Absolto de calumnias e condenado por inxurias o xornalista que acusou de corrupción á xefa de gabinete de Feijóo

A Coruña.- A Audiencia Provincial da Coruña absolveu dun delito de calumnias e condenou por outro de inxurias ao xornalista galego que publicou nun medio dixital da súa propiedade varias informacións acusando de prevaricación á exsecretaria xeral de Medios da Xunta, na etapa de Alberto Núñez Feijóo, Mar Sánchez Sierra, actual directora de Proxección e Imaxe do PP e xefa de gabinete na sombra do líder popular.

Nos artigos que Miguel Ángel Delgado publicou en 2018 no seu diario dixital, Xornal de Galicia, aseguraba que Sánchez Sierra creara con outras persoas un «armazón empresarial» para repartirse axudas públicas da Xunta destinadas a xornais e webs, de cuxo destino final era a máxima responsable como secretaria xeral de Medios do Goberno de Alberto Núñez Feijóo en Galicia.

A sentenza da sección sexta da Audiencia Provincial, datada o pasado 14 de novembro, á que tivo acceso Luzes-Público, revoga a condena por calumnias imposta a Delgado por un xulgado de Santiago, pero confirma as penas por un delito continuado de inxurias grave: multa de 1.800 euros; a indemnizar a Sánchez Sierra con outros 3.000 euros; a eliminar de Xornal Galicia todos os artigos relativos aos feitos axuizados, e a publicar o fallo e mantelo durante tres meses na web do diario.

Entre o 20 de xullo de 2018 e o 20 de outubro dese ano, Xornal Galicia publicou nove informacións nas que denunciaba actuacións supostamente ilegais da máxima responsable de prensa do Executivo autonómico

Entre o 20 de xullo de 2018 e o 20 de outubro dese ano, Xornal Galicia publicou nove informacións nas que denunciaba actuacións supostamente ilegais da máxima responsable de prensa do Executivo autonómico. Entre elas, crear con outras persoas do seu círculo de amizades «un armazón empresarial», que supostamente plaxiaba a marca xornalística de Xornal Galicia, para facerse con 400.000 euros procedentes das partidas de axudas públicas que a Xunta destina habitualmente aos medios de comunicación.

Segundo o contido daqueles textos, para os que Delgado tentou sen éxito obter unha valoración de Sánchez Sierra, o diñeiro presuntamente distribuíuse en contratos «partidos», para evitar así o preceptivo concurso público que establece a lei, a través dunha axencia interposta que se encargou de canalizar as adxudicacións. Ademais, o medio de García Delgado acusaba á xefa de prensa de Feijóo de entregar «axudas a dedo a medios afíns», usar «fondos públicos para financiar plaxios intelectuais», e perseguirlo, acosalo e coaccionalo persoalmente.

Os xuíces da Audiencia Provincial da Coruña estiman que os artigos de Xornal Galicia constitúen un delito de inxurias porque «deshonran e desacreditan» a honra e a imaxe pública de Sánchez Sierra. Pero non un de calumnias -a falsa imputación a propósito dun delito- porque as valoracións do diario sobre a actuación da secretaria de Medios enmárcanse «no exercicio das liberdades de información, e fundamentalmente de opinión, a través dun medio dirixido ao público en xeral e que se refire ao manexo de fondos públicos, feito que obviamente reviste un interese xeral».

Os xuíces estiman que as valoracións do diario sobre a actuación da secretaria de Medios enmárcanse «no exercicio das liberdades de información, e fundamentalmente de opinión, a través dun medio dirixido ao público en xeral e que se refire ao manexo de fondos públicos, feito que obviamente reviste un interese xeral»

«O querellado tería imputado un feito básico (a concesión de subvencións para os respectivos titulares aparentes da publicación e en concreto para quen é titulares dos medios que segundo o querellado ‘plaxian’ o seu diario dixital) que é real», reza a sentenza.

Para os xuíces, «que se acerte ou non nas análises xurídicas, ou mesmo que estas análises poidan ser froito dunha interpretación maliciosa como correspondería ao ánimo de desquite que a sentenza [de primeira instancia] justificadamente aprecia no querellado, non afecta a que, dado o seu contido e o contexto concorrente, débense considerar amparadas estas valoracións polo exercicio nas referidas liberdades». «Mesmo aínda que poidan utilizarse termos que poidan resultar molestos (‘colocar a dedo’, ‘partiría os contratos’), que aparecen como dirixidos a brindar expresividade á valoración», engade o fallo.

Xornal Galicia tamén acusaba á xefa de gabinete de Feijóo de usar o citado «armazón empresarial» para, supostamente, «vender roupa e calzado laboral e páxinas web a organismos e institucións gobernadas polo PP», e de estar relacionada «con turbios negocios relacionados (…) cos incendios forestais» en Galicia. Os xuíces tamén valoran esas acusacións como inxurias, pero non como calumnias porque non supoñerían tampouco a falsa imputación de delito ningún.

«O querellado tería imputado un feito básico (a concesión de subvencións para os respectivos titulares aparentes da publicación e en concreto para quen é titulares dos medios que segundo o querellado ‘plaxian’ o seu diario dixital) que é real», reza a sentenza.

Luzes-Público tentou este xoves solicitar a opinión de Mar Sánchez Sierra sobre o fallo da Audiencia Provincial da Coruña, pero ao peche deste artigo non lograra contactar con ela.

En canto a Delgado, asegura que recorrerá a sentenza en casación no Tribunal Supremo e tamén, chegado o caso, no Tribunal Constitucional. «Entendo que para Mar Sánchez Sierra é difícil de aceptar que un xornalista non trague con súas ameazas», dixo a Luzes-Publico, para reiterar o seu argumento de que «sobran indicios penais para procesar» á xefa de gabinete de Feijóo, «que exerceu durante once anos un cargo desde o que adxudicaba a dedo fondos públicos a medios de comunicación cos que logo se reunía para adoutrinalos sobre como debían informar».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail