O curmán de Vox en Bélxica

Chámase Vlaams Belang, que viría a significar «interese flamenco» en neerlandés, unha das tres linguas oficias de Bélxica e a única dos Países Baixos. Son de extrema dereita, fillos dun partido obrigado a disolverse en 2004, acusados entón pola xustiza de «incitar repetidamente á discriminación».

Os Belang son os curmáns maiores de Vox. Naceron antes, teñen unha ampla estrutura política, están no Parlamento Federal, no Flamenco, no Europeo, son a segunda forza política en moitos lugares de Flandes, a rexión máis grande, máis populosa e con maior puxanza económica das dúas que forman Bélxica, e son a principal forza nalgunha vila de tamaño medio.

A súas ideoloxías están baseadas nun mesmo fío condutor: o rexeitamento do diferente, do estranxeiro, daquel que non garde as esencias antigas. Analizaba hai anos John Gray nun magnífico ensaio que Al Qaeda non era un grupo terrorista antigo senón un froito da globalización que estamos a vivir. O seu odio a Occidente sería inexplicable hai décadas, porque son o cosmopolitismo e a multiculturalidade os que ameazan a súa cosmovisión. E as redes sociais e os mass-media o seu ecosistema de intolerancia. Velaí que Vlams Belang e Vox sexan postmodernos, os hipsters das tradicións.

Tom Van Grieken, líder de Vlaams Belang.

Ámbolos dous partidos están en ascenso liderados por un líder novo. Tom Van Grieken encabeza o odio flamenco desde o 2014, precisamente o mesmo ano no que Abascal fundou Vox. Os dous falan da expulsión inmediata e sen garantías dos migrantes que cheguen ao país en situación irregular, os dous escriben libros e están preocupados pola perda das puras esencias europeas. Grieken fala de políticos indignos por non escoitar a vontade do pobo cando os acusan de extrema dereita. Sóalles?

A gran diferenza é que os Belang procuran a independencia de Flandes e desprezan o rei belga como cabeza dun Estado federal que non comparten. Pero isto é Bélxica coas súas particularidades, como a nova crise política pola caída dun goberno, escenario impensable hai anos en España. A poucos meses das eleccións federais do 26 de maio o liberal francófono Charles Michel acaba de dimitir. Os nacionalistas ultraconservadores da N-VA, partido maioritario no país, romperon a coalición gubernamental pola sinatura do recente Pacto Migratorio da ONU. Michel aguantou nunha minoría parlamentaria moi minoritaria só dez días. A posibilidade de eleccións anticipadas ou que o Goberno siga en funcións ata a primavera non é unha traxedia.

O ex-primeiro ministro belga, Charles Michel.

Neste incendio parlamentario é onde o curmán maior de Vox pesca réditos electorais. A que lles lembra? Aínda que en Bélxica as crises políticas están á orde do día, récord mundial sen goberno, 541 días, as dereitas flamencas calibran as súas forzas. Os da N-VA apuntan a manterse como principal partido, mais a ultradereita do Vlaams Belang gaña músculo. Nas recentes eleccións municipais acadaron a primeira posición en vilas de medio tamaño. Agora as enquisas xa lles dan ata un 12% dos votos.

Para calibrar a súa forza cómpre ollar a manifestación que lideraron hai uns días no corazón do barrio europeo de Bruxelas contra o Pacto Migratorio da ONU. Só 5.000 persoas, si, pero moito ruído, numerosas detencións e a sensación de que Bélxica segue a virar cara á dereita. E a publicidade gratuíta nas portadas dos medios aparecendo como referente político.

Outra diferencia con Vox é que en Bélxica segue a funcionar o cordón sanitario e ningunha forza pacta con Vlaams Belang. Se gobernan, gobernan sós. Todos saben quen son, sen matices. Hai anos un dos seus pais políticos cuestionou nunha televisión belga o número de xudeus mortos no Holocausto, o emprego masivo das cámaras de gas ou a veracidade do diario de Anna Frank. Foi a sentenza de morte do antigo Vlaams Blok da que renaceron os Belang en 2004. Unha polémica entón gravísima en Bélxica, país onde hai un campo de concentración e traballo da Segunda Guerra Mundial.

Interior do campo de prisioneiros nazi Fort Breendonk.

Fort Breendonk fora antes un antigo forte militar. Hoxe é un museo en lembranza das máis de 300 persoas que alí morreron, das case 2.000 deportadas á exterminación, dos centenares de xudeus, representantes democráticos e membros da resistencia antifeixista encarcerados. Visitar os corredores onde se despregan habitacións húmidas e inhumanas, con ducias de liteiras de palla, gardar silencio ante a cámara de torturas e pasear polo xardín exterior ata chegar ao patio de fusilamentos é un exercicio de memoria que doe no corazón e na alma.

En Fort Breendonk explícase o papel dos flamencos de extrema dereita que entón foron gardas, asasinos, torturadores e cómplices dos nazis. Igual que no Val de los Caídos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail