Unha investigación liderada pola UDC Alerta da depresión social nos territorios afectados pola descarbonización

A Coruña.- A transición enerxética e o proceso de descarbonización para combater o cambio climático implican a desindustrialización de moitos territorios da UE que poden sufrir severos procesos de despoboamento, envellecemento e depresión social se non se adoptan as medidas adecuadas para ofrecerlles solucións alternativas.

Así o asegura unha investigación de 14 consorcios de 12 países da UE liderada pola Universidade da Coruña (UDC), que alerta ademais de que os maiores riscos psicosociais poden padecelos os colectivos máis vulnerables, especialmente maiores, mulleres e inmigrantes.

«Hai cuestións ambientais moi relevantes na descarbonización deses territorios, como a xestión de residuos ou a rexeneración de terreos. Pero o que máis nos preocupou son as dimensións psicolóxicas relacionadas coa identidade e coa desconexión das persoas co territorio», explica Ricardo García Mira, catedrático de Psicoloxía Social na especialidade de Psicoloxía Ambiental da UDC e coordinador da investigación.

Os expertos do proxecto, titulado Entrances, estudaron o impacto dos procesos de descarbonización en seis rexións mineiras e noutras sete de produción intensiva de CO2 en Alemaña, Austria, Bélxica, Eslovaquia, España, Francia, Italia, Noruega, Polonia, Portugal, Reino Unido e Romanía. Entre os casos estudados figuran os dos concellos coruñeses de As Pontes e Cerceda. Os investigadores atoparon patróns comúns nas consecuencias sobre as súas poboacións.

Perda de conexión da poboación co territorio

«En todas elas hai un proceso de desterritorialización, no sentido de perda de conexión da comunidade cun territorio que ata hai pouco os seus habitantes vían como garantía do seu benestar e da súa calidade de vida, que lles ofrecía bos salarios e oportunidades profesionais, persoais e familiares grazas ao desenvolvemento económico que acompañou á implantación daquelas industrias», sinala García Mira.

«É evidente que ese tecido industrial tiña un impacto ambiental moi negativo, pero as poboacións desas zonas vían na situación en positivo», aclara.

«Non pode haber transición enerxética se non é unha transición xusta, e iso significa inclusividad»

O risco, segundo sinala o catedrático da UDC, é que á depresión industrial que pode implicar a transición enerxética se lle sume a depresión social que conleva a emigración derivada da perda de oportunidades profesionais e, con ela, o despoboamento, o abandono e o envellecemento desas zonas.

«Hai que detectar como afecta iso ás familias, aos grupos vulnerables, ás empresas auxiliares creadas ao redor desas industrias, pero tamén á rede comercial de pequenos negocios xurdidos nesas zonas», engade García Mira. «Non pode haber transición enerxética se non hai unha transición xusta, e iso significa inclusividade».

Implicación das administracións locais e rexionais

O estudo, financiado con tres millóns de euros dos fondos Horizon do programa marco de investigación e innovación da UE, incide tamén na necesidade de deseñar alternativas propias para cada rexión máis aló das medidas globais xeneralistas que a UE ou os Estados poidan poñer en práctica.

O informe avoga tamén por implicar ás administracións locais e rexionais non só no diagnóstico e a definición dos problemas particulares de cada territorio, senón na toma de decisións, que debería descentralizarse. «Os niveis locais e rexionais deberían ter voz e capacidade para influír na aplicación de medidas», engaden os autores.

«Un futuro sostible desas zonas é inseparable do benestar dos seus habitantes»

«Ao abordar proactivamente os desafíos asociados coa dependencia do carbón, estas rexións poden posicionarse para unha vida máis próspera e resiliente en consonancia cos esforzos globais para combater o cambio climático», resume Fernando González Laxe, expresidente da Xunta e catedrático emérito de Economía Aplicada da Universidade da Coruña, no prólogo do documento final. «Un futuro sostible desas zonas é inseparable do benestar dos seus habitantes», conclúe.

A investigación tamén foi coordinada polo experto hindú Nachatter Singh Garha, como investigador asociado, e pola coordinadora do Grupo de Investigación Persoa-Ambiente da UAC e profesora desa universidade Cristina García Fontán.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail