Os afectados por unha vertedura tóxica de Unión Fenosa en Colombia marchan a Bogotá para esixir reparacións

A Coruña.- Trinta líderes históricos do Consello Maior do Río Anchicaya, en Colombia, emprenderon unha marcha á capital do país para esixir ao Goberno e ao poder xudicial que fagan cumprir as decisións xudiciais para reparar ás súas comunidades pola vertedura tóxica que hai vinte anos provocou na zona a empresa EPSA, filial da galega Unión Fenosa e hoxe propiedade de Naturgy.

Os líderes comunitarios, que o ano pasado gañaron o Premio Nacional de Dereitos Humanos de Colombia, manifestaranse o próximo 1 de decembro polas rúas de Bogotá para levar as súas reivindicacións diante das sedes do Ministerio de Medio Ambiente, a Defensoría do Pobo, o Congreso da República e a Corte Constitucional, o equivalente ao Tribunal Constitucional español.

«Facemos un chamamento a comunicadores, prensa, xornalistas, activistas e defensores dos dereitos Humanos e demais interesados a que nos acompañen nesta Manifestación Pola Dignidade do Río Anchicayá e das súas Comunidades», aseguran nun comunicado.

No ano 2001, a empresa galega Unión Fenosa, fundada polo franquista Pedro Barrié de la Maza e que xestionaba a explotación hidroeléctrica do encoro sobre o río Anchicayá, a uns 500 quilómetros ao suroeste de Bogotá, abriu as comportas da presa e verteu 500.000 metros cúbicos de lodos putrefactos que se acumularon nela durante decenios.

A vertedura envenenó o leito e os cultivos contiguos e acabou cos ecosistemas piscícolas e vexetais da zona, dos que vivían ao redor de 6.000 persoas.

Moitas delas tiveron que abandonar as súas vivendas nos últimos anos, en varios procesos de desprazamentos masivos de poboación, ao non poder manter os seus modos de vida e polas as ameazas dos grupos armados que operan na zona, que pretenden agora beneficiarse das indemnizacións que lles corresponderían.

 

Ilustración sobre a traxedia do Anchicayá

No ano 2009, a xustiza colombiana condenou a Unión Fenosa a pagar ás comunidades e familias afectadas 34 millóns de euros, que estas nunca recibiron. Ademais Naturgy, que coa súa antiga marca -Gas Natural- acababa de adquirir a compañía galega, decidiu vender a súa filial colombiana a Celsia, sociedade do grupo Argos, unha multinacional local da construción.

Nin Naturgy nin Argos cumpriron tampouco o seu compromiso co Goberno colombiano de reparar os danos ambientais sobre o río e a súa contorna, nin de levar a cabo proxectos de desenvolvemento local sobre a economía da zona para devolver aos poboadores os seus medios de vida.

As comunidades tamén pretenden que Colombia declare ao río Anchicayá como suxeito de dereitos, e pediron a Naturgy que recoñeza o dano causado pola vertedura de Unión Fenosa. Ese recoñecemento constiuiría unha «reparación moral» que, aseguran, serviría para demostrar que o compromiso coa defensa dos dereitos humanos e ambientais da compañía que preside Francisco Reynés non é unha mera creación de imaxe de marca carente de contido.

«Este caso histórico pode marcar a lexislación en Colombia referente á protección dos ríos e tamén á responsabilidade social e ambiental das empresas», aseguran as comunidades indíxenas, que lembran que o seu traballo recibiu nos últimos anos o apoio da Oficina de Dereitos Humanos da ONU e da Comisión Interamericana de Dereitos humanos, así como de organizacións internacionais e nacionais como International Rivers, Earth Low Center, Rede Internacional de Dereitos Humanos, Avogados sen Fronteiras Canadá, Global Greengrants Fund, Fundo Casa Socioambiental, Movemento Ríos vivos, Censat-Auga Viva, Onuira, EDLC – Environmental Defender Law Center e o Colectivo Human Conet, entre outros.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail