A recente manifestación na Pobra do Caramiñal e na ría de Arousa amosou, como xa se ten explicado, a enorme contestación social que provoca o proxecto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei. Un rexeitamento por mor das súas consecuencias medioambientais, sexa nas augas do río Ulla ou da ría, no aire coa emisión de partículas finas ou pola proliferación dos cultivos de eucalipto. Tamén se critican as implicacións socioeconómicas coa afectación á economía agrogandeira da comarca do Ulloa, do Deza e do Barbanza e mesmo o impacto cultural e turístico, pois a xigante factoría instalaríase na contorna das importantes etapas de Palas-Melide-Arzúa do Camiño de Santiago.
Unha vez máis, estas protestas chegaron a Bruxelas, igual que ocorreu con outras recentes ante catástrofes ecolóxicas que se teñen dado no país, caso da contaminación por pellets ou por proxectos industriais de dubidoso respecto ecolóxico. Hai só unha semana, diante do Parlamento Europeo unhas ducias de galegas e galegos esixiron a paralización da celulosa impulsada pola empresa portuguesa e a coruñesa Greenalia, con importantes vínculos na Xunta e parte do sistema financeiro galego.
A difusión pública das consecuencias medioambientais dese proxecto están chamando a atención da propia Comisión Europea, quen non se pronunciou sobre a macrocelulosa, pero semella xa ser consciente, por exemplo, do impacto negativo das verteduras de auga que chegarían á ría de Arousa en especies de vital importancia marisqueira. E isto sería unha novidade aínda non pública nin oficial porque suporía a intervención de Bruxelas.
Durante a pasada lexislatura, Galicia foi protagonista na capital comunitaria debido aos procesos de infracción abertos pola Comisión a España a causa das ampliacións irregulares nas concesións da AP-9 ou de Ence, realizadas sen os obrigados procesos de transparencia abertos á competencia. Tamén o foi por mor da contaminación de boliñas de microplásticos nas praias. Cando a Xunta miraba para outro lado ou non se decataba do que acontecía, Bruxelas advertía que o vertido de millóns de toneladas de pellets ameazaba o medio mariño e tamén a pesca, ao seren substancias tóxicas de consecuencias adversas para a natureza. As implicacións medioambientais da vertedura da antiga mina de San Finx ou da criticada mina de Touro, estratéxica para a Xunta de Galicia e cuxa afección a oito cursos fluviais provocou a negativa a se instalar no 2020, chegaron igualmente á capital comunitaria.
A difícil convivencia en Galicia entre os proxectos industriais, os ecosistemas das contornas nas que se instalan e os modos de vida e a economía locais amoréase en Bruxelas e xa non son casos illados senón que amosan unha tónica reveladora. Son as contradicións do desenvolvemento económico que na nosa terra están hoxe moi presentes grazas, por desgraza, á súa inmensa riqueza de recursos naturais, nun terreo parcialmente ermo de grandes corporacións estranxeiras, sexan portuguesas, canadenses ou chipriotas, que agora procuran novos manás para o seu enriquecemento.
Dicir que a Unión Europea alenta este tipo de proxectos mineiros, forestais ou da industria asociada á transición verde e renovable non sería trabucado. De feito, na pasada lexislatura facilitouse con nova regulación a nivel comunitario a aceleración e simplificación dos procesos na instalación dos muíños de vento, pero Bruxelas non abre as portas do campo para que este sexa un salvaxe oeste anarcocapitalista, onde inmensos rabaños de reses de grandes propietarios gandeiros arrasen os campos dos pequenos labregos, desprotexidos ante o poder.
Na Unión Europea hai máis normas que respectar e procurar, non só aquelas que favorecen os intereses económicos, normas que non criticar dun xeito demagóxico ou despectivo. Aconteceu, e así o contamos en Luzes, cando a Comisión decretou a prohibición da pesca de fondo en máis de oitenta grandes zonas pesqueiras costeiras. O regulamento tiña erros e algunhas incongruencias, si, como por exemplo non saber diferenciar entre artes industrias e aquelas tradicionais sostibles, pero poñía o foco nun problema enorme, o deterioramento dos ecosistemas mariños coa súa repercusión evidente na biosfera e nos caladoiros. O entón comisario de Pesca, Virginijus Sinkevičius, foi acusado falsamente de estar só ao servizo de organizacións ecoloxistas ou de ser un ignorante. Lémbralles a algunha declaración recente?
Bruxelas tamén protexe con estritas regulacións as especies naturais e animais do continente grazas ás Directivas Hábitats e, polo que sexa, adoitan ser as que se lles esquecen aos politicos. Precisamente algunha destas normas podería ser invocada se o proxecto de Altri atenta contra tres especies de flora galega en perigo de extinción. Se así for, ao Estado español caeríanlle novos procesos de infracción e posibles multas, de novo con Galicia como protagonista.