O Castelao non contado

Bos Aires.- A vida na Pampa arxentina cando era neno. A viaxe misteriosa dun baúl cheo de escritos. O destino do seu traballo, logo do saqueo do seu piso en Pontevedra, tras o Golpe de Estado de 1936. O ingreso na Arxentina como exiliado. A súa vida cotiá na cidade de Bos Aires. O seu particular vínculo cos carcereiros porteños. A disolución do Partido Galeguista. O destino dos seus bens tras a morte. Que foi de Virxinia Pereira… Castelao é hoxe o suficientemente universal para transformarse en camiseta, cita real de Felipe VI ou pintada nun muro. Tanto que todos os partidos políticos activos en Galicia atopan, cando menos, algo do que apropiarse para reivindicar a súa vida e obra. E aínda así hai non poucos aspectos da súa travesía descoñecidos, pouco coñecidos ou totalmente misteriosos. Non é pouco para o político máis determinante, cando menos, do último século.

«Nos últimos anos avanzouse moito no coñecemento exhaustivo da obra e dos detalles biográficos da vida+ de Castelao». Quen o di é o catedrático e historiador Xosé Manoel Núñez Seixas, vicepresidente do Consello da Cultura Galega e un dos principais impulsores dese novo coñecemento do que fala. Con todo, aínda hai moito por coñecer, engade, «en particular a súa etapa final na Arxentina».

Núñez Seixas fala de «peculiaridades» neses anos de Castelao en Bos Aires e o explica así nun correo desde Brión ao barrio porteño de Castelao: «El pasou mergullado na colectividade galega, cuxa evolución e dinámicas nesa década, incluíndo o impacto dos exiliados, as reconfiguracións que tamén provoca o contexto político da sociedade de acollida (ascenso de Perón ao poder), e mais a arribada dunha nova vaga de inmigrantes desde 1946, son bastante menos coñecidos para esa etapa que para épocas anteriores».

O autor do ensaio Os inmigrantes imaxinados. A identidade galega na Arxentina (1780-1960) considera que eses dez anos que Castelao viviu exiliado na capital arxentina son unha fase decisiva na sistematización do pensamento político de Castelao «e do que quixo legar á posteridade (co Sempre en Galiza, mais tamén con outros escritos e intervencións na prensa), que non se poden entender sen o contexto galaico-arxentino. É un labor por facer, pero entre tantos outros referidos ao coñecemento da inmigración galega na Arxentina».

É tarde en Galicia, pero o vicesecretario da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo Romero, fala coa enerxía e a claridade propias de quen leva décadas ofrecendo conferencias e clases. Concorda con Núñez Seixas na idea de que o coñecemento dese período na vida de Castelao incrementouse moito nos últimos anos. «Era un período quizais menos coñecido, non só o que pasou na Arxentina senón tamén o previo, nos Estados Unidos. Hai moitos aspectos desa parte da traxectoria de Castelao que están sen descubrir ou que non se coñecen suficientemente».

Autor dos libros Alfonso R. Castelao (2008) e Alfonso R. Castelao. A forxa dun mito (2021), entre varios outros dedicados ao galeguista, Monteagudo Romero sinala eses ocos nos que aínda é preciso traballar para ser quen de cartografar a vida completa de Castelao: «Algúns teñen que ver coa súa propia peripecia persoal que, por exemplo, podemos adiviñar a través da correspondencia. Hai cartas que apareceron nas últimas décadas e que botan luz sobre isto. Outros teñen que ver coas complicidades da política de exilio. Tanto do exilio español en xeral como da resistencia galeguista no interior do país e a relación entre eses dous mundos. É un universo certamente moi complexo, sobre todo a partir do ano 1944, e aos poucos imos entendéndoo mellor».

«Sabemos moito máis sobre a etapa de Castelao exiliado que a de emigrante» (Ruy Farías Iglesias)

En terras de Bernasconi

Ruy Farías Iglesias comparte disciplina e área de estudos con Núñez Seixas e Monteagudo Romero, pero traballa do outro lado do Atlántico: aínda que se doutorou en Compostela, é investigador do Consejo Nacional de Investigaciones Científicas y Técnicas (Conicet), a máxima axencia científica arxentina e unha das máis importantes de América Latina, e tamén é profesor na Universidade Nacional de San Martín. «Certamente, sabemos moito máis sobre a etapa do Castelao exiliado que a do emigrante. Os anos que o rianxeiro e a súa familia pasaron en terras de Bernasconi (localidade do departamento de Hucal, na provincia de La Pampa, no corazón do país austral) son moito máis escuros, e non temos para reconstruílos máis que datos soltos, esparexidos aquí e alá, ou o que pode inferirse dalgúns dos seus textos de ficción».

Castelao pintando as máscaras para a estrea teatral de Os vellos non deben namorarse. A fotografía está dedicada ao actor Tacholas, a quen agasallou con gran parte delas.     

Se os últimos anos na vida do rianxeiro son aínda un territorio por explorar, os primeiros que pasou na Arxentina aínda son máis descoñecidos. Sábese que o pai de Castelao emigrou a Arxentina aos tres meses do nacemento do neno e que, no ano 1895, a súa nai tamén se desprazou alá levando ao pequeno Alfonso Daniel, para vivir co seu marido nese recanto plano e poboado de «gauchos». Alí viviu os seus primeiros anos, viu nacer as súas dúas irmás e acompañou a vida da taberna ou ultramarinos («pulpería» nos termos pampeanos) ata que no 1900, a familia retornou a Galicia.

Tiña daquela 14 anos e, ao regresar, matriculouse no Instituto Xeral e Técnico, de xeito que é probable que fixera algo da escola na Pampa. Pero deses anos de formación, nada se coñece. «Castelao emigrou de neno dunha vila mariñeira máis ou menos próspera (Rianxo) á Pampa, un lugar ao que chegara o camiño de ferro poucos anos denantes, arrodeado de inmigrantes centroeuropeos acabados de estabelecer, era unha paraxe que para el semellaba inhóspita», puntualiza Núñez Seixas.

Nalgún sentido era o camiño oposto ao que facían centos de miles de galegos: da aldea á metrópole. «Iso influíu na súa inicial visión negativa da emigración, e nos seus retratos caricaturescos sobre os inmigrantes retornados ou americanos que logo deviñan en caciques eles mesmos (algo que, por certo, en parte se correspondía co retrato do seu propio pai). Non sabemos moito máis da experiencia de Castelao na Pampa –completa Núñez Seixas–, fóra dos retallos e alusións que deixou ciscadas acó e aló nos seus relatos (por caso, o seu relato O inglés) e nalgunha das súas cartas».

Monteagudo está dacordo coa pegada decisiva que eses anos pampeanos deixaron no neno Castelao aínda que non haxa deles máis testemuña que unha placa colocada no ano 2019 por xente daquel pobo de A Pampa que di: «En este sitio se estableció el almacén de ramos generales La cruz colorada de Mariano Rodríguez Dios. Aquí residió entre 1886 –1900 su hijo: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao».

Di o vicesecretario da Real Academia Galega que esa experiencia «axudoulle a ter unha visión da realidade galega un pouco máis estrañada, máis desde fóra. Quizais o fixo máis consciente dalgunhas características da realidade de Galicia que para a xente que se criou aquí desde pequena, pasaban desapercibidas porque eran parte da súa experiencia cotiá». Ese afastamento, para Henrique Monteagudo Romero «resultou bastante importante. Primeiro o estrañamento de ver á Arxentina e á emigración galega cos ollos dun meniño, e despois, sobre todo, de ver a realidade de Galicia despois de estar alá».

E engade Ruy Farías Iglesias: «A vida nese ámbito, no que asistiu á escola primaria (vivencia da que non sabemos nada), foi sen dúbida para el unha experiencia negativa, segundo se desprende das poucas alusións (algunhas nos seus textos literarios) sobre o sufrimento experimentado na illada e agreste poboación, e ao seu ambiente máis ben sórdido, dada a natureza de clientela que a frecuentaba, integrada maiormente por gauchos aproveitados e camorristas. Fóra diso, nada sabemos das súas vivencias durante o lustro que Castelao viviu naquel inhóspito territorio».

Ficha da solicitude para o seu ingreso no Centro Republicano Español de Bos Aires. Fonte Wikipedia.

Así as cousas, ese período fundamental na vida e na ollada de Castelao queda na néboa do descoñecemento, apenas recuperable por referencias literarias e anaquiños de cartas. Un comezo borrado polo esquecemento e un final que aínda pode responder moitas preguntas.

«O período que vai de 1940 a 1950, por razóns relacionadas coa relevancia alcanzada polo personaxe e coa maior presenza de fontes, resulta infinitamente mellor coñecida» –conclúe o historiador galaicoarxentino Farías Iglesias–. O que, con todo, non quere dicir que saibamos todo. Por poñer algúns exemplos, a vida cotiá de Castelao, as súas relacións con outros personaxes notables da colectividade (pero que non formaban parte da contorna de Manuel Puente, Rodolfo Prado ou o Centro Ourensán), ou cuestións ligadas á súa mesma supervivencia material (como foi a súa experiencia de debuxante para a Editorial Atlántida?, canto renunciou Castelao en independencia a cambio do sustento que lle proporcionaron Puente e outros?), resultan bastante escuros.

Virxinia, a dona invisible

Virxinia Pereira Renda é unha pregunta que se repite nestas entrevistas e sempre a resposta é que non se sabe moito dela. De feito, aínda que hai unha entrada sobre a muller de Castelao na Wikipedia, un terzo do que ela informa refire a unha asociación feminista arxentina que creou un premio co seu nome para homenaxear as mulleres que, como ela, sempre están aínda que non se note.

Virxinia Pereira Renda, na súa etapa en Bos Aires. Foto Fundación Penzol.

«Nos aspectos que me son máis coñecidos do seu labor, Virxinia é unha presenza constante, mais case sempre en segundo plano, como case todas as cónxuxes dos políticos e intelectuais do seu tempo». Xosé Manoel Núñez Seixas recupera a información dispoñible sobre a dona de Castelao: «De boa familia da vila da Estrada, é dubidoso que Virxinia compartillase moitas das conviccións políticas de Castelao. A perda do seu fillo afectouna moito, igual que a el; mais logo da morte do seu home foi unha testamentaria fiel do seu legado. Sabemos aínda pouco da experiencia peculiar das exiliadas, malia os avances rexistrados nos últimos anos, como amosan, por exemplo, os traballos de Bárbara Ortuño».

«É dubidoso que Virxinia compartillase moitas das conviccións políticas de Castelao» (Núñez Seixas)

Monteagudo Romero engade máis datos sobre a coincidencia ideolóxica no matrimonio: «Polo menos a partir dun determinado momento, ela tivo unha identificación moi grande co traballo do seu home. Recordo que hai pouco lin unha carta de Castelao na que se manifesta todo contento porque Virginia respondera en galego a unha súa carta dende Madrid (onde estaba como deputado). Isto dá un pouco a medida de ata que punto Virxinia se sentía identificada coas ideas del».

Un feito determinante na conformación desa parella ten que ter sido a morte do único fillo, Afonso Xesús, un neno nado no mes de xaneiro do ano 1913 e falecido apenas 15 anos despois por unha peritonite. A dor compartida e o feito de ser só eles dous permitiu un compromiso conxunto coa carreira política de Castelao e coas urxencias do exilio máis tarde. «Despois da morte do home, Virxinia acabou vindo para España», puntualiza Monteagudo Romero.

E de que vivía esta muller viúva e soa, entón, en Galicia? Que foi dela? Virxinia Pereira sobreviviu en case vinte anos ao seu home. O vicesecretario da Real Academia Galega lembra que, cando se creou a Editorial Galaxia, a dona de Castelao percibiu, igual que as irmás del, unha especie de pensión vitalicia que se pagaba
–para que non parecese como caridade– en concepto de adianto de dereitos de autor por a venda dos libros do autor de Sempre en Galiza. «Evidentemente esas vendas non rendían as cantidades que recibían as mulleres da familia Castelao. E logo había algún outro empresario galego con diñeiro, que tamén estaba detrás dese soporte económico a Virxinia».

A mecánica das axudas, máis ou menos disfrazadas, xa imperara en vida de Castelao en Bos Aires. Ruy Farías Iglesias engade algunhas referencias: «A súa casa en Buenos Aires era un piso cedido por Manuel Puente na Avenida Belgrano, moi preto do Centro Galego de Buenos Aires e, sobre todo, do Centro Ourensán, o seu verdadeiro segundo fogar na cidade. Inicialmente, ata que algúns prócers da colectividade acordaron mantelo para que puidese dedicarse de maneira total ao seu transcendente labor político (non me consta que fose despedido), traballou para a Editorial Atlántida, ilustrando varios dos libros da celebérrima Biblioteca Billiken». Hai no barrio de Colegiales unha biblioteca chamada A Nube, na que o seu titular, Pablo Maidana, atesoura eses libros. «Chegaron nunha época de ouro da industria editorial arxentina a centenares de miles de nenos, tanto crioulos como fillos de inmigrantes –di Farías Iglesias–. Quen sabe cantos pequenos chegados de Galicia ou descendentes de xentes daquela terra, gozaron das aventuras daquel pequeno no afastado territorio dos Estados Unidos, sen saber que, eses debuxos que mostraban as aventuras de Tom, eran froito da arte dun dos galegos máis importantes do século XX».

En 1964, catorce anos depois da súa morte en Bos Aires, a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas por ser o referente máximo do galeguismo no seu tempo.

Pero por fóra desa experiencia como asalariado, na vida de Castelao o traballo desenvolvíase na colectividade galega. Núñez Seixas resume aquel panorama así: «El pasaba o tempo, polo que sabemos, entre o Centro Ourensán, en parte o Centro Galego, e mais o seu domicilio. Tiña unha vida social intensa, recibía homenaxes, quedaba con amigos e correlixionarios, visitaba artistas, tamén mantiña relacións cos exiliados vascos e os republicanos españois… Os seus gastos corrían a cargo dun comité de persoeiros galeguistas riopratenses, incluíndo nomes coñecidos (Manuel Puente, X. B. Abraira…) e menos coñecidos (M. Meilán ou X. Canabal en Montevideo)».

O circuíto Centro Ourensán, Centro Galego e a casa, na avenida Belgrano 2605, non pasa dos 500 metros entre estes puntos. É dicir, Castelao camiñaba como moito cinco «cuadras» porteñas para ir dun sitio a outro, un percorrido case claustrofóbico nunha cidade que ten 203 quilómetros cadrados de superficie. Esta «endogamia» proxectábase sobre outros aspectos da vida do líder político. Explícao Monteagudo Romero: «Tivo pouca relación coa vida política e cultural arxentina. Isto foi unha das cousas que lle achacaban Eduardo Blanco Amor e o grupo de intelectuais galegos que estaban máis imbricados na vida social, política e intelectual do país austral».
Tanto Blanco Amor como outros logo, Luis Seoane entre eles, pensaban que Castelao se mantiña moi pechado nun círculo moi reducido de persoas, «que o tiñan un pouco monopolizado, ou apartado dese ambiente», engade Monteagudo Romero aínda que salienta os vínculos fluídos que mantivo co exilio español e particularmente cos vascos exiliados cos que estableceu a alianza Galeuska.

«Tivo pouca relación coa vida política e cultural Arxentina. Isto foi o que lle achacaban Eduardo Blanco Amor e o grupo de intelectuais galegos que estaban máis  imbricados na vida social, política e intelectual do país austral» (Monteagudo Romero)

Carcereiros e un baúl

Así como hai moito que non se sabe da vida de Castelao, tamén hai algúns feitos que, mesmo coñecéndoos, non deixan de sorprender. Xosé Manoel Núñez Seixas comparte un detalle singular: o rianxeiro adoitaba aparecer nas fotos escoltado por funcionarios penitenciarios. «A ver, non era que o escoltasen –puntualiza o historiador–. Un dos nichos ocupacionais onde se empregou un número significativo de inmigrantes galegos foi, curiosamente, no dos funcionarios de cárceres de Buenos Aires. Entre eles había moitos inmigrantes de Rianxo, que logo eran quen figuraban nas homenaxes que a sociedade Hijos del Ayuntamiento de Rianjo dispensaba ao seu ilustre conterráneo».

Pola súa banda, Henrique Monteagudo deixa aquí outra historia curiosa e un equívoco. A primeira ten por protagonista un baúl. Tras o Golpe de Estado, as propiedades de Castelao foron asaltadas, requisadas e roubadas. A súa casa familiar foi saqueada e posta á venda. O médico Baltar intercedeu para que volvese á familia (a nai e as irmás) por medio dunha compra. O seu piso en Pontevedra si que foi baleirado e vendido. De novo, a intervención dalguén puxo a reparo parte do seu traballo artístico, que foi enviado ao Museo de Pontevedra. Pero logo, houbo outros papeis que chegaron ás mans do autor.

«É un misterio como se salvaron e Castelao puido recuperar unha serie de materiais (entre os que estaban os que utilizou para publicar en Bos Aires o libro As cruces de pedra na Galiza e mesmo Sempre en Galiza). El falaba dun baúl, que por milagre foi salvado do bombardeo sobre a casa na que vivía en Barcelona. O caso é que ninguén sabe como foi que ese baúl chegou a el, porque é difícil de crer que Castelao viaxase a Madrid cando foi levar o Estatuto de Autonomía cargando ese baúl cunha chea de cousas. E se pola contra tíñao en Madrid, onde se ía instalar como deputado, como foi que acabou volvendo a Galicia. Non hai respostas», explica Monteagudo.
E pecha cun malentendido que tamén implica a Castelao. «Hai un mito, completamente falso, que indica que foron os galeguistas do interior os que disolveron o Partido Galeguista cando se creou a editorial Galaxia. Foi para min unha sorpresa enorme saber que foi Castelao quen o disolveu porque consideraba que o partido non era un instrumento idóneo para traballar politicamente no exilio. Isto sorprendeume moito».
Tres dos máis importantes historiadores dedicados á diáspora galega en xeral, e á figura de Castelao en particular, aínda son quen de sorprenderse a 75 anos da morte do rianxeiro diante do descoñecido, que non é pouco.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail