Pode que a pregunta que están e ler sexa o que os franceses chaman boutade, unha ocorrencia ou arroutada chea de bos desexos. Pero na historia política ás veces hai pequenos pasos que cambian o curso dun xigante.
Os disparos de Gavrilo Princip en Saraxevo precipitaron o continente á Gran Guerra logo dun avance lento pero incerto durante anos de militarismo. A tolemia de Colón por demostrar que o planeta era redondo deu inicio á globalización. Sen os descoidos do señor Fleming no seu laboratorio hoxe non teriamos penicilina.
Cando o primeiro secretario do Tesouro dos Estados Unidos, Alexander Hamilton, conseguiu que a fins do século XVIII a nacente Unión emitise nova débeda para pagar a contraída polas 13 Colonias durante a Guerra de Independencia, sentou as bases do sistema económico federal. A débeda, cría Hamilton, xunto coa sangue e as aldraxes cometidas polas tropas do Rei George III, era o prezo a pagar pola liberdade.
Ao mesmo tempo, a manda dereita de George Washington creaba o primeiro banco central do país e unha fábrica de moeda para acuñar os dólares. Terían unha equivalencia semellante á do peso español, a moeda que máis circulaba daquela nos nacentes Estados Unidos. Hamilton era un fervente federalista e con estes instrumentos estaba a consolidar o poder central da Unión. As súas políticas como secretario do Tesouro deseñaron as bases do sistema financeiro dos Estados Unidos ao tempo que fortalecía un proxecto político que de seguido pasaría de Confederación a Federación.
E ben, que lle falta á Unión Europea? Temos un banco central con sede en Frankfurt e temos tamén unha moeda común. Mais, para nos converter nunha verdadeira Unión fai falla algo tan sinxelo como o que Hamilton propuxo hai dous séculos: a solvencia do país. Ningún Estado caería na bancarrota, a Unión era o máximo garante asumindo as súas débedas.
Circula en Bruxelas a idea de que esta semana a Unión pode estar ante «un momento Hamilton». Que cando a presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, suba ao estrado na sé do edificio Berlaymont e anuncie o Fondo de Recuperación contra a crise económica da Covid-19 estará indirectamente sentando as bases dun futuro tesouro comunitario, con emisións de débeda común na moeda que xa temos. Sentando as bases dunha federación económica real, acabando coa actual Confederación de 27 países.
Von der Leyen seguirá o camiño deseñado por Berlín e París, ao que se adhiren Madrid, Lisboa, Roma ou Bruxelas. Polo menos 500.000 millóns de euros que entregar ás rexións, sectores e países máis afectados pola crise en forma de subvencións a fondo perdido, como os pagamentos agrícolas ou os cartos dos fondos estruturais cos que se constrúen autoestradas. E todo financiado grazas á emisión de nova débeda común pola propia Comisión.
Levaba décadas Bruxelas, agora si entendida como a UE e non como capital belga, sen ser tan ambiciosa. Dende os tempos anteriores ao Tratado de Maastricht.
Hai outra idea que circula, non agora senón de sempre, pola capital comunitaria e que comezas a aprender en canto te mergullas na burbulla europea. A UE crece, mellora e afonda na súa integración por mor ou grazas ás crises. Foi nos 80 cando nun continente oxidado, encollido pola onda liberal de Thatcher e Reagan e dubitativo ante a modernidade nipona, apareceron políticos como Jacques Delors para ofrecer o desenvolvemento completo dun mercado interior como paso previo para a creación do euro.
Agora a crise vén provocada por un virus e os plans non procuran un obxectivo político tan grande, mais, se cadra, son os primeiros pasos dunha verdadeira federación europea. Veremos un momento Hamilton? E o máis importante, estaranse a sentar as bases duns Estados Unidos de Europa, como lles chamou Winston Churchill nos anos 40, e que aínda non albiscamos?
Cómpre non ter demasiadas ilusións. Fronte á ambición de Francia, España ou Italia agora impulsada por Alemaña estarán os antigos aliados da chanceler, os que nos levan rompendo os miolos dende o comezo desta crise. Os Países Baixos, Austria, Dinamarca ou a socialdemócrata Suecia xa rexeitaron estas propostas. Din que nada dunha federación con débeda común, que solidariedade si pero con préstamos que che deixo e logo me devolves.
Por diante, virán meses de duras negociacións entre os diferentes gobernos europeos e o resultado do plan de recuperación contra esta crise é incerto, pero cando Hamilton deseñou a economía federal estadounidense había pouco máis dun lustro que se independizaran dos británicos e aínda estaban a negociar o seu Congreso e unha Constitución. E hoxe o dólar é a moeda hexemónica global mentres a Unión segue a garantir as débedas de Virxinia ou Pensilvania.