O(h!) libro galego

Di a TVG que só un 4% da poboación do noroeste-peninsular-antes-coñecido-como-Galiza escolle «libremente» ler en galego. O de «libremente» é porque «coas obrigas do ensino» (sic), a porcentaxe sobre até o 17%. Cativa porcentaxe, mirémolo por onde o miremos, a pesar da imposición da lectura en vernáculo á cativada.

Saltaron as alarmas e arderon as redes (figuradamente, claro) como sempre pasa cando falamos de números, porcentaxes e lingua. En todos lados menos onde deben saltar, que é en quen nos xestiona. Non dixeron nin chío nin agardamos por eles. Mais as alarmas levan acendidas anos. Vexamos.

A edición do libro en galego caeu un 53% desde 2008. Se hai unha década se publicaron 2.070 libros, en 2018 non chegamos ao milleiro, 972. Mais chegou a ser peor: 739 en 2015. A de 2017 trátase da segunda baixada consecutiva, que acumula un 14% en dous anos. Trátase, por tanto, dunha dinámica, non dun dato illado.

«É o mercado, amigo», diría un banqueiro rescatado calquera: o gasto en libros non de texto realizado polos fogares galegos na década 2006-2016 experimentou un decrecemento do 54,5%, o que supón case 47 millóns de euros menos coas consecuencias agardadas: o peche de até 30 librarías nos últimos 5 anos, números vermellos nas editoriais e perda de emprego. Baixa o mercado – baixa a edición. Sinxelo, non? Pois non: a Xunta, no canto de botarlle un salvavidas ao sector, anda a afogalo. Como? Vexamos 5 datos:

  • A Promoción da edición do libro en galego ten reservados nos orzamentos da Xunta para este 2019, 171.060 euros, fronte aos 758.000 que había en 2006, unha baixada de case o 80%. Eran outros tempos, si, pero hai só tres anos, en 2016, era o duplo, 348.460

  • Se o Apoio á promoción, produción e edición do libro en galego contaba con 292.000 euros en 2006, en 2016 eran 210.000, case o 30 % menos.

  • A partida para a Promoción da lectura e do libro tiña por orzamento en 2016 seis veces máis do que hoxe: dos 1.200.000 euros. aos 185.000

  • Para o bienio 2018-2019 hai reservados 200.000 euros para a tradución ao galego de obras noutros idiomas. En 2009 foron 300.000, 3 veces máis xa que esta convocatoria era anual pola altura.

  • De 2008 a 2016, as adquisicións da Rede de Bibliotecas de Galicia, que engloba as bibliotecas de titularidade estatal e as bibliotecas locais, baixou un 58 %, situándose nos 2,4 millóns de euros, o cal supón un 58% menos.

Calquera leigo pode atopar unha correlación entre a baixada da edición do libro en galego coa redución drástica das políticas públicas de fomento da edición e da lectura. E así xa o alertou o ano pasado o Consello da Cultura Galega no informe Datos da edición en Galicia 2006-2016, ou a Asociación Galega de Editoras, esta mesma semana, que demanda “«políticas efectivas, reais e transversais de fomento da lectura en galego». Pero a eles non se referiu a TVG nin o fará a Xunta, tanto monta, que prefiren mirar para o dedo cando os expertos sinalan a lúa.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail