Costa-Gavras: «Os bárbaros están volvendo»

Cineasta tan célebre como persoal, Costa-Gavras (Atenas, 1933) chegou a Santiago de Compostela a recoller o Premio Especial tributo a unha traxectoria que entrega o Festival Cineuropa. Extrovertido e políglota, pletórico de forma e cheo de lucidez, o franco‑grego autor de Z (1969) ou Desaparecido (1982) soubo sintetizar unha vida apaixoante. Con el analizamos a súa frutífera carreira ao tempo que nos ofreceu a súa perspectiva sobre España e o mundo actual.

Costa‑Gavras chegou a Francia nos primeiros anos 50. Formado na prestixiosa IDHEC (Institut des Hautes Études Cinématographiques), a súa traxectoria, chea de filmes míticos, destaca pola súa capacidade de construír relatos de xénero, que van do thriller ao drama, do filme xudicial á narración social, e nos que a política e o entorno social son esenciais. Depredador de todo totalitarismo, comprometido coa realidade, Costa‑Gavras vai en dirección contraria a moitos dos directores da época, ao tempo que atravesa un período fértil e revelador na historia sociopolítica e artística europea co respaldo de público, crítica e profesión, acadando os principais premios (Oscars, Globos de Ouro ou triunfos en Cannes e Berlín).

Como son as túas orixes no cine? O cine que había en Francia non me interesaba. Xa o vira en Grecia, un cine estandarizado, de acción, de humor, etc. Porén, en Francia malia facer estudos de Literatura atopei a Cinemateca onde había cine clásico. Foi un descubrimento importantísimo e interesoume moito. Primeiro quixen aprender a escribir, e fun á Escola de Cine, a IDHEC, estudei dous anos e despois, cunha sorte extraordinaria, pedíronme facer un primeiro traballo de cine por uns días. O primeiro axudante era Claude Pinoteau, que logo foi director, e así entro no cine francés, o cal era bastante difícil, especialmente para un estranxeiro. Ademais ao posto de axudante. E, neste momento, era posible traballar con xente como René Clair, Jean Cocteau, René Clément, Henri Verneuil, Jacques Demy, Clouzot. Fun axudante dalgún deles. Coñecín tamén a todos os grandes actores, pois neste período os axudantes facían o casting e había unha relación moi próxima con eles. Coñecín a Montand, Piccoli, Trintignant, etc. A primeira película foi como un exercicio escolar desde facer o guión. O director de estudo leu o guión e así se fixo. A medida que eu tiña un guión, o thriller, que era atractivo, xerou interese e tivo un gran reparto. A película funcionou moi ben.

Era Os raís do crime (Compartiment tueurs, 1965)…  Si, e a segunda, sobre a Resistencia francesa, foi un fracaso (Un homme de trop, 1967). O curioso é que agora saíu en DVD por primeira vez e triunfou, tivo unhas críticas extraordinarias. E despois fixen Z (1969), onde está o que me interesou sempre do cine. Cando a miña primeira película tivo éxito nos Estados Unidos, Harry Saltzman (o produtor de James Bond) propúxome facer unha. Preguntoume: «Que película queres facer?». Eu díxenlle que A condición humana, de André Malraux. Dixo: «Que é? Fan falta moitos chinos, non se pode» [ri].

O que non había no cine era un tipo de película acerca da condición humana, das revolucións, as loitas cotiás, as loitas non só políticas tamén sindicais. Non as había neste período. Había a nouvelle vague en Francia, interesábannos outro tipo de películas despois das grandes películas dos anos 50, 60… Eu quería volver a este tipo de cine, influído posiblemente por películas americanas como As uvas da ira e certo cine social moi interesante.

Que tipo de películas che gustan ou interesan a ti? Nalgunha entrevista lin que falabas de Greed  (Avaricia) de Stroheim como unha revelación para ti. Greed é unha película de varias horas que parecía unha traxedia, como a antiga traxedia grega. Había a posibilidade de facer no cine ese tipo de películas, cine non só para divertir como o fútbol.

Desde Latinoamerica a Europa, o mundo corporativo, a banca, as empresas e esas loitas cotiás ou os sistemas totalitarios… Dalgunha maneira o teu cine percorre toda a historia da túa época, daqueles sistemas políticos ou sucesos que ocorreron na realidade ao teu redor. Desde o principio existe no teu cine a vontade de contar relatos sociais ou é algo que vai sucedendo sobre a marcha? De base, sempre me interesaron a resistencia e o poder. E como o poder na nosa sociedade participa como unha represión na nosa vida diaria. Ademais, o poder é algo que temos todos. Non é só o poder político, eclesiástico, económico, nós temos poder sobre algunhas persoas e hai persoas que o teñen sobre nós. Esta relación co poder interésame moito porque dela dependen a felicidade ou infelicidade. Despois, vén tamén a resistencia. Como resistimos o negativo. Resistir é o máis importante, senón convertémonos en escravos. Son os temas que hai nas miñas películas, o que a min me interesa.

Fotograma de Betrayed (O sendeiro da traición), de Costa-Gavras (1988).

Hai un elemento singular nas túas películas que é que esa análise ou crítica ao poder vai dirixida a todos os tipos de poder. Poden ser os tupamaros, o retrato de Arthur London en A confesión (L’aveau, 1970), a ocupación alemá, o nazismo, o golpe de Pinochet… Recordo O sendeiro da traizón (Betrayed, 1988) no que se fala tamén da banalidade ou da normalidade do mal. Como debaixo dun home común poden ocultarse formas inquietantes de poder. Porque o poder é como unha droga, cando tes pouco queres máis e máis. E como fai un para conseguilo. Algunhas veces vai por direccións lexítimas pero pode optar por outros camiños. Como o dictador grego de Z, Papadópoulos, que non era un xeneral, era un coronel que acadou un poder enorme. O poder é o aspecto humano máis importante seguramente.

Despois do éxito de Z, tes liberdade creativa para facer as túas películas? Absolutamente. É a vantaxe de ter éxito cunha película. Despois La confesión era un libro imposible, enorme, 500 páxinas que cando a xente o vía non o cria posible. Semprún e eu falamos moito e, finalmente, resultou fácil de facer.

Nese momento, todas as películas empezan a ter proxección internacional. Sí, é decisivo ter bos actores. Dinlles stars porque son bos actores. Aínda que tamén hai stars que non o son.

Hai varias rodaxes nas que tes produción estadounidense, percibes diferenzas nisto ademais de na parte cultural? As primeiras películas fíxenas nos Estados Unidos, as que máis me interesaron. Ofrecéronme facer O Padriño, e non me interesou nada, o libro para min non era un bo libro. Coppola fixo unha película extraordinaria que eu non podería facer porque non era americano. Missing (Desaparecido) si que aceptei facela. Pedindo a cambio controlar tamén o casting. E aceptaron. Ademais tamén fixen a posprodución en Francia. Foron as condicións que puxen e déronme liberdade.

Hai un debate, case sempre que o cine toca a política, que é o da forma, de como se contan as historias e contigo, con Ken Loach e outros cineastas, sempre se discutiu que vos acercades a formas populares, o que permite que sexan máis accesibles. Que pensas diso? Este foi un debate moi potente, especialmente coa Nouvelle Vague.  A tradición da construción de guión é de orixe grega.  O teatro grego é un thriller, todas as traxedias gregas o son en certo modo. Nesta construción o interese vai en aumento para chegar ao final. Iso paréceme esencial. Non se pode facer sempre con esa simplicidade, pero xeralmente esa é a dirección que eu tomei desde a miña primeira película.

Sempre me interesa saber que proxectos quedaron polo camiño, que obras se frustraron ou non chegaron a seren realizadas? Había un proxecto do que fixemos o guión, O cormorano, a historia dunha grande compañía internacional que cambiou a política do Estado, como sucedeu en certo momento en Portugal. Non debemos dar o nome do país, deixaba todo e marchou a outro país. Pasa cada día, pero non atopei o diñeiro para facer este proxecto. Ninguén quixo. William Holden aceptara facela, pero non atopamos inversión. Os americanos aceptaran, falei con actores como Meryl Streep, Al Pacino, pero dixen que había que facela en China. Fun alí, primeiro querían facela, pero despois querían cambiar todo o guión. Finalmente, aceptei que non se podía facer. Precisabamos a paisaxe china. Intentamos realizala noutros países e os americanos propuxeron reproducir todo en Hollywood, pero era imposible. Houbo as condicións económicas pero non de localización.

Atopaches nalgún caso dificultades ou intromisións dos produtores pola audacia política ou porque eran temas que non interesaban? Si, con algún proxecto. Con Z, por exemplo, a xente dicía que nunca funcionaría. Pero había que insistir, e finalmente fíxose, os actores aceptaron e a película fíxose porque Jacques Perrin loitara moito e tamén os arxelinos, que é o país onde se rodou.

Nas túas últimas películas, Arcadia (Le couperet, 2005), ou en O capital (2012), analizas estruturas económicas próximas á parte sociopolítica. É esa a túa visión da sociedade e enlaza con todas as películas anteriores? A sociedade cambiou. Todo o mundo fala hoxe de democracia, pero hai outro poder que chegou, que existe hoxe, que é o diñeiro, o súper capitalismo. No cine, os temas de poder están aquí hoxe, na economía. Non se fala doutra cousa. Todo o mundo coñece o Dow Jones.

Outro tipo de totalitarismo, Stalin, o nazismo e agora este capitalismo. Exactamente, é outro tipo de totalitarismo.

Gustaríame que falaras agora de Semprún, que foi guionista en tres das túas películas (ZA ConfesiónSección especial) e da idea que tes sobre España, un país cunha historia convulsa no século XX e até a actualidade. Con Semprún chegou a haber un proxecto sobre Yoyes, a etarra asasinada… El non podía facelo nese momento porque era ministro, eu non quería facer un tema español con alguén que non coñecía. Pero despois, con Jorge fixemos películas sobre verdadeiras historias, pero sempre tivemos o problema de escoller personaxes e situacións. Porque unha película como A confesión ou Z, podía durar horas. Falei con Jorge de facer una película sobre Malraux, unha oportunidade de falar sobre España e de como se fai o cine en España. Como Malraux cambiou completamen-te, coñeceu o PC e chegou a Francia e dixo: acabouse, esa declaración extraordinaria ao chegar a Francia. Ademais, había unha historia de amor moi interesante. Falamos e fixemos un primeiro traballo moi longo. Primeiro traballamos o libro e despois o guión. Cando rematou, foi ao hospital con dor de costas e detectáronlle o cancro. Durou semanas. Con Jorge había intención de permanencia, de facer algo xunto, algo que nos interesara aos dous, de Francia e España.

Fotograma de O Capital (2012), de Costa-Gavras.

Curiosamente, en España Semprún é unha figura respectada pero a súa obra é moi pouco coñecida, como pasa con outros personaxes da resistencia e o exilio.  É curioso, si.

Nos últimos anos houbo tentativas de revolucións democráticas, un caso é Grecia. Un caso moi particular. Durante a historia, Grecia sempre foi un laboratorio. Tsipras empezou moi novo, cun problema de débeda enorme. Imposible de pagar. Había que encontrar solucións. Ademais non ten todo o poder. Ten o 36% dos votos. Vai a Europa, sen experiencia cos europeos, que son monstruos da economía. Ten preto del a Varoufakis e esta relación é importante. Pero, que fan os europeos? Todo o que poden para separalos e conségueno. Merkel, que prometeu todo a Tsipras, que participou nesta separación, ao principio pensaba que había algúns xestos para mellorar a situación en Grecia. Pero 300.000 mozos marcharon de Grecia, unha pérdida enorme de futuro, os salarios baixaron un 40 %… Todo isto volveuse contra Tsipras e Alemaña non fixo o mínimo xesto, ao contrario, piden máis e máis e máis. Ademais os gregos votaron unha segunda e terceira vez a Tsipras, porque non hai outro.

A historia vai moi rápido e Tsipras pouco menos que caeu no esquecemento. Queda como un movemento político abortado que entra nas convencións. Que pensas dalgunhas das cousas que suceden agora? O Brexit, Trump, a ultradereita en Francia… Entramos nun período de barbarie. A extrema dereita volveu a Grecia. Amanecer Dorado celebraban o nacemento de Hitler. Eran moi poucos, pero co drama económico grego son un 13-15 % xa. E non soamente en Grecia, en Francia coa vella historia de Le Pen, tamén en Austria, Alemaña… Os bárbaros están volvendo. E o peor é en América. Recordo un detalle, cando fixen Bretrayed…

Outro fotograma de Betrayed (1988).

Betrayed parece unha película anticipatoria… Si. E moitos americanos dixéronme: «Onde viches isto? Non existe nos Estados Unidos». Pero eu vírao na xira que fixera. Dicían que eramos comunistas que viñamos de Europa.

Que relación mantiveches estes anos con Grecia? Chegaches a Francia nos anos 50. Ás veces fálase de ti máis como francés e esquécense as túas orixes. Eu son bígamo [ri]. Pasei case 20 anos en Grecia, e non se esquece Grecia. Pero Francia deumo todo. Nunca soñei que puidera ter a vida que teño en Francia. Non só profesional, senón que me piden que participe na vida política e cultural. Grecia non mo deu, ao contrario, escapei de alí. As raíces son gregas pero son culturalmente máis francés que grego.

En España estamos interesados en como nos ven desde fóra. Que opinas do que ocorre neste país? Como ves a nosa sociedade? Cres que hai unha posibilidade de ascensión da extrema dereita aquí? É unha situación moi difícil e tamén moi perigosa, porque se se usa a violencia e non as vías democráticas para resolver o problema de Cataluña as consecuencias poden ser moi graves. Non hai que tomar posición por uns ou os outros, é unha cuestión española. Hai que salvar Europa tamén. Eu creo moito nela, estas cousas parécenme importantes pola problemática española. Non sei que vai pasar despois das eleccións pero o uso da violencia paréceme moi moi negativo. Os problemas humanos deben solucionarse co diálogo e coa cesión por ambas partes para chegar a unha solución que poida contentar a todos porque senón podemos acabar nunha guerra civil como xa pasou aquí ou en Grecia.

E en canto aos Estados Unidos, pensas que Trump vén a demostrar a actitude demasiado cómoda ou de dependencia que tivo Europa cos EUA en moitos aspectos? América non é o que a xente quere que sexa. É tamén isto. Esperemos que se atope a maneira de que Trump non chegue aos catro anos de mandato porque non se sabe o que pode pasar. Tamén co problema ecolóxico. Que é o peor de todo. Estes 15.000 científicos que fixeron unha declaración. Porque non falamos moito diso, pero a poboación aumenta e somos un cancro para a terra. Destruímos todo. Pensaba desde o avión hoxe, somos como animais que comen a substancia da terra. Que vai pasar cando se esgote por completo? Ninguén o pensa. Non será na miña xeración pero teño netos, e que van facer aquí? Como van vivir? Dise que nalgunhas pequenas illas, en Tahití por exemplo, a xente está pensando en construír muros para evitar a suba das augas. Ademais este problema colosal de emigración. Este problema non vai acabar, mira o que está a pasar nalgúns países, a situación é terrible e a xente quere unha vida mellor. Ese problema non parece interesar aos xefes de Estado. Non se preocupan disto, só pensan nas próximas eleccións.

*As fotos de Costa-Gavras en Raxoi son de Luís Otero.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail