Un momento excepcional

Se aínda queda alguén que non o percibira, vivimos un momento extraordinario. Extraordinario como sinónimo de excepcional, é dicir, á marxe do habitual.

Por vez primeira no seo do Estado español foi convocado un referendo de autodeterminación. Certo é que sen recoñecemento e efectos xurídicos –como si aconteceu en Escocia en 2014 ou antes no Quebec en 1995 por sinalar dous exemplos recentes– mais o 1 de outubro de 2017 o pobo de Catalunya puido, non sen dificultades e unha brutal violencia policial mediante, amosar cívica e pacificamente ao mundo que quere decidir o seu futuro.

Por vez primeira, integrantes dun goberno electo democraticamente, a presidenta do poder lexislativo e dous líderes de movementos sociais, en total once persoas, están a ser xulgadas, precisamente, por permitir que se puidese votar nun referendo en Catalunya sen ser iso delito desde 2005.

Por primeira vez, un partido político no goberno, o Partido Popular, foi condenado por corrupción. Concretamente por beneficiarse a título lucrativo dunha trama de corrupción cuxa existencia ficou probada na tamén primeira sentenza do caso Gürtel, como mínimo, desde 1989.

Por vez primeira no Estado español, desde 1978, unha moción de censura saíu adiante dando lugar a un novo Goberno que, malia todo, mantivo intactas boa parte das leis máis involutivas aprobada nos últimos tempos. As reformas laborais, a LOMCE ou a Lei Mordaza continúan en vigor e dos necesarios e anunciados cambios lexislativos para tipificar como delito a violación ou recoñecer como vítimas de violencia machista aquelas mulleres agredidas ou asasinadas por quen non son ou foron as súas parellas, nada de nada.

E nese contexto, por vez primeira nas últimas dúas décadas, nunhas Cortes nas que o valor dun escano se tornou tan decisivo, nunca o peso político de Galiza foi tan pequeno, por non dicir ridículo. Galiza estivo ausente, como suxeito político, nos grandes debates e esa irrelevancia na que foi sumido o noso país durante este tempo, págase caro. Ficou ben en evidencia nun proxecto orzamentario que –de saír adiante– tería deixado os investimentos en cifras de hai máis dunha década.

Eu non son Nostradamus e coido que non vivimos un momento político no que se poidan facer grandes predicións a futuro mais se estou certa de algo é de que Galiza non pode seguir a ser apenas espectadora dos acontecementos e debe pasar a ser protagonista principal.

Nun contexto claramente involutivo, regresivo e recentralizador, as galegas e galegos xogámonos o dereito do noso país a ser, a existir e a decidir porque cando todo o mundo corre e ti ficas parada o resultado é que quedas atrás e iso, cando se está a perfilar o futuro inmediato, non é unha opción senón un suicidio.

Extraordinario e excepcional son sinónimos de pouco habitual mais non é necesariamente negativo porque rachar coa norma pode ser, sempre, unha oportunidade.

 

 

 

 

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail