Nin tutelas nin tutías

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

O sempre expresivo portavoz do PP, Rafael Hernando, recoñecía o outro día que desde que el entrou no partido como concelleiro en 1983, ou sexa, desde hai 35 anos, esta é a primeira vez que se enfrontan a un proceso de sucesión sen tutelas. Ata agora, o Mesías do PP indicaba o camiño e todos ían detrás sen protestar. Por iso, estes días o desconcerto é o estado natural nun partido no que Rajoy non o deixou todo atado e ben atado.

A verdade é que as sucesións no PP sempre foron rechamantes. A primeira no verán do 89 no mítico chalet de Perbes, aínda entón moi afectado por un atentado do Exército Guerrilleiro. Alí estaba don Manuel quen, tralo seu baño matinal diario no Atlántico, fixese sol ou chovese, recibiu o alto mando do partido no salón da casa para decidir quen ía coller a súa substitución xa que el decidira retirarse a Galicia.

Todos apostaban por un mozo Aznar, menos Fraga que manexaba a sorprendente proposta de Isabel Touciño, seguramente buscando a Thatcher española. Nunca saberemos que resultados tería obtido, pero sería unha adiantada ao seu tempo porque 30 anos despois ningunha muller ocupou aínda a presidencia de ningún dos grandes partidos españois.

O Congreso que consagrou o aznarismo deixounos para a historia a famosa carta que Fraga rompeu diante das cámaras proclamando que no PP «no hay tutelas ni hay tutías».

Rajoy non deixou ningunha indicación no libro de instrucións e o que se supoñía que era a súa substitución natural quedou en Galicia a esperar un tren que talvez non volva pasar

Aznar presidiu o PP con man de ferro durante 14 anos e como fixo Fraga, reuniu tamén á cúpula do PP para comunicarlles a súa decisión. Fraga tiña unha proposta, pero deixouse convencer doutra. Aznar por suposto impuxo a súa sen discusión.

Os favoritos en 2003 eran Rato ou Mayor Oreja, pero o elixido finalmente foi Mariano Rajoy, o rexistrador da propiedade que pasara por varios ministerios sen facer ruído nin deixar pegada, sen crearse inimigos nin facerse un equipo propio, mais alá do clan de amigos de toda a vida de Pontevedra.

A Aznar preguntáronlle este pasado fin de semana en El Mundo que virtudes viu en Rajoy e a súa resposta non pode ser máis reveladora: era o que tiña menos inconvenientes naquel momento.

Rajoy decidiu agora romper coa tradición. A súa saída do Goberno e do partido foi tan brusca que a xente do PP segue en shock. Non deixou ningunha indicación no libro de instrucións e o que se supoñía que era a súa substitución natural quedou en Galicia a esperar un tren que talvez xa non volva pasar.

E así están, Soraya, Cospedal e Casado facéndose selfis por toda España improvisando unhas primarias logo de ter pasado anos mofándose das do PSOE. Ata produce tenrura velos aparentando ser cidadáns do montón, collendo o AVE moi cedo para atoparse cuns militantes que ata agora só eran extras nos mítines.

Mentres tanto, Rajoy marchou a Santa Pola á súa gañada e ben paga praza de rexistrador e a ver tan tranquilo os partidos do Mundial. A súa maior preocupación agora mesmo, segundo contaba Manuel Jabois este domingo en El País, é que Hierro non saca a Iago Aspas e nisto último o ex-presidente tenos a moitos do seu lado.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail