O cincuenta por cento

Propoño un exercicio, para a miña volta a este espazo coral que é Luzes (ola, canto tempo!). Nada complicado, un xogo ben sinxelo: abran a capa principal desta revista, tanto ten que sexa online ou na edición escrita. Collan un xornal, se están nun bar ou se son rara avis e aínda o mercan para casa. Poñan a radio. Agora, lean, escoiten e observen: cantas pezas atopan asinadas por homes? Cantas voces masculinas? E ao revés? Escoitan algunha muller? Asina algunha?

Dá igual cantas veces o denuncien as compañeiras de Xornalistas Galegas, pouco importa cantas veces píe o Colexio de Xornalistas pola igualdade: a prensa estatal está tan masculinizada como a sociedade que a consome.

O cincuenta por cento da poboación do planeta segue a ter unha representación irrisoria nos medios de comunicación. A cousa ten o seu aquel: hai máis de dúas décadas saín dunha facultade de comunicación absolutamente feminizada. A representación masculina, tanto na aula como despois da obtención do título, non superaba o 30%. Imaxinen cal foi a miña sorpresa ao descubrir, xa cun pé na redacción, que as tornas viraban case por completo. Na actualidade en Galicia, as mulleres copan o traballo de base nas redaccións dos medios, mentres eles, a outra metade do mundo, ostentan nun arrepiante 78% os cargos de responsabilidade. E nas seccións de opinión aínda é peor: as mulleres non chegamos nin ao 20%. Que igualdade é esta que non permite expresarse á metade das persoas que representa?

E, no medio disto, vaise Àngels Barceló da Cadena Ser. A última voz de muller que quedaba no bloque radiofónico xeralista da primeira hora da mañá. Alsina, Herrera, Jiménez Losantos, Novoa, Lucas… acompañan o espertar de milleiros de persoas que agora deixarán de contar coa única voz de muller nesa banda horaria. Cando lles falen de que o feminismo chegou moi lonxe, de que as mulleres xa poden ocupar todos os rangos laborais e de que xa non son precisas políticas de paridade nos lugares de traballo, poñan a radio.

Este xoves anunciouse quen substituirá a Barceló nas mañás da Cadena Ser. Adiviñan? Efectivamente, outro home. Ao longo destes días alberguei a lene ilusión de que tal cousa non acontecese, en nome do cincuenta por cento da poboación. E nin así. É curioso: ás veces, a esta sociedade tan teoricamente feminista e progresista na que habito, esquéceselle porse ante o espello.

Actualización:

Este xoves anunciouse quen substituirá a Barceló nas mañás da Cadena
Ser. Adiviñan? Efectivamente, outro home. Ao longo destes días
alberguei a lene ilusión de que tal cousa non acontecese, en nome do
cincuenta por cento da poboación. E nin así. É curioso: ás veces, a
esta sociedade tan teoricamente feminista e progresista na que habito,
esquéceselle porse ante o espello.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail