Un suxeito ou axente que se define ou estima como pertencente a un territorio concreto, mediante, por exemplo, o acceso aos seus procesos, medios, oficios e recursos públicos, adquire –consciente ou non– unha responsabilidade de coidado. Daquela pódese apelar para que afecte dun modo construtivo ao lugar no que traballa, e a participar dun modo cada vez máis xuizoso e afirmativo. Un rol, unha responsabilidade de cara a compoñer un plural activo; diferentes graos de implicación que organizan a tendencia da participación na construción do contexto social. Pois como suxeitos de dereito que vivimos na Galiza e accedemos ás institucións, aos bens e recursos do común, por moi exiguos que estes sexan, adquirimos unha responsabilidade no seu coidado e rexeneración: unha política afectiva de uso. Contradicións? Polo camiño, moitas, pero algunhas resultan inasumibles.
Rostros duros e procedementos brandos
«No se puede programar danza». Pilar Portela, nova coordinadora do Departamento de Música e Danza da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), ocupación que inclúe a dirección do Centro Coreográfico Galego (CCG). Previamente, durante 20 anos e ata o seu cese como xerente e programadora do Pazo da Cultura de Pontevedra –rol que incluía tamén o desenvolvido no Teatro Principal da cidade–, e faltando á súa obriga como traballadora do eido do público de promover o acceso cidadán a unha cultura plural –Dereito Fundamental–, a presenza da danza foi absolutamente residual nestes importantes espazos de Galiza. Neste rol foi que declarou en moitas ocasións, publicamente pero tamén en diferentes encontros do sector –feiras, roldas de contratación e reunións coas compañías–, que a danza non funcionaba, que non interesaba «ao seu público»; e que, polo tanto, non se pode programar. Actuou en consecuencia. Isto chámase renunciar ás funcións propias.
Sen asistir a espectáculos noutros espazos, sen contacto coas profesionais ou sen desenvolver programas de residencias artísticas, grupos de investigación ou talleres de espectadoras. Sen a atención debida á realidade local e lonxe dunha programación diversa, non tivo un plan de relación profesional co territorio, acusando un carácter discrecional na atención e peche de reunións coas axentes do sector ou recibindo de malos modos, non contestando mails e chamadas durante anos –ferramentas formais de relación e a capacidade do sector de comunicar aquí os seus avances–, etc; nun nulo traballo prospectivo ou de estudo e elaboración do contexto. Se tantas cousas non se fixeron é porque non se sabe ou non se quere. Resulta lóxico que se non te relacionas metodoloxicamente dende a xestión de espazos públicos, non chegues a coñecer nunca a potencia dos públicos e a súa diversidade.
Máis aló de se resulta ético ou non, que unha persoa que sistematicamente se foi afastando dunha arte coma é a danza, adquirindo, polo tanto, dunha maneira decidida e eficaz, unha certa ignorancia, non só da realidade local das artes do movemento, senón tamén da nacional e internacional; substraendo, tal comportamento ou proceder, calquera autoridade moral ou capacidade decisoria realmente vinculante ou construtiva que puidera representar, atendendo ao seu rol profesional –de responsabilidade– de cara a promover o desenvolvemento da danza na Galiza; máis aló disto –que non é pouco, nin moitísimo menos, é grave e censurable–, do proceso de valoración da provisión do posto de coordinación do Departamento de Música e Danza desenvolvido polo órgano dependente da Xunta de Galicia, extráese que non é necesario ter afectos, méritos nin coñecemento da realidade na que se vai inferir e traballar. Asunto maior, radicalmente grave.
«Unha convocatoria deseñada sen consulta nin canles de participación ao sector para a redacción das súas bases –a pesar das reclamacións feitas ao respecto–; resultando que as bases publicadas non esixen de maneira clara unha experiencia profesional en materia específica de danza, bastando con demostrar méritos de dirección e xestión ‘no ámbito da música e/ou danza’, o cal consideramos de todo insuficiente para un posto de coordinación da AGADIC entre cuxas funcións está a dirección do Centro Coreográfico Galego)». Comunicado da PAM, a Plataforma das Artes do Movemento de Galiza, movemento plural e asociativo do sector.
Puntúanse: asuntos de corte intelectual xeral e abstracto –titulación universitaria, grao ou equivalente– non especificamente do eido da cultura, especialmente técnicos –experiencia en dirección e xestión na Administración, empresas ou institucións– non situados por necesidade no eido das artes do movemento, ou procedimental –cursos, especializacións ambiguas, etc.–, para este contrato laboral considerado de alta dirección. 43.000 euros brutos para xestionar os «activos» da danza –e os da música, fusión inxustificable–, a súa promoción e difusión, para impulsar a relación entre os distintos axentes culturais galegos e promover alianzas no exterior, e para exercer a dirección do Centro Coreográfico Galego. E estivo, a candidata seleccionada, 20 anos sen practicamente programar danza nos espazos que xestionaba, sen organizar mediación algunha que acompañase esta arte e a xeración de públicos.
Outro dos requisitos da coordinadora é unha proposta de liñas de actuación a alcanzar e programas susceptibles de desenvolver, conforme os requisitos previstos nos artigos do Estatuto da AGADIC, tendo en conta a promoción e a posta en valor da música e da danza na comunidade autónoma galega: que tipo de proposta xeradora de contexto pode desenvolver unha profesional ausente por completo do mundo da danza?
Continúa o comunicado da PAM: «En base a todo o anterior, queremos denunciar a mala praxe da AGADIC de non ter atendido as peticións principais deste e outros colectivos representativos do sector da danza en Galicia. Amosamos o noso rexeitamento ao que consideramos unha actitude que resulta instrumentalizadora das e dos profesionais –que asistimos e achegamos propostas de traballo nas reunións do Plan integral para a Danza (PID) ás que se lles dá por parte da AGADIC unha capacidade de incidencia mínima–, e solicitamos que o PID aborde as seguintes propostas con carácter urxente: a convocatoria dun posto específico para a dirección e/ou coordinación do Centro Coreográfico Galego, cuxa redacción sexa consultada co sector e que, como mínimo, garanta nas súas bases un perfil con coñecementos e experiencia profesional na dirección, programación, promoción e xestión no ámbito específico da danza; a análise da situación actual do Centro Coreográfico Galego, e o recoñecemento da necesidade de establecer e aprobar un plan estratéxico e de actuación para o mesmo; a revisión e incremento dos orzamentos do Centro Coreográfico Galego para a anualidade en curso e os próximos anos; a revisión e incremento dos orzamentos do Centro Coreográfico Galego para a anualidade en curso e os próximos anos».
Xa hai máis de dez anos, o propio director da Axencia, Jacobo Sutil, chegara ao seu posto, de máxima responsabilidade, coa ousadía de non ter traballado en cultura nunca. É vox populi que veu derivado do sector das finanzas e os «activos» inmobiliarios, máis afín ao Partido Popular tras a crise económica de 2008, coa reordenación de certas capas do social tras a fusión de Caixanova e Caixa Galicia. Así están as cousas. Daqueles fangos, estes lodos. Dar exemplo, que se chama: de intrusismo e relacións de clase, claro está. Hai persoas que poden permitirse o luxo de chegar a un posto de máxima responsabilidade a aprender de que vai.
E pasan máis cousas, como que Fran Núñez, actual director do Centro Dramático Galego (CDG), se dirixe a si mesmo nunha das últimas coproducións. É isto ético? Director do centro, director da obra e cun rol protagonista; ou como acompañar a precarización dunha institución pública –sobre todo nos modos de facer cultura– namentres se intenta arremuiñar para si contactos e recursos destas e doutras latitudes. Non hai que olvidar que o CDG está nunha constante redución de autonomía, medios e recursos propios dende hai máis dunha década, e que agora se atopa nunha reestruturación vinculada á Cidade da Cultura e a sociedade mercantil Plan Xacobeo S.A., Direción Xeral de Cultura mediante –con Anxo Lorenzo á cabeza, mestre de cerimonias de tanto do que está a pasar–. Non hai ética sen estética, e viceversa.
Estatuto, Unidades: aporías críticas
Nos investimentos de 2020, a partida para o CDG pasa dos irrisorios 650.000 euros do 2019 a uns inasumibles 350.000 euros, e a do CCG duns patéticos 150.000 euros a uns miserables 50.000 euros: reducións do 46,15% e do 66,6%, respectivamente, que se suman ás de exercicios anteriores, constatando, unha vez máis, o desmantelamento decidido das Unidades de Produción da AGADIC por parte do goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia.
O 18 de marzo de 2021 foi aprobada no Consello da Xunta a modificación do Estatuto da AGADIC, que organiza a perda de autonomía do departamento da Danza e da súa Unidade de Produción Coreográfica: nunha praxe opaca e de abandono de funcións públicas por parte da institución galega que, sen Plan Orgánico, dirección ou obxectivos, sen unha política para as artes do movemento, continúa a facer un uso parcial e interesado do seu poder de representación: sen atender os dereitos culturais e de participación da cidadanía, ao sector e as súas enmendas e reclamacións históricas, usurpando os medios e recursos simbólicos, metodolóxicos, económicos ou infraestruturais de seu, en aras dun modelo mentiroso, extractivo e ideoloxizante.
Tras a contestación incansable do sector, este empobrecido CCG contou con 150.000 euros en 2021 para as súas actividades, no que en realidade foi unha reestruturación de fondos que, pola Covid, se deixaron de aplicar noutros ámbitos. A Plataforma de Afectadas polo CCG (PACCG) denunciou nun comunicado estas (NON) políticas culturais das actualmente inefables Xunta e AGADIC, e o impropio Plan de reactivación fronte aos efectos derivados da Covid19: «Plan insuficiente e sesgado tanto no orzamentario como nas realidades atendidas, elaborado e presentado con escasa transparencia e sen rigor metodolóxico, que adoece de ambigüidades e falta de concreción, e que deixa fóra a moitas persoas e axentes fundamentais do tecido cultural. (…) Falla de veracidade, falla de protección ás personas, falla de transparencia, a imposición do Xacobeo, falla de medidas hixiénico-sanitarias no ámbito cultural, ausencia total de medidas específicas de protección e apoio para a danza e as artes do movemento ou a omisión do Centro Coreográfico Galego. Redacción enganosa das ‘Medidas de apoio ás artes escénicas’, que corresponden a liñas de actuación e créditos preexistentes, absoluta insuficiencia das ‘novas’ axudas específicas para as artes escénicas, insuficiencia e falta de concreción do resto de medidas transversais susceptibles de seren de aplicación tamén para as artes escénicas e a danza, por suposto a falta de programas que recollan reclamacións históricas e actuais da comunidade, como son a participación, o apoio á investigación, á creación, a formación, a escrita, a reflexión ou o ensaio, un programa de residencias… e una falta de diagnose medianamente clara do impacto do Covid19 na danza e na Cultura».
O Plan de reactivación Cultural foi propaganda electoral: impropio, si, pero tamén indigno, indecente, repulsivo e infame vicio de poder. As cifras presentadas, relativas ao exercicio do 2021 para a danza e a súa Unidade de Produción, foi un relato tramposo, pois se congratula de pór recursos de onde quitou moitísimo, ademais de facer pasar por números propios unha actividade compartida con outras institucións: «…varios dos proxectos de ambas unidades de produción para o ano que vén se desenvolverán ao abeiro do programa cultural de promoción do Xacobeo 2021 e estes investimentos non se contabilizan dentro do orzamento da AGADIC, senón do de Turismo de Galicia», confesa a AGADIC.
Estase a finiquitar a autonomía das Unidades de Produción, en dependencia cada vez máis directa da consellería, e desenvolvendo unha cada vez máis preocupante turistificación da cultura –pola que continúan así certas relacións clientelares por todas coñecidas. Preténdese a cultura como activos, contidos, fragmentos, produtos e obxectos, en escala crecente, desconectada así –nun fluxo repertorial que se xera a si mesmo– da súa potencia transformadora; en ningún momento nestes anos se fala ou se traballa en termos de política cultural. O Partido Popular entende o traballo da política cultural como a mera distribución de fondos públicos, repartindo as mordidas máis grandes entre aqueles axentes que recoñece como próximos ou pares –industrias do entretemento máis enaxenante, hubs improvisados, grande empresa que debería ser independente dos fondos públicos, macrofestivais sempre en cuestión, moitas das fundacións dos poderes fácticos ou comisariados de axentes extractivos dos recursos de todas–, e divide pequenos fondos entre algúns outros do común, por dereito ou obriga lexislativa, a través de axudas, apoios e colaboracións, que lles dan moito rédito e que se visibilizan moito, pero que son, en fin, torpes e exiguas, cando non tendenciosas ou precarizantes.
O que si fai moi ben o PP é política coa cultura, xerando a supervivencia dun relato afín aos seus intereses socioeconómicos e partidistas. O que é entender a política como un fin en si mesmo, e non como servizo. Facer política coa cultura é facer exactamente o contrario dunha política cultural. Trátase dunha renuncia ao traballo político en termos culturais, ao deixar de escoitar, estudar ou conceptualizar as manifestacións que acontecen na Galiza, de cara ao acompañamento da realidade da contorna, na súa diversidade, nas súas potencias; para visibilizar só aquilo que poida capitalizarse –productos semióticos– ou que se mova na tendencia pautada sen xerar estridencias. O tempo pasa, o sector cultural permanece pobre, a cidadanía desatendida, e aquí non pasa nada. A implicación política, social ou persoal do sector escénico en xeral, e da cidadanía con estes asuntos é, por moitos motivos de toda índole sempre incapacitante –desinformación, despolitización, falta de acompañamento crítico, desafección por cansancio, indiferencia, medo, ignorancia…–, mínima, practicamente inexistente.
Finalmente en 2022 a AGADIC baixa de novo a partida presupostaria para o Centro Coreográfico Galego a 120.000 euros, e continúa, por suposto, sen unha política para as artes do movemento, namentres presume dunha mesa de traballo cun sector ao que non escoita nin respecta, resultando, ao pesar de todas, nun branqueo das políticas da consellería e nunha drenaxe da potencia crítica. O último en saír, que peche a porta.
«Yo no creo en las Unidades de Producción», (María Paredes, no minuto 1h54′, alta funcionaria da AGADIC, coordinadora e responsable da programación con alrededor de 20 anos no organismo). Declaración exposta na escena do Teatro Colón, na apertura do congreso A Cultura Plural é un Dereito, organizado por Cara unha Escena Plural por encargo da Deputación da Coruña. Onde, por certo, entre o público estaba Fran Núñez, director do CDG, que non dixo nada. María Paredes é a persoa que recibe e acompaña a Jacobo Sutil cando este chega á máxima dirección da AGADIC, unha das institucións culturais públicas máis importantes de Galiza, a aprender que é iso da cultura e ver como se lle dá conter ao sector, tras os recortes austericidas da crise de 2008. O traballador público tamén é corresponsable das operacións do organismo, pois aféctano no seu día a día mediante a súa experiencia e análise, xerando a súa tendencia.
figuras del umbral | javier martin from javier martin | coreógrafo on Vimeo.
«Sen ética ése unha besta salvaxe soltada no mundo» – Camus
Hai que se facer cargo das consecuencias da nosa participación. A nosa atención, acción e voto contan na creación do contexto, do seu presente o do sentido que adquire: os nosos afectos xeran un sentido e elaboran a supervivencia de tal sentido. É a crítica para quen pode exercela? Ou é exercendo a crítica que o contexto se abre aos comportamentos e as prácticas das subalternas?
O xuízo moral non depende de ningunha preparación filosófica ou técnica, senón que é unha facultade esencial do ser humano. Como argumentaba Hannah Arendt, pensar non é unha prerrogativa duns poucos, pero as nosas decisións sobre o ben e o mal dependen das persoas cuxa compañía se escolle –vivas, mortas, reais ou de ficción–, e o maior risco é que alguén diga que calquera compañía lle vai ben, porque esa indiferenza constitúe o maior perigo moral. Sumar afectos e traballo a contextos que drenan os medios e recursos do plural en aras de situacións extractivas e xogos de poder, destrúe o contexto: unha participación en negativo. Nun tempo de virtualización do eu, os asuntos do corpo non queren interesar, pois cuestionan a ordenación simbólica e afectiva dominante. Nun contexto de turbocapitalismo preténdese inútil a cultura, para atenuar o seu proceder crítico e posibilitador de alteridade e convivencia, pois tal cousa pon en cuestión o poder hexemónico do materialismo extractivo e a ordenación social que implica.