A banda coruñesa grava para Puro Deleite una revisión actualizada do himno oficioso do país con coros de Julián Hernández, Antón Losada e Antón Reixa
A Coruña.- Miña terra galega é o himno non oficial de Galicia, e ata hai quen defende que se se puidese celebrar un referendum autonómico sen permiso das autoridades competentes, a versión de Siniestro Total do Sweet home Alabama de Lynyrd Skynyrd gañaríalle de longo ao decimonónico Os Pinos de Eduardo Pondal e Pascual Veiga.
Miña terra galega é unha irónica oda á morriña, ese estado de ánimo melancólico e depresivo que asalta aos galegos en ausencia da súa terra, que Julián Hernández describiu en 1984 recorrendo á música dos Skynyrd, a un pano de mesa e aos mitos e tópicos que se construíron de sempre sobre Galicia.
Case corenta anos despois, Radio Océano, a banda punk coruñesa fundada dous anos antes de que Siniestro presentase o seu himno, deulle a volta á música e a boa parte da letra para ofrecer unha revisión actualizada de Miña terra galega desde o outro lado da morriña.
Esa que padecen non os que se van, senón os que quedan en Galicia e estrañan dela ese país que sempre pode ser, pero que nunca acaba sendo. Aqueles que, dalgún modo, pensan que esta terra padece dun exceso de autolisis secular, como insinúa a portada deseñada por Leo Sousa, que mostra a Castelao apuntándose na sen cun revólver.
«Sempre pensei que a canción gañaría moito en galego, e a idea de facer unha versión vén de lonxe, moito antes de que Siniestro anunciase o seu último concerto», explica o xornalista Xosé Manuel Pereiro, alias Johnny Rotring cando exerce de vocalista do grupo. «Ofrecérannos facer un crossover con temas de Siniestro, tocando nós temas deles e eles temas nosos. Comenteillo a Julián pero chegou a pandemia e a idea quedou aí. En outubro pasado ofrecéronnos facela para Puro Deleite, e fixémola», engade.
Puro Deleite é un proxecto da empresa Leite Noso, fundada hai oito por un grupo de gandeiros da Coruña e Lugo que prenteden garantir a posta á venda de produtos lácteos de calidade comercializados de forma directa, sen intermediarios e con contratos e prezos xustos para os produtores. Segundo o seu director xeral, Pedro González Boquete, a firma está comprometida non só co sector primario, senón tamén «coa cultura galega e con Galicia».
Por iso apoian e financian a creación artística participando e promocionando a produción audiovisual, de artes escénicas, ilustración, deseño, literatura… Ademais da versión de Miña terra galega, en música patrocinaron outras revisións gloriosas de temas míticos. Como a Muiñeira de Chantada da banda de trap Verto, e o Xuntos de Juan Pardo, o tema que usou Fraga nas súas campañas electorais, reconstruído por Familia Caamagno en power-pop cun delicioso videoclip de hilarante estética soviética.
No Miña terra galega de Radio Océano hai cousas que cambian e outras que non. O ceo segue sempre gris e os piñeiros de Pondal continúan queixándose, pero o protagonista non emigra a unha illa do Caribe, senón a Canarias, e o que lembra con nostalxia non son os alalás nin a choiva feita arte, senón o crepitar dos incendios nos montes infestados de eucaliptos e parques eólicos.
En canto aos «kafkianos del Jaján», transformáronse nos reconvertidos de Bazán (o demais estaleiros), que deixaron a construción naval pola hostalería. Iso si, os mitos que fixeron de Galicia o edén de moitos mesetarios seguen acompañando a imaxe do país: Sangenjo e o Jacobeo (sic), empanada e polbo á feira, Oubiña e Sito Miñanco… E o Pazo de Meirás, por suposto.
«A idea era non facer unha cover convencional senón manter a identidade da canción pero sacándolle a sonoridade de rock sureño» explica o tamén xornalista Santiago Romero, Ross Mero como baixista do grupo, que integran ademais Dani Punta á batería e Pablo Iglesias á guitarra.
Ross Mero alude tamén aos cameos punkarras que coroan cada fraseo previo ao retrouso, a cargo de Antón Reixa (Os Resentidos), do propio Julián Hernández e do xornalista e polítólogo Antón Losada. Os tres acompañan tamén aos coros.
O resultado é un videoclip dirixido por Xaime Miranda e Antón Miranda que xa tivo preto de 3.000 visitas en Youtube en apenas catro días, e que ofrece en forma de novo himno irreverente unha visión satírica e explícita da resistencia contra esa imaxe pusilánime e de doída autoestima que arrastra Galicia. A Feijóo vaille encantar.