A Coruña.- As dependentas de Inditex lograron paralizar as vendas do Black Friday na provincia da Coruña, onde ten a súa sede a compañía de Amancio e Marta Ortega. A folga que celebran desde onte tivo un masivo seguimento entre o persoal de comerciais, que forman unhas 1.300 persoas das que a inmensa maioría son mulleres.
As dependentas, que ao peche deste artigo manifestábanse polas rúas da cidade nunha multitudinaria concentración á que se sumaron veciños, traballadoras e delegadas sindicais doutras empresas, reclaman a equiparación dos seus salarios e condicións laborais ás dos seus compañeiros homes.
Estes gozan de mellores contratos e soldos de ata máis do dobre dos seus en categorías equiparables en departamentos como loxística, almacéns e fábrica. As dependentas tamén protestan pola discriminación ás que as somete a empresa ao obstaculizar o exercicio do dereito das nais para conciliar os seus horarios de traballo co coidado das súas fillas e fillos.
Inditex non quixo facilitar a Luzes-Público datos de seguimento da folga. alegando, segundo fontes do seu departamento de comunicación, que a multinacional «non é unha empresa pública» que teña obrigación de facilitalos.
Segundo a Confederación Intersindical Galega (CIG), que conta con preto do 70% de representación entre o persoal de dependentas, o seguimento da folga chega ao 100% nas tendas de Stradivarius, Massimo Dutti e Lefties, a máis do 90% en Zara Home e a máis do 80% en Pull&Bear.
«Algunhas tendas de Zara puideron abrir só coas encargadas e persoal eventual, pero non creo que poidan aguantar cando empecen a encherse de clientes», sinalou Roberto Pérez Leal, responsable de comercio de CIG na Coruña, desde o centro comercial Marineda City da cidade, onde á primeira hora da mañá se concentraron unhas 200 traballadoras fronte á tenda de Zara, a máis grande da provincia.
Ao berro de «Hoxe non se compra!» e «Traballo en Inditex e non chego a fin de mes!», con lemas similares escritos sobre pancartas de papel e cartón, as dependentas explicaban aos clientes que se achegaban á boutique que os seus exiguos salarios -unha empregada cun contrato de vinte horas á semana, como o que teñen moitas delas, ten un soldo basee de 540 euros ao mes- representan unha discriminación inaceptable con respecto aos homes.
«É alucinante que o empresario máis rico de España –Forbes calcula a fortuna de Ortega entre 57.000 e 67.000 millóns de euros- ten nas súas tendas a un persoal de traballadoras precarias con soldos que nos condenan á pobreza», asegurou a Luzes-Público unha dependenta que pediu gardar o seu anonimato.
Durante a concentración en Marineda City, as traballadoras tamén apuparon a varios policías, todos eles homes, que obstaculizaron a súa protesta, rodeáronas en actitude ameazante e empuxaron a varias delas, na forma en que pode observarse no vídeo que se atopa nesta ligazón.
«A policía recibiu ordes de Inditex, dálles igual todo. Medio cargaron contra elas e empurraron a unha embarazada», resumiu Roberto Pérez.
Segundo fontes do comité de empresa, Inditex procedeu onte a abonar ás empregadas das súas tendas un plus que acordou en Madrid con UGT e CCOO, pero non coas delegadas da CIG, a central maioritaria na representación das traballadoras da Coruña con preto do 70% , que rexeitaran por unanimidade ese mesmo acordo. Finalmente, UGT Galicia descolgouse tamén dese acordo, non así CCOO.
«A ninguén lle desgusta cobrar máis. Pero estamos indignadas. Primeiro porque se asinou sen informarnos, e non cremos que ninguén teña dereito a asinar nada por nós nin no noso nome. E segundo porque é un intento inútil de rebentar a folga», asegurou Lucía Domínguez, presidenta do Comité de Empresa.
«Inditex pecha as nóminas a día 15, e o acordo de Madrid pechouse despois desa data. Así que tiveron que reabrilas outra vez para incluír ese plus o mesmo día da folga. É un uso repugnante do diñeiro, pero non van conseguir que deixemos de loitar», engadiu.