«Os contrabandistas son a xente máis honrada que existe». Esta afirmación, realizada por Manuel Díaz González, Ligero, tras saír elixido alcalde da Guarda por Alianza Popular en 1987, demostra ata que punto estaba socialmente aceptado ese negocio clandestino. O práceme xeral foi un dos factores clave que facilitou o salto do contrabando ao haxix e á fariña, pero non o único.
1 Por que en Galicia? Que Galicia fora e sexa un dos epicentros do narcotráfico europeo responde a unha mistura de factores que van do xeográfico ata o histórico. No primeiro dos casos atopamos máis de mil quilómetros de revirada costa e unha fronteira chamada A Raia, que liga con Portugal. A ambos condimentos hai que engadirlles o illamento xeográfico e económico que Galicia sufriu historicamente e xa temos o resultado: o contrabando non só foi algo sempre tolerado nunha Galicia chea de necesidades (comida, menciñas, ferramentas…), senón que foi unha actividade necesaria e os contrabandistas eran benefactores sociais. Nese caldo de cultivo medrou sen obstáculos un clima de impunidade, unha especie de convicción pola cal o ilegal non era malo. Cando comezou o contrabando de tabaco e máis tarde o narcotráfico, a idea xa callara na poboación galega. E foi difícil de extirpar. §
2 Como se pasou do contrabando ao narcotráfico? Cando a Galicia de metade do século XX precisaba máis cartos que alimentos, os contrabandistas procuraron a rendibilidade. E a rendibilidade era o tabaco. Apareceron deste xeito nos anos 50 e 60 os primeiros grandes capo do tabaco, como Celso Lorenzo, quen chegou a ser presidente do Celta de Vigo ou o citado Manuel Díaz, Ligero, alcalde da Guarda. Todos eles continuarían a ser, a ollos da sociedade, unha sorte de homes de honor, que axudaban e aportaban o que o Estado non lle concedía a unha atrasada Galicia. Nos 70 o relevo tomárono Vicente Otero, Terito, —amigo persoal de Manuel Fraga— e Nené Barral, alcalde por Alianza Popular de Ribadumia. A derradeira fornada de contrabandistas do chamado «Winston de batea» foron os Charlíns, Laureano Oubiña, Sito Miñanco ou Marcial Dorado. Case todos eles atoparon despois na cocaína e o haxix un negocio moito máis rendible. Cando quixeron dar o salto non tiveron maiores problemas: a sociedade apoiábaos, os políticos eran os seus amigos e as autoridades colaboraban. As organizacións provedoras de colombianos e marroquís atoparon nos clans galegos os socios ideais, que lles levaban moitos anos de vantaxe ás autoridades do seu país. §
3 Cal era a misión dos galegos? Os clans galegos tiveron sempre o papel de narcotransportistas. Grazas a moitos anos de experiencia introducindo tabaco nas costas do noso país, os galegos non tiveron problemas para adaptar a súa infraestrutura tabaqueira á droga. Eran os encargados de introducir a mercadoría en terra, case sempre fariña procedente dos carteis colombianos de Medellín (encabezado por Pablo Escobar) e de Cali. Empregaban normalmente as chamadas planadoras ou xoubas, lanchas rápidas e lixeiras. Con elas saían ao encontro dun pesqueiro ou cargueiro e metían os fardos na costa. Os carteis colombianos pagábanlles co 30% da droga. A día de hoxe, as organizacións colombianas seguen a ver nos clans galegos os mellores socios posibles e os máis efectivos para exportar cocaína a Europa. §
4 Quen foron os narcos máis importantes? Sito Miñanco é un dos nomes más relevantes. Posiblemente é o narco máis poderoso de cantos coñeceu Galicia e un dos máis importantes de Europa. Sito, que naceu en Cambados, comezou co contrabando de peixe e marisco e axiña pasou ao tabaco. Era un excelente piloto de planadoras, polo que chamou a atención dos clans máis poderosos. Nos 80 montou a súa propia organización tabaqueira, a ROS (as iniciais dos seus socios, Ramiro e Olegario, e a súa propia), e a finais desa década xa introducía toneladas de cocaína do cartel de Cali. Foi detido dúas veces, a primera no marco da Operación Nécora, en 1991, e a segunda no ano 2001. Actualmente está en terceiro grao, e non son poucos os investigadores que teñen por seguro que Sito segue no negocio.
Laureano Oubiña foi un dos transportistas de haxix máis importantes que coñeceu Europa. Chegou a amasar unha enorme fortuna que lle permitiu mercar o mesmísimo Pazo de Baión. Sairá ceibo este ano despois de case 16 na cadea. O seu fillastro, David Pérez, continuou o negocio anos despois de que Laureano fose condenado.
O clan dos Charlíns é o terceiro nome propio. O seu líder histórico é Manuel Charlín, actualmente en liberdade. Os seus fillos, sobriños e netos continuaron co negocio dos maiores. Outros nomes destacados do narco galego foron Marcial Dorado, actualmente en prisión condenado por narcotráfico (aínda que el sempre negou que se adicara á droga), Luis Falcón, Falconetti, Jacinto Santos Viñas, Patoco, O Mulo, os Caneos, Alfredo Cordero, Manuel Carballo, os Lulús, os Piturros… §
5 Houbo conexións coa política? O contrabando e o narcotráfico galegos sempre semellaron ir da man da política local. Na época dos capos de tabaco, máis que semellar, era un feito. Contrabandistas históricos como Ligero ou Nené Barral eran alcaldes das súas localidades (A Guarda e Ribadumia). Terito era afiliado a Alianza Popular (AP) e amigo persoal de Fraga, quen lle impuso a insignia de ouro do partido. Alfredo Bea Gondar foi narcotraficante e alcalde do Grove, Pablo Vioque, un dos maiores narcos que coñeceu Galicia, era o secretario xeral da Cámara de Comercio de Vilagarcía e membro de AP. A lista é longa. Mesmo Xerardo Fernández Albor, ex-presidente da Xunta, chegou a manter unha reunión cos principais capos do tabaco fuxidos en 1984 a Portugal. Despois daquela xuntanza, os capos voltaron a Galicia.
Case todos os grandes capos do tabaco e da droga confesaron algunha vez ter financiado a partidos políticos. A pantasma da narcopolítica galega foise apagando cos anos. Hoxe as conexións son mínimas, se acaso nulas, pero hai uns anos unhas fotos do actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de vacacións co capo Marcial Dorado, resucitaron a pantasma. Feijóo logrou saír do paso asegurando que, daquela, Marcial era só contrabandista, pero na última campaña das eleccións galegas a oposición removeu estas imaxes coma poucas veces fixeran antes. §
6 Cal foi o papel da sociedade galega? Ningún fenómeno criminal pode triunfar sen un certo respaldo social. En Galicia, os contrabandistas non é que estiveran ben vistos, é que eran considerados unha sorte de heroes sociais. Tiñan a gran parte da sociedade —sobre todo da costa— da súa parte. E sabían da importancia disto: financiaban festas, axudaban os concellos, presidían equipos de fútbol, pagaban tratamentos médicos… Sito Miñanco foi un dos maiores expoñentes desta especie de Pablo Escobar das Rías Baixas. O capo de Cambados era o presidente do Clube Xuventude, que a piques estivo de ascender a Segunda División. Construía casas, axudaba a veciños enfermos e pagaba unha pensión vitalicia á familia dos homes da organización que caían asasinados ou presos.
Co salto á droga este respaldo social mudou. A irrupción das asociacións de pais e nais a finais dos 80 contra a droga virou o escenario. Grupos coma Érguete, liderado por Carmen Avendaño, botaron as culpas dos estragos das drogas na costa galega aos narcos. Foi a presión social e a rebelión da sociedade galega a que empurrou o Estado a actuar. No ano 1990 o xuíz Baltasar Garzón organizou a Operación Nécora, o primeiro gran movemento das autoridades contra os narcos.
A día de hoxe a liña que separa a sociedade do narcos xa non é difusa. Xa ninguén admira os narcos, se ben aínda queda moito camiño por percorrer: en Galicia segue habendo un desinterese, unha sorte de tolerancia pola cal ninguén semella preocupado, por exemplo, de cales son os negocios ou empresas dos narcos e tampouco existe un interese mediático excesivo. Ademais, aínda hai en Galicia aldeas e pobos nos que os narcos seguen sendo homes feitos a si mesmos, que buscan a vida e non fan nada malo. §
7 Cal é a situación hoxe? Galicia segue sendo unha das principais portas de entrada de cocaína en Europa. Xa non é a única, como case chegou a ser un día, pero si é a preferida polas organizacións colombianas: cando hai un envío de varias toneladas, a ruta escollida soe pasar polas Rías Baixas. Alí os clans operan agora na total discreción. Son opacos, case invisibles. Atrás quedou a ostentación de pazos, descapotables e enchentas de marisco. Os capos galegos da actualidade son homes sinxelos, que non queren levantar sospeitas, que pasan por honrados empresarios. Moitos deles combinan a súa actividade como narco con outras legais. Grupos como os Pasteleiros, os Burros, os Pulgos ou os Lulús seguen hoxe conectando as plantacións de coca de Latinoamérica cos narices de media Europa. §