Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
A estratexia reprodúcese en todos os conflitos. De Birmania a Sudán do Sur. Atacar as mulleres é atacar a sociedade no seu conxunto, pois son elas o sustento familiar. Máis alá das cifras, no Congo a violencia sexual é un problema estrutural. Empezou sendo un arma de guerra, pero hoxe son tan frecuentes as violacións que xa ninguén distingue as razóns detrás delas.
Nos sete meses que Amanda Martínez pasou como cooperante de Farmamundi en Butembo, no norte do Congo, foi testemuña dos horrores que provoca a violencia contra as mulleres. Das violacións a nenas de apenas dous anos, ou de anciás de case 70, mais tamén do estigma que recae sobre elas e que a diferenza das feridas ten máis complicada a curación. Antes de desprazarse a Galicia para participar no seminario «Patentes, medicamentos e acceso a saúde: Existe a igualdade de xénero» que se celebra en Santiago de Compostela do 26 ao 28 deste mes, atende a Luzes para falar da traxedia da violencia, pero tamén da esperanza de quen traballa para poñerlle freo.
A que se deben estas cifras desmesuradas de violencia sexual no Congo? A violencia sexual é unha consecuencia de como se ve a muller alí, do seu rol na sociedade. Elas fan todos os traballos, tanto produtivos como reprodutivos: son as que amañan a casa e os fillos, as que van a por leña ou as que se encargan de ir vender ao mercado. Pero aínda así son os homes os que controlan o diñeiro. A última palabra sobre que se fai cos cartos é dos homes.
Eles a que se adican? Polo xeral nunha familia en Butembo o home participa a nivel comunitario. Cando hai calquera incidente na aldea o home pode pasar o día niso, mentres a muller fai todo o resto. Algúns fan traballos de gandería, especialmente os rapaces novos. Iso si, no medio urbano a situación cambiou.
Pero son elas as que levan o peso familiar? O que ocorre é que están pouco visibilizadas. Son as últimas que falan ou que deciden sobre a economía familiar e como consecuencias diso todas as agresións e vulneracións dos seus dereitos quedan invisibilizadas para a sociedade. Incluso se tapan adrede. Se unha cativa é violada, os seus irmáns maiores, seus pais ou mesmo os seus maridos pódenas deixar fóra da casa, polo que as mulleres tratan de que ninguén o saiba, para evitar ser repudiadas pola comunidade.
Se unha cativa é violada, os seus irmáns maiores, seus pais ou mesmo os seus maridos pódenas deixar fóra da casa, polo que as mulleres tratan de que ninguén o saiba
Por que está resposta da sociedade? Por estigma. Hai moi pouca compresión.
Como se traballa contra esta realidade? Nos hospitais nos que traballa Farmamundi no Congo, un dos eixos é a psicoterapia familiar e a reintegración a nivel comunitario. Hai un equipo de médicos, enfermeiros e psicólogos que fan ese traballo que cada vez é máis coñecido, así que cando unha persoa é violada nunha comunidade derívana directamente a este hospitais. Alí fánselle probas de laboratorio, médicas… Ás veces a agresión foi tan forte que teñen que metela directamente en quirófano. Cando se vai recuperando a nivel físico entran no programa de acompañamento psicolóxico. Hai tamén un gabinete de apoio, formado por mulleres xuristas, por se queren denunciar o que ocorreu. Algunhas non o fan porque non queren problemas cos seus maridos nin coa súa familia, pero outras si se atreven a dar o paso.
E funciona? Non, non funciona nada. Hai un nivel de corrupción incrible. Só o 1% dos casos chega a ser de verdade xulgado. O resto, alguén paga un diñeiro e o dossier desaparece. Nos casos de menores, como ten que participar a familia, os pais amañan entre eles: págase algo ou mesmo os casan.
Moitas destas agresións teñen a nenas como vítimas? Hai auténticas barbaridades: mesmo nenas de dous anos! A media está entre os 15 e 25 anos, onde se concentra o 70% dos casos, pero tamén os hai de señoras de ata 70 anos e de cativas. Hai tamén violacións a varóns, igual só un 2%, pero tamén hai casos e son máis estigmatizados aínda.
A violencia sexual é un arma de guerra no Congo? A do Congo é unha crise esquecida que leva moitísimo tempo aí. Inicialmente o perfil do agresor era de grupo armado, de guerrillas que entran nun poboado e agreden as mulleres. Como máis se desestrutura a unha sociedade é atacando á muller, porque son elas as que se encargan da maioría das actividades: atacando ás mulleres estás afectando á sociedade enteira. Seguen usándoas como campo de batalla. A muller é o campo de batalla. O que pasa é que nos últimos tempos cada vez hai máis agresores «civís». É un cambio progresivo pero que se está vendo. É tal a invisibilización da muller que familiares ou xente da propia familia comete as agresións. O feito de que se naturalice tanto a violación é aínda máis preocupante. Estamos a falar de que cada mes chegaban a nós entre 15 e 20 casos de violación.
Como máis se desestrutura a unha sociedade é atacando á muller, porque son elas as que se encargan da maioría das actividades
É posible lograr a recuperación psicolóxica das vítimas? O apoio das familias é moi importante. É difícil, pero sempre é máis doado que se tes o rexeitamento da familia e do núcleo comunitario. Para lograr a reinserción temos os chamados «kits de reintegración»: se unha muller é violada e o conta, pode que sexa marxinada, pero se chega cunha cabra a familia xa encara a situación doutro xeito. Soa duro, pero esa cabra vaille servir para ter uns ingresos e para ser aceptada na comunidade.
A violencia sexual está axudando á expansión do VIH? O VIH das mulleres na rexión triplica ao dos homes, aínda que é verdade que son elas as que se fan as probas maioritariamente. Para que un home vai facer a proba… Eles teñen moito orgullo e se por algún motivo están enfermos é porque a muller lles pasou algo. Cando as mulleres son agredidas, se o ataque foi nun intervalo inferior a 72 horas aplícaselles o programa de Profilaxis post-exposición que inclúe tratamento antiretroviral e antibiótico para outras enfermidades de transmisión sexual. Por iso a prioridade é a detección precoz, porque o trauma da violación está aí, pero se ademais vén acompañado dunha enfermidade como o VIH é moi complicado.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán