Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Definitivamente Spain is different como dicía aquel lema de don Manuel. En doce horas, Rajoy pasou de ter dous anos de osíxeno aprobando os orzamentos a estar facendo, polo si ou polo non, as maletas en Moncloa e o PSOE de ser irrelevante pasou a ter un pé no goberno.
No medio, unha sentenza que efectivamente foi durísima, demoledora para o PP e para o propio presidente, pero que no fondo non vén máis que a confirmar o que todos sabiamos: que o PP de Aznar e de Rajoy tivo durante máis de vinte anos un sistema de financiamento ilegal con diñeiro en B procedente de comisións co que se dopaba nas eleccións, pagábanse sobresoldos entre eles e se saqueaban os gobernos a mans cheas. O que estivo claro desde hai 9 anos e confirmouse primeiro cos papeis de Bárcenas e logo cos SMS de Rajoy ao seu tesoureiro.
Desde o primeiro día viuse claro que a sombra da corrupción non ía abandonar a Rajoy fose a onde fose, pero tanto el como toda a dirección do partido decidiron fuxir cara adiante con tal de sobrevivir, aínda que fose a costa de cargarse o prestixio das institucións.
Por iso, atacaron aos xuíces que os investigaban ata que lograron inhabilitar a Garzón, aos policías acusándoos de actuar as ordes do ministro Rubalcaba, ao concelleiro José Luís Penas que denunciou con gravacións e probas todo o entramado e ao seu avogado Angel Galindo; os dous seguen sufrindo a día de hoxe o acoso do PP.
Sánchez intentará gobernar con 84 deputados; Ciudadanos seguirá ansioso polas eleccións; Pablo Iglesias e Irene Montero mudaranse ao chalet de Galapagar e no PP buscarán sucesor ou sucesora. Feijóo xa quenta pola banda
Rajoy segue nas mesmas, intentando resistir unha vez máis, pero a súa sorte está en mans do PNV. Pedro Sánchez lanzouse á moción de censura; non lle quedaba outra saída e esta vez está disposto a recibir os votos de todos os nacionalistas e independentistas, incluídos os do partido de Quim Torra a quen levaba dez días comparando con Le Pen e chamándolle racista e supremacista. Pelillos a la mar. Sánchez conta agora coa vantaxe de que dificilmente ningún dirixente do seu partido vai dar a cara para dicir que non pode seguir adiante coa censura ao corrupto PP condenado. Así as cousas, se os independentistas cataláns non poñen condicións imposibles e o PNV a apoia, a moción sae adiante e Rajoy terá que saír de Moncloa.
Prepárense para o furacán da dereita española contra o goberno do PSOE con populistas e separatistas. Vólvese romper España. Avecíñanse meses de tormenta perfecta e máis bandeiras nos balcóns. Debaixo do ruído, Sánchez intentará gobernar con 84 deputados; Ciudadanos seguirá ansioso polas eleccións; Pablo Iglesias e Irene Montero mudaranse ao chalet de Galapagar e no PP buscarán sucesor ou sucesora. Feijóo xa quenta pola banda.
Claro que igual ao final, os da moción acaban pelexándose todos con todos, a cousa non sae e Rajoy pode seguir vendo o Mundial de Rusia tan tranquilo nos salóns de Moncloa.
Calquera fai unha aposta.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán