O coche oficial de Baltar xa foi multado en 2021 con 500 euros por circular a máis de 150 km/h

A Coruña.- O vehículo oficial da Deputación de Ourense que conduce en exclusiva o seu presidente, Manuel Baltar, do PP, que foi denunciado o pasado domingo pola Garda Civil por circular a 215 quilómetros por hora, xa foi obxecto doutro expediente por feitos similares ocorridos hai pouco máis de ano e medio.

Segundo a documentación á que tivo acceso Luzes-Público, o Volkswagen Passat gris matrícula 8054 KLY, propiedade da Deputación e que só conduce o seu presidente, foi detectado superando os límites de velocidade o 19 de setembro de 2021. Foi no quilómetro 528,7 da N-120, que une Vigo con Logroño, entre as localidades lucenses de Monforte de Lemos e Ferreira de Pantón e en dirección a Ourense.

Nesa ocasión, o vehículo, captado por un radar móbil, non foi detido polos axentes, polo que a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) requiriu ao organismo provincial que facilitase «a identificación veraz»do infractor. A sanción inicial era de 500 euros e retirada de seis puntos do permiso de condución, pero a DXT elevouna a 1.500 euros tras instar dúas veces sen éxito á Deputación a que identificase o condutor.

Segundo fontes coñecedoras do caso, este non era outro que Baltar, que conduce en exclusiva o Passat e que apenas utiliza o servizo de choferes da Deputación. O tamén presidente do PP ourensán tería superado os 150 quilómetros por hora nun tramo estreito, con dobre liña continua, por tanto con prohibición de adiantar pola existencia de varios cruces e coa velocidade limitada a 90.

O triplo de multa por non identificar ao conductor

«Formulouse contra vostede denuncia polos feitos indicados (…) ao non constar no expediente de procedencia apuntado, que cumprise vostede como titular rexistral ou arrendatario a longo prazo do vehículo denunciado, coa súa obrigación legal de identificar verazmente o condutor responsable daquela infracción», reza a comunicación da DXT ao organismo provincial á que tivo acceso Luzes-Público. O instrutor cualifica como «moi grave» a infracción e informa que, polo tanto, triplica a contía da multa.

As fontes consultadas por este medio aseguran que o vehículo oficial que só conduce Baltar acumula varias sancións similares, e que noutras ocasións nas que tamén foi multado, a Deputación tampouco identificou o condutor, polo que o organismo acabou pagando con cargo ao erario público contías moi superiores á sanción inicial.

Tamén afirman que no coche que conduce o presidente ourensán foi instalado hai anos un detector de radares, algo prohibido pola Lei de Tráfico. Ese aparello non alertou a Baltar do dispositivo de Tráfico que o captou circulando a 215 km/h o pasado domingo, cando conducía acompañado doutra persoa, porque neste caso tratábase dun cinemómetro Veloláser, dotado dunha tecnoloxía de última xeración que a fai case invisible aos detectores de radar.

Luzes-Público preguntou á Deputación de Ourense sobre os extremos anteriores, pero ao peche deste artigo non recibira resposta.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail