Concepción Pérez: alcaldesa cando as mulleres non votaban

En xaneiro de 1925, o concello de Portas (Pontevedra), converteuse no escenario dun feito histórico: unha mestra viúva e moi respectada pola súa veciñanza foi elixida alcaldesa en plena ditadura de Primo de Rivera (1923-1930), consolidándose á vez como a primeira alcadesa da historia de Galicia. Concepción Pérez Iglesias, coñecida como Dona Concha, asumía a alcaldía de Portas nun tempo no que as mulleres aínda non tiñan recoñecido o pleno dereito a voto en España. É dicir, podían gobernar unha institución, pero non escoller quen era a mellor opción para facelo.

Concepción Pérez Iglesias naceu en Santiago de Compostela, en 1881, no núcleo dunha familia numerosa. Dende moi nova destacou pola súa vocación pedagóxica e con 20 anos acadou o título de mestra na Escola Normal de Santiago. En 1907 foi destinada a Portas, onde dirixiu a escola feminina. Un ano despois casaría con Amador Méndez Santamaría, un emigrante retornado de América que volveu con algúns aforros no peto. Segundo lembra a bisneta da alcaldesa, Rebeca López, «Amador era un home criado á vella usanza. Se atopaba a camisa mal planchada, rompía os botóns. Non foi un matrimonio próspero» conta, e a vida de Dona Concha consistía en exercer o seu traballo de mestra e, á volta, dedicarse aos labores domésticos. En 1918, na epidemia de gripe, Amador faleceu, e Concha quedou viúva cun fillo, Nemesio Méndez, que anos máis tarde tamén sería mestre e mesmo alcalde de Portas entre 1952 e 1960.

Hai 100 anos, a primeira rexedora galega, Concepción Pérez, puido acceder ao cargo porque era viúva e non dependía legalmente dun home

A cuestión da viuvez foi algo determinante para que Concepción Pérez puidese participar na política. O Estatuto Municipal de 1924 permitía ás mulleres, cabezas de familia, participar na vida pública, sempre que non estivesen sometidas a patria potestade, tutela ou autoridade marital. A bisneta de Dona Concha lembra que «as mulleres solteiras estaban baixo o mandato dos pais e as casadas baixo a tutela dos maridos», polo que realmente «só podías facer algo por ti mesma cando eras viúva». Insiste: «foi o mellor que lle puido pasar».

Concepción Pérez non quixo volver casar. De feito, o irmán de Amador, Gumersindo Méndez, pediulle matrimonio, pero ela quedou tan «escarmentada», explica a súa bisneta, que tiña claro que quería centrarse na súa profesión e en coidar o seu fillo. Foi aquí cando lle chegou a oportunidade dunha responsabilidade insólita para unha muller do seu tempo.

Concepción Pérez. Arquivo familiar

A chegada á alcaldía

O 9 de xaneiro de 1925, Concepción Pérez foi designada concelleira polo gobernador civil, nunha época na que moitos nomeamentos municipais se facían por vía administrativa. Ese mesmo día, o alcalde en funcións, Cesáreo Belsol, presentou a súa renuncia, deixando vacante a presidencia do concello. A corporación, composta unicamente por homes, decidiu votar e, de maneira inesperada, con seis votos a favor e un en branco, Concha Pérez convertíase na primeira alcaldesa galega e a segunda de España, só dous meses despois que Matilde Pérez Mollá en Quatretondeta (Alicante). O seu nomeamento foi celebrado pola veciñanza con serenatas e homenaxes. As bandas de música de Lantaño e de Poza percorreron as rúas para lle render tributo, tamén pola súa longa traxectoria como mestra.

Por aquel entón, Galicia vivía baixo a ditadura de Primo de Rivera (1923-1930), avalada polo rei Alfonso XIII. O Estatuto Municipal de 1924 introducira novidades na vida pública municipal: as mulleres viúvas ou solteiras, maiores de 23 anos, podían votar en eleccións municipais e ser escollidas para o cargo. As casadas, pola súa dependencia legal do marido, quedaban excluídas. O sufraxio feminino universal non chegaría ata 1931 coa proclamación da Segunda República, e só se exercería por primeira vez nas eleccións xerais de 1933.

A rexedora impulsou a construción de catro escolas, promoveu a apertura de camiños e defendeu o servizo estable dun médico e dunha matrona

Máis escolas e aperturas de camiños

Durante o seu mandato, entre 1925 e 1930, Concepción Pérez centrou os esforzos en mellorar a vida diaria do municipio, conta a súa bisneta, a cal coñece todo este legado polas súas investigacións pero sobre todo polas memorias do seu avó, fillo da alcaldesa. A rexedora impulsou a construción de catro escolas con vivendas para mestres, promoveu a apertura de camiños que comunicaban Portas con parroquias veciñas e defendeu o servizo estable dun médico e dunha matrona.

Unha das primeiras actas municipais que presidiu recolle dúas decisións fundamentais: aceptar a construción de estradas locais –pequenas infraestruturas, pero decisivas por aquel entón, nun municipio de máis 3.200 persoas– e cubrir a praza de médico municipal. A decana da Facultade de Ciencias Políticas da Universidade de Santiago, Marta Lois, explica que «a súa axenda achegábase máis a un mundo dos coidados, centrada en mellorar a educación, a saúde e as comunicacións básicas». Dende o primeiro pleno que presidiu, a alcaldesa centrou a súa actividade en cuestións prácticas e urxentes e os rexistros municipais mostran o seu interese por mellorar a vida cotiá da veciñanza e pola educación como motor do progreso.

En 1930, coa caída de Primo de Rivera e a restauración provisional do goberno de Alfonso XIII, os concellos foron reestruturados e Concepción cesou como alcaldesa. Regresou á docencia, primeiro en Portas e logo na escola de Guadalupe en Santiago. Morreu en 1939, con 58 anos, vítima dunha vellez prematura.

A mestra na escola unitaria de Portas. Arquivo familiar

A polémica de ser a primeira

A súa condición de pioneira non estivo exenta de disputa. Como lembra a historiadora Guadalupe Gómez-Ferrer, no seu artigo «Las primeras alcaldesas de España», máis de unha localidade reivindicou ter a primeira alcaldesa da península. A prensa da época alimentaba o debate. El Ideal Gallego proclamaba a primacía de Concepción Pérez, mentres que xornais valencianos defendían a de Matilde Pérez Mollá rexedora de Cuatretondeta (Alacant). La Voz de Galicia titulaba: «Feminismo en acción. A primeira muller galega alcalde», e lembraba a Rosalía de Castro e as dotes das mulleres para tales responsabilidades. «Saben unir á tenrura da feminidade sen abafala, a puxanza briosa, a capacidade de traballo e o valoroso esforzo peculiar do sexo oposto», reza o texto, que remata facendo unha reivindicación pola incorporación das mulleres na vida pública: «Lonxe de nós o sorriso escéptico ante a evolución da muller aos postos públicos. Non sabemos o que ocorrerá noutras rexións, pero a intervención da muller galega na vida das corporacións municipais esperamos confiadamente óptimos resultados que a algúns lle causaran estrañeza, pero que a nós non nos sorprenderán». O certo é que Concepción Pérez e a alacantina Pérez Mollá exerceron o cargo practicamente ao mesmo tempo e nun contexto político moi particular. No seu estudo, Gómez-Ferrer apunta que «as reivindicacións dos diferentes pobos foron numerosas, case tantas como alcaldesas houbo en tempos da ditadura de Primo de Rivera». Tamén engade que faltan moitos datos para xustificar «en base a que criterios se levou a cabo a elección de certas mulleres para ocupar os cargos de responsabilidade municipal», aínda que na súa opinión é «obvio» que aquelas mulleres que se escolleron simpatizaban coa ditadura fascista.

«Se tivese que elixir hoxe unha ideoloxía para a miña bisavoa, tendo en conta a súa actividade política e o que se sabe na súa familia, apostaría que era unha muller inclinada á esquerda» (Rebeca López)

Se ben Matilde Pérez Mollá era a rica do lugar, Rebeca López defende que non é o caso da Concepción Pérez. Postula que se tivese que elixir a día de hoxe unha ideoloxía para a súa bisavoa, tendo en conta a súa actividade política e o que se sabe na súa familia, apostaría que era unha muller inclinada á esquerda. «Aventúrome a dicilo porque axudaba aos necesitados, traballaba nos comedores, preocupábase de que houbese boas estradas, boa educación, que as mulleres tivesen os dereitos cubertos, que elas se puidesen defender. Branco e en botella», sostén.

Concepción en Madrid entre a súa irmá Gumersinda e o seu irmán Adolfo. Arquivo familiar

A comezos dos 2000 non había alcaldesas en Galicia

O recordo de Dona Concha mantense vivo en Portas. A súa figura foi recuperada en homenaxes –inaugurou a festa da Dona en 2016, que pretende poñer en valor o papel das mulleres na vida pública– e en publicacións, pero segue a ser descoñecida para a maioría dos galegos. Para Marta Lois, o valor da alcaldesa radica en que «con tan poucas mulleres con responsabilidade política, foi capaz de promover proxectos que melloraban a vida das persoas. É un gran referente para o recoñecemento das capacidades das mulleres en política». Lois lembra tamén que ata os anos 90 as mulleres non chegaron aos concellos e hoxe as rexedoras representan arredor do 27%. «A evolución é moi recente e ben pouca». De feito, «a mediados dos anos 90 e comezos dos 2000 non había alcaldesas en Galicia», apunta.

Concepción Pérez encarna un paradoxo histórico: foi alcaldesa antes de que as mulleres puidesen exercer plenamente o dereito a voto. A súa historia, que durante décadas quedou relegada a notas locais, é recoñecida hoxe como unha parte esencial da memoria política galega. Daisy Alcalde, mestra, presidenta da Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega (APAIOGA) e presidenta da asociación feminista O Soño de Lilith, apunta a importancia de desenterrar e celebrar nomes como o de Concepción Pérez.  «Representa un fito fundamental na nosa historia, especialmente porque isto non ocorreu nunha grande urbe, senón nun concello rural como é Portas, que non adoitan ter unha grande estima, pero en realidade foron espazos pioneiros en moitos campos».

Como mestra, Alcalde apunta que elas son coñecedoras do seu traballo infravalorado por tratarse dunha profesión feminizada. «A figura da primeira alcaldesa galega é un exemplo claro de como as profesoras contribuíron ao progreso e á transformación social, unha participación activa na sociedade moitas veces esquecida», apunta.

A pegada de Dona Concha non se limitou ao seu tempo como alcaldesa, senón que deixou unha fonda herdanza na súa familia. Ademais do seu fillo, os seus netos e bisnetos continuaron vinculados á docencia e á construción de camiños e estradas, como se quixeran prolongar na práctica aquela axenda municipal que ela puxera en marcha entre 1925 e 1930. Hoxe, a súa memoria está máis viva que nunca. Rebeca e demais descendentes de manteñen un grupo de WhatsApp que leva o nome de «Os bisnetos», orgullosos da súa figura e conscientes do simbolismo de ter unha antepasada pioneira que marcou a identidade familiar xeración tras xeración.

Dona Concha, mestra, coas alumnas da escola nacional feminina de Portas. Arquivo familiar.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail