A Ana, de 57 anos, encontrouna morta por asfixia o seu fillo. Estaba deitada na cama cunha candea ao lado. Fátima, de 44, apareceu dentro dun coche despois de ser apuñalada ata a morte e tras botala seu irmán de menos. Rocío, mesma idade, mesma causa de falecemento, o día anterior a que atoparan o seu cadáver foi ata un cuartel da Garda Civil con veciños e axentes para denunciar malos tratos, algo que finalmente non fixo. A parella si estaba no sistema VioGén por agresión a outra muller. Laila, 37: un dos seus tres fillos (5, 13 e 17 anos) atopou a nai morta na casa xunto a seu pai, o agresor, ferido grave, que falecería despois no hospital. Cándida, de 54, asasinada por alomenos un golpe con obxecto contundente. Foi o propio agresor, a súa parella, quen chamou á Garda Civil. O fillo de ambos, de 8 anos, estaba no colexio, a onde se desprazou un equipo de psicólogos da Cruz Vermella para darlle a noticia. Gracia, 48, tiroteada en plena rúa cando regresaba dun aniversario coa súa filla. Andrea, de 24, foi asasinada cun coitelo de cociña. O seu bebé de 24 meses non estaba na vivenda cando o pai lle matou a nai. Thais tiña 34 cando foi despezada e o seu corpo repartido en bolsas no interior da súa casa e nun contedor próximo. Vanesa, de 42, foi asasinada xunto cos seus xemelgos, un neno e unha nena de 8 anos, por asfixia. Bianca, 43, atopada no piso turístico onde se hospedaba coa súa parella e asasino. A.B., de 29, abandonada na beiravía con feridas de arma branca. Natia, 32 anos, guindada pola ventá dun quinto piso. Rachida, 51, cuxo cadáver se atopou case un mes despois do seu asasinato, escondida polo seu marido. Florica, 54, asasinada canda o seu fillo cunha escopeta de caza. Como el tiña 26 anos, non figurará en ningunha lista como vítima de violencia machista. Soledad, de 66, decapitada, estaba en proceso de separación do seu asasino. Nome descoñecido, de 62, na que a súa parella mallou de tal xeito que morreu dous meses despois no hospital, onde lle induciran un coma. Petra, de 76 anos, coñecida no seu barrio como Petri. Estrangulada polo marido. Laura, 20 anos, asasinada xunto a súa nai por tres disparos de escopeta. Amal, de 30, estaba no sistema VioGén, pero foi atopada sen vida sobre os corpos dos seus fillos de 3 e 9 anos, no patio desde o que o pai, condenado a prisión por maltratala, se coaba desde había meses para acosala. Rosi tiña 67 cando o seu marido a matou e o fillo de ambos os atopou mortos na casa familiar. Laila, 50, deixa unha filla menor de idade tras ser asfixiada. Susana, de 48, deixa dous fillos tamén menores despois de que a asasinaran na súa tenda de decoración. A Juliana, de 31, matouna na súa propia casa o home a quen denunciara oito meses antes e que tamén tiña denuncias previas doutras dúas mulleres. Sara Abigail tiña 29 cando a súa parella a matou e deixou orfo de nai o seu pequeno de 8 anos. Gertruida, de 76, foi asasinada a golpes pola súa parella de 86 con antecedentes por violencia machista. Margarita, 36, o seu mozo golpeouna antes de asestarlle un tiro na cabeza. Manuela, 32, con catro fillas menores, asasinada diante de dúas delas con arma branca. Mercedes, 74, estrangulada polo home co que levaba convivindo 45 anos. Mónica, de 48, foi atopada no seu piso despois de que os bombeiros apagaran o incendio que había nel. O cadáver tiña un coitelo cravado no peito. Pilar, 61, e Mari Àngels, de 66, foron asasinadas o mesmo día polo mesmo home, exparella de ambas. Amparo, de 58 anos, foi atopada xa morta despois de que o marido lle confesara o crime ao fillo de ambos. Lorena, 46, tivera ata maio do 2023 unha orde de afastamento da súa parella, o asasino. María Elizabeth, de 33, a quen o seu mozo arrastrou co coche varios metros ata que caeu ao chan. Provocoulle un traumatismo craneoencefálico severo do que non se recuperou. Yanely, 31, asasinada a coiteladas na casa. Os veciños chamaron á policía, pero non chegaron a tempo. Mari Nieves, 56, asasinada polo seu home, ao que denunciara dúas veces, e atopada sen vida pola súa filla. Fadoua Akkar, 41 anos, rescataron o seu cadáver no coche onde ía de copiloto, que se precipitou ao mar. O asasino que conducía xa estivera en prisión por violencia machista. Mainca, «Mimi», de 33 anos, pasou catro días en coma debido á brutal malleira que lle deu o home polo cal estaba no sistema VioGén. Non logrou superar as feridas. Hafsa, 40, acoitelada polo marido diante da máis pequena dos seus catro fillos, unha nena de 3 anos. Estela, 36, tiña unha unha orde de afastamento e estaba inscrita en VioGén con risco medio. Non foi suficiente. Celeste, 46. A voz de alarma deuna o seu fillo de 11 anos, que lle contou ao tío que seu pai matara a súa nai.
Hoxe é 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Hoxe, unha rapaza de 15 anos (nome descoñecido) foi asasinada pola súa exparella de 17 por, precisamente, decidir romper a relación (vítima aínda non oficial).
Son 42, pero non son só números.