Berlín está cheo de bombas sen estoupar. O mesmo día que Rusia comezaba a infame e criminal invasión de Ucraína, nesta cidade recuperábase un souvenir que se lanzou hai máis de 70 anos. Hai uns días atoparon unha bomba da Segunda Guerra Mundial a menos dun quilómetro da miña casa, no barrio de Prenzlauer Berg. Entre as oito e as nove da tarde, uns douscentos policías urxiron aos veciños para abandonar as súas casas de inmediato. Furgóns con altofalantes percorreron a zona advertindo aos residentes que debían saír sofort (inmediatamente).
Pecháronse as rúas e prohibiuse o paso nun radio de 250 metros da Zona Cero. Unhas 9.000 persoas foron evacuadas por unhas cantas horas ata que os membros do KMDB (Kampfmittlerämdienst), o servizo de desactivación de artillería e municións da Segunda Guerra Mundial, conseguiu desactivar o proxectil de 500 quilogramos de peso e fabricación estadounidense. O que noutro lugar de Europa talvez parecería un feito extravagante e noticioso, para os alemáns é parte da rutina de vivir nun país que foi sementado de bombas. Mentres Rusia lanza mísiles sobre Kiev, póñome a ler obsesivamente sobre os restos que se deixaron esquecidos tras a última guerra mundial. Aprendo isto.
Entre 1940 e 1945 as forzas aéreas de Estados Unidos e de Inglaterra lanzaron máis dun millón de toneladas de bombas só sobre Alemaña. Calcúlase que o 10% de todas as que se lanzaron nunca explotaron. O equipo do KMDB dedícase a desactivar bombas, granadas de man e proxectís de morteiro e artillería. Anualmente recupéranse do chan teutón unhas 2000 toneladas de municións, que non estouparon ao seu tempo. Cada vez que se vai a comezar unha obra, escavar para poñer os alicerces dun edificio, etc., o chan ten que ser analizado e certificado e declarado como espazo limpo de artefactos sen explotar. Hai uns anos atoparon unha bomba de media tonelada preto da elegante Hauptbahnhof, a flamante estación central berlinesa, recentemente construída e tiveron que evacuar 10.000 persoas, incluíndo o hospital da Charité, un dos máis grandes da cidade, museos, galerías, o edificio do ministerio de Economía, a estación e as oficinas centrais do BND (Bundesnachrichtendienst), o servizo secreto de intelixencia alemán.
Con todo, o lugar máis «perigoso» do país é Oranienburg, unha pequena localidade de Brandenburgo. En marzo de 1945 os aliados lanzaron alí 1.500 toneladas de explosivos porque sospeitaban que nesa cidade estaba a procesarse uranio para crear unha bomba atómica. O curioso deste ataque é que as bombas eran de tipos diferentes. Había bombas incendiarias como as que lanzaron en Dresden, que literalmente absorbían como aspiradores xigantes todo o que había ao seu ao redor, incinerando en segundos seres humanos, árbores, etc. Pero tamén lanzaron bombas de mecha ou acción retardada. Case todas as bombas desa época levaban mecha de percusión, que explotan ao chocar contra o chan. Pero as de mecha retardada, que tamén usaron os nazis, creaban terror, porque explotaban de imprevisto, cando xa a poboación civil se cría a salvo. Estas bombas tiñan un sofisticado mecanismo de produtos químicos que as facía explotar máis tarde, de forma case imprevisible.
A mecha contiña unha cápsula de vidro de acetona que cando se disolvía sobre uns discos de celuloide activaba un resorte, que á súa vez activaba un detonador, que provocaba a explosión. Ata que a acetona non se disolvía, o que podía levar días ou semanas dependendo do grosor das capas de celuloide que lle aplicaban os seus fabricantes, non sucedía nada. Pero todo isto dependía de que a bomba caese de fociños, xa que así a acetona podía verterse sobre o papel celuloide e comezar o proceso. Con todo, moitas bombas aterraron de tal maneira que a acetona non se diluíu sobre a capa de celuloide e permaneceron intactas durante máis de 70 anos.
Calcúlase que sobre Berlín se lanzaron máis de 45.000 bombas. Non se sabe ben cantas delas tiñan mecanismos de explosión retardada, pero o que si se sabe é que os alemáns están afeitos a que un veciño atope un proxectil no xardín e que todo o barrio teña que saír correndo a fume de carozo. O mesmo continúa sucedendo en Mozambique, Laos, Camboxa, Angola, etc. e sen falar dos efectos diabólicos das «invisibles» armas químicas, como o axente laranxa que os estadounidenses empregaron a fondo en Vietnam, cuxos «restos» esquecidos continúan afectando á poboación.
O que me temo é que un día, nun futuro próximo, o mundo enteiro estea feito á idea de que a nova normalidade sexa que o can desenterre un obús ruso ou un proxectil da OTAN.