As dependentas de Inditex e do comercio vario da Coruña acampan fronte á sede da patronal

A Coruña.- As traballadoras do sector do comercio vario da Coruña, a maioría vinculadas á distribución téxtil e ás marcas da multinacional Inditex, cumpren hoxe o seu segundo día de acampada fronte á sede coruñesa da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Esixen que a patronal asine un acordo marco galego interprofesional e retire a súa intención de incluílas no convenio marco estatal que negocia a Asociación Retail Textil España (Arte), que, aseguran, pon en perigo as súas condicións laborais e salariais.

«Despois de sete xornadas de folga, manifestacións, trámites burocráticos e moitas outras accións sindicais, as traballadoras do comercio vario da provincia da Coruña damos un paso máis na nosa loita», aseguran nun comunicado no que lembran: «Non estamos pedindo avances, non estamos reclamando medidas que supoñan un custo adicional para as empresas, só pedimos manter os dereitos e salarios conquistados tras anos de loita sindical».

«Esiximos que se respecte a única vía que permite dar prioridade aos convenios provinciais fronte ao convenio estatal de Arte e frear esta perda de dereitos, non nos imos render», advirten as mulleres, que aseguran defender «a negociación colectiva en Galicia, os convenios provinciais e manter as condicións laborais para milleiros de traballadoras».

«A acampada continuará ata que exista unha vontade real de asinar este acordo marco interprofesional, algo que xa funciona con normalidade noutros sectores e noutras comunidades autónomas», engaden, para concluír: «A patronal da Coruña é a única que está bloqueando este acordo, presionada polo poder da multinacional que impulsa o convenio estatal de Arte: Inditex».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail