S02E09: P?️RN?️

O aumento no uso das novas tecnoloxías e o acceso cada vez máis precoz que as crianzas teñen a elas permítenlles navegar nun mar ilimitado de contidos a golpe de clic. O primeiro contacto que unha parte considerable da mocidade ten coa educación sexual é o porno. De feito, tanto é así, que estudos realizados en poboación adolescente achegan resultados alarmantes: o 30% de dita poboación só recibiu educación sexual a través do porno.
Ademais, o Estado español ocupa a décimo terceira posición na clasificación mundial de consumo de pornografía.
Ante estes datos xorden diversas cuestións nas que afondaremos no episodio desta semana. Para isto, acompáñanos a Hadriana Ordóñez, womansplainer que traballa como psicóloga e que realiza un importante labor de educación sexual en centros educativos, tanto para alumnado coma para profesorado.
A Hadriana explícanos por que o porno pode resultar adictivo para algunhas persoas, ata o punto de causarlles importantes repercusións en diversos ámbitos das súas vidas (laboral, académico, sexual…).
Por outra banda, tamén reflexionamos sobre a visión do sexo que se ofrece na pornografía: estándares de beleza e corpos considerados ideais, perpetuación de roles, clasificacións, etiquetas, e mesmo o branqueamento e difusión de abusos sexuais.
Con todo isto, realmente pode existir un porno feminista ou empoderante?
Se queres saber a nosa resposta a esta e outras preguntas, non podes perder a túa dose semanal de womansplaining. Esperámoste!

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail