S02E35 – Visibilidade 🙋🏿‍♀️

No episodio desta semana, patrocinado coma sempre por PuntoGal, acompáñanos a tiktoker burelá Paula Jorge para falar sobre a representación de persoas racializadas nos medios de comunicación.
Afortunadamente, semella que pouco a pouco a presenza de persoas racializadas nas redes sociais vai aumentando de xeito progresivo. Porén, a representación de influencers negras no mundo da maquillaxe aínda é escaso e comprobamos que a industria da beleza esqueceu durante anos fabricar produtos para persoas con pel escura ou para cabelos afro.
Paula tamén nos expuxo a súa experiencia vital como persoa negra galega e que fala galego. Sorprenderíavos coñecer a cantidade de veces que tivo que explicar a súa árbore xenealóxica cando lle preguntaron de onde era ou todas as ocasións na que gabaron o seu excelente galego ao presupoñérena estranxeira. Ademais, tamén nos falou de cales foron as súas referentes cando era nena e das que poderían selo na actualidade.
Por último, abrimos o melón da representación de persoas racializadas na televisión, nas series e nos filmes. Cales son os papeis que tipicamente se lles ofrece ás actrices e actores negros? Séguese a tirar de clixés, limitando a traxectoria destas profesionais só pola súa cor de pel? Agocha un tinte racista escudarse no rigor histórico para queixarse da presenza de elenco racializado en determinados papeis de series ambientadas noutras épocas da historia?
Resolvemos estas e outras moitas cuestións neste episodio sobre representación. Agardamos que o disfrutedes!

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail