitivo que se poida poñer en marcha de forma inmediata».

A oposición crítica que Feijóo se lave as mans e ignore o artigo 30 do Estatuto de Autonomía. O BNG, con Néstor Rego no Congreso dos Deputados, reclamou a Maroto a nacionalización da planta de Alcoa. Tamén os nacionalistas piden solucións ao sector naval en Vigo e Ferrol, para a industria electrointensiva e a «necesaria transición xusta» para As Pontes e Meirama.

«Alcoa é o exemplo máis dramático de como a desidia e a incompetencia dun gobernante borra a Galicia do mapa, subsumida na súa ambición persoal e política», expuxo Gómez Reino. Pola súa banda, desde o PSdeG-PSOE subliñan as palabras da ministra de Industria e expoñen que a multinacional «ten que ter un mínimo de responsabilidade». «Despois de recibir tantas axudas, é hora de que cumpra», remarcou Gonzalo Caballero.

O vindeiro luns 29 terá lugar o primeiro debate de campaña na televisión pública galega, un debate a sete, ao que asistirá tamén o candidato de Marea Galeguista, Pancho Casal; de Ciudadanos Galicia o seu líder Beatriz Piñeiro e tamén Vox, aínda que se descoñece o candidato que acudirá. Un dos temas clave será a política industrial a través de Alcoa e tamén a sanidade pública e a xestión do presidente da Xunta da pandemia, unha oportunidade para que a oposición poida debater con Feijóo despois de que evitase asistir ao Parlamento e manter algún tipo de diálogo co resto de forzas políticas.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail