Un delincuente no Senado: Feijóo non aclara se expedientará a Baltar un mes despois da súa condena

A Coruña.- O Partido Popular segue sen aclarar se expedientou ou prevé expedientar o seu senador Manuel Baltar, quen o pasado 27 de xaneiro foi condenado polo Tribunal Supremo a un ano e un día de retirada de carné e 1.800 euros de multa por un delito contra a seguridade viaria. Os maxistrados do Supremo consideraron probado en sentenza firme que o 23 de abril de 2023, cando foi detectado por un radar da Dirección Xeral de Tráfico e identificado por axentes da Garda Civil como o piloto do vehículo oficial da Deputación de Ourense, o daquela presidente dese organismo e do PP provincial conducía pola A-52 a máis de 200 quilómetros por hora.

Os estatutos do Partido Popular obrigan os militantes a informar á comisión de dereitos e garantías sobre calquera procedemento penal no que resulten inmersos como investigados, e a esta, a abrir peza de información reservada e no seu caso, expediente disciplinario, cando «tivese coñecemento da falta de exemplaridade no comportamento ou conduta dun afiliado ou cargo de representación institucional». A infracción de Baltar, que o Supremo considerou hai xa un mes constitutiva de delito en sentenza firme, coñeceuse apenas tres días despois da súa comisión, hai case dous anos, pero a día de hoxe, Alberto Núñez Feijóo segue sen desvelar se adoptará medida algunha contra el, e nin sequera aclara se se lle abriu expediente tal e como contemplan os estatutos do seu partido.

«Non se trata só da multa», reflexiona o senador socialista por Ourense e exlíder da oposición na Deputación, Rafael Rodríguez Villarino, quen sostén que «o grave é que Baltar estaba a facer un uso persoal dun vehículo oficial, que conducía habitualmente sen dar explicacións nin rexistrar entradas e saídas». «Iso serviu de escusa para que a Deputación lle pagara e lle siga pagando outras multas, incluída outra dese mesmo día, na mesma autovía e no mesmo vehículo, ao triplo da contía inicial porque se negan a identificalo como o condutor dese coche».

Uso de bens públicos con fins persoais

Rodríguez Villarino lembra que Baltar quixo facer pasar como viaxe oficial a Madrid o desprazamento particular que fixo o día da infracción, domingo 23 de abril de 2023, e que non puido achegar os xustificantes da peaxe da autoestrada de entrada á capital nin quixo mostrar os do hotel onde dixo que durmira, alegando que aínda que a viaxe era de traballo, onde descansou era unha cuestión privada. «Ese é o problema, o uso de bens públicos con fins persoais», sostén o senador socialista, quen rememora as irregularidades desveladas no parque móbil da Deputación, onde o xefe de servizo dese departamento e chofer persoal de Baltar chegou a identificar como condutoras do vehículo oficial deste á súa muller e á súa filla. Aos poucos meses de que elas asumiran aquelas multas por exceso de velocidade, a filla dese chofer obtivo unha praza fixa de funcionaria no organismo provincial.

Captura do precepto dos estatutos do PP sobre infraccións graves dos seus militantes e cadros.

A sanción por conducir a máis de 200 por hora foi o motivo polo que Alberto Núñez Feijóo e Alfonso Rueda forzaron a Baltar a abandonar a Deputación, primeiro, e a presidencia do PP, despois, a cambio dun escano no Senado por designación autonómica que lle permitiu asegurarse un salario de máis de 5.200 euros ao mes sen contar pagas extra –nomeárono membro da deputación permanente e presidente da comisión de reto demográfico cun sobresoldo de 23.400 euros ao ano–, e, sobre todo, atrasar o seu procesamento e condena case dous anos. «Agora, cunha sentenza firme do Tribunal Supremo que declara probado que aquela infracción foi delituosa, Feijóo ponse de perfil e manteno no Senado, coma se o PP entendese que o requisito de exemplaridade é inferior ao que eles mesmos estableceron na Deputación e na presidencia do partido en Ourense».

O pasado día 12, o PP impediu que o Parlamento de Galicia reprobase a Baltar votando en contra dunha proposición non de lei do BNG que pedía que fose considerase non apto para representar a Galicia no Senado. Os populares xustificáronse alegando que a actuación pola que Baltar foi condenado só representara «un risco abstracto» (sic) para a seguridade viaria. Segundo a DXT, no ano 2023 morreron en España 1.806 persoas en accidentes de tráfico, e a causa de un de cada catro sinistros mortais foi o exceso de velocidade.

Suspensión de militancia e inhabilitación

O PP obviou así os seus propios estatutos, que consideran falta moi grave «a condena por un delito doloso que pola súa natureza ou polas circunstancias nas que se cometeu se considere incompatible coas obrigacións e deberes éticos» dos afiliados. As faltas moi graves por condenas xudiciais, se non van acompañadas de penas de cárcere, como sucede no caso de Baltar, castíganse con suspensión de militancia por entre catro e seis anos e inhabilitación para desempeñar cargos orgánicos ou de representación por igual período de tempo, o que supoñería que o PP debería esixir a Baltar que deixe a súa acta no Senado.

Luzes-Público preguntou nese sentido ao presidente da súa comisión de dereitos e garantías, José Antonio Monago, quen derivou a cuestión á dirección de comunicación sen que esta quixese confirmar ou desmentir sequera que estea aberto na actualidade expediente algún sobre o caso.

Cando se coñecen imputacións xudiciais ou denuncias contra cargos de representación de formacións rivais, o PP si esixe a inmediata dimisión do ou da implicada, existan ou non indicios da comisión delitos. O pasado agosto, os populares reclamáronlla á extenente de alcalde socialista de Cangas Iria Malvido, que foi detida nun control cunha taxa de 0,84 miligramos de alcol por litro de aire expirado, nun caso asimilable ao de Baltar, xa que a lei considera delito contra a seguridade viaria conducir cunha taxa superior a 0,60. Daquela o PP cualificou de «intolerable» o comportamento de Malvido, que si deixou o Concello aos poucos días.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail