Cada vez somos menos

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Veñen os turistas a millóns e vanse os galegos a milleiros. Ese podería ser o mellor e máis completo resumo dunha década de gobernos do Partido Popular e de O Noso Alberto.

Oe, é unha maneira moi intelixente de asegurar a gobernanza dun país: os turistas que veñen de fóra paran pouco, deixan cartos e só piden entrar na Catedral e marisco barato; mentres que os galegos que se van costaban cartos e seguro que non paraban de dar a lata pedindo de todo.

Se esa é efectivamente a estratexia da Xunta de O Noso Alberto que tanto nos costaba entender, hai que recoñecerlle que vai coma un foguete cara ao éxito absoluto. Apenas quedamos 2.700.970 millóns de censados en Galicia. Somos tantos coma eramos no ano 1973, segundo o Instituto Nacional de Estatística. Só o ano pasado perdemos máis de seiscentos habitantes por mes e figuramos por dereito propio entre as comunidades que máis poboación perden, en dura pugna polo liderado con Castela e Estremadura.

Se un Goberno de dereitas xa non atende como debería unha prioridade tan clásica e tan dos partidos de dereitas coma ter fillos e protexer os teus, entón non sei para que demo serve telo

Perdemos poboación a pesar de que a xente que vén doutros países e latitudes a tratar de vivir e instalarse aquí ten medrado máis dun 5%, mentres que a natalidade segue caendo e a emigración medrando. Para ser un Goberno tan conservador e patriótico, chama a atención o ben pouco que semella preocuparlle que as familias decidan non ter fillos, ou que os nacionais decidan abandonar o seu país buscando as oportunidades que aquí se lles negan.

Se un Goberno de dereitas xa non atende como debería unha prioridade tan clásica e tan dos partidos de dereitas coma ter fillos e protexer aos teus, entón non sei para que demo serve ter un Goberno de dereitas. É fácil entender por que veñen os turistas a un país onde o Goberno só dá boas noticias e firma convenios e os únicos que teñen problemas de verdade son os da oposición. A pregunta difícil de responder é por que se van os galegos se estamos todos tan ben.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail