Ruído de fondo

¿Qué ha sido eso que me ha sobresaltado?
Un giro del planeta sobre su eje oxidado.
Huyo del vacío y me dedico a escuchar
ese ruido de fondo que, sinceramente, agradezco.

Miguel Ríos. «El ruido de fondo».

«Esas cousas ocórrenlle á xente pobre que vive en zonas desprotexidas. A sociedade está organizada de tal xeito que son os pobres e os analfabetos quen sofren o impacto principal das catástrofes naturais e artificiais. Son os habitantes das zonas deprimidas quen sofren as inundacións, son os que viven en chabolas quen soportan os furacáns e os tornados. Eu son catedrático de universidade. Viches algunha vez un catedrático remando nun bote ao longo da súa propia rúa cando saíron inundacións na televisión?».

Ruído de fondo é unha novela, din que posmoderna, que Don DeLillo escribiu en 1985, xusto cando acontece Watchmen. Quedaban catro anos para a caída do Muro e seis para a desaparición da URSS, así que aínda é doado atopar nela ese punto de paranoia propio da Guerra Fría.  Segundo o seu autor, é «unha historia sobre o medo, a morte e a tecnoloxía. Unha comedia, por suposto». Por suposto.

Máis que sobre a morte, a novela trata sobre o medo á morte, principalmente a través da figura de Jack, o protagonista. Na parte central da trama, a vila na que vive coa súa familia sofre os efectos dunha nube tóxica provocada por un escape químico e Jack queda exposto á toxina, o que desencadea ese terror. Non conto máis para non facer espóiler.

O ruído de fondo non é exactamente o mesmo que o ruído branco(White noise), que é como se titula orixinalmente a novela. O ruído branco é un sinal de son que contén todas as frecuencias e no que todas elas son da mesma potencia. Isto acabo de copialo, claro, que eu son de letras. Pero se falamos da estática da radio, da neve electrónica da pantalla da tele ou do zunido do aire acondicionado, todos entendemos a que nos referimos. A diferenza é notable. Ao white noise atribúenselle calidades benéficas, como a posibilidade de axudar a persoas con insomnio. O ruído de fondo é o que provoca a tele cando está acesa e nin Ferreras, nin Pablo Motos nin o Sálvame axudan precisamente a conciliar o sono.

Dende que a crise de 2008 conseguiu o seu principal obxectivo, que asumiramos como algo natural que o estado do benestar non podía chegar a todas partes, acostumámonos a un certo ruído de fondo. O dos sanitarios, denunciando que os seus medios eran insuficientes; os do profesorado, asegurando que os recursos non chegaban; os dos traballadores de residencias de maiores, de centros de día, de colexios de educación especial… dicindo que non contaban co necesario para desempeñar o seu traballo como os usuarios merecían. Como nós, como sociedade, merecemos. Ruído de fondo. Ou, mellor, ruído branco: non terá todas as frecuencias, pero si que nos adormecía. «Que van dicir? Son funcionarios; ou, peor, sindicalistas». Ese discurso callou. O relato fixo efecto. Sabiamos que xa non podiamos esixir o que uns anos antes nos parecía lóxico, cando mileurista era case un insulto. Gañaron eles.

Ata que chega unha pandemia que non entende de fronteiras (Ola, Madrid! Un saúdo, Portugal!) e ata os catedráticos de universidade teñen que saír remando entre os chalés da súa urbanización. De súpeto, resulta que todo iso era real –non como os simulacros de ataques químicos que se organizan na novela– e uns aplausos diarios no balcón non van bastar para romper o meigallo.

Cando todo isto pase, tocaranos facer –outra vez– propósito de emenda. Seguramente –outra vez– non aprendamos e cando se acendan –de novo– as alertas vermellas, seguiremos pensando que iso non vai connosco, que se non hai traxedias en lugares con nomes como Blacksmith tampouco as haberá en Celanova ou en Feáns (Compostela non o digo, que aquí tivemos o Alvia).

Por iso, mesmo na nosa maior ilusión de invulnerabilidade, non deberiamos esquecer a conversa entre Jack e Babette. «Eu sei que non vai pasar nada, e ti sabes que non vai pasar nada, pero en certo modo deberiamos pensar nesa posibilidade a certo nivel, aínda que só sexa por se acaso».

Aínda que só sexa por iso.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail