Outro 25N teimando na denuncia

Leva o feminismo moitos anos denunciando a violencia machista, as vidas de mulleres que se cobra cada ano. Os milleiros de mulleres que padecen malos tratos de alta, media e baixa intensidade no seo dos seus fogares e nos ámbitos familiar e amoroso sen esquecer o laboral, de tránsito e ocio, onde tamén acontecen agresións desta natureza. Todas elas en distintos graos son manifestacións do machismo que funda as sociedades nas que vivimos.

Machismo que ten unha orixe social, cultural e estrutural. É polo tanto da maior importancia apostar pola transformación social e a xustiza, e iso require bater nas condicións estruturais de desigualdades (no acceso aos postos de traballo e as condicións en que se realizan, nos salarios, no desenvolvemento do traballo doméstico e na crianza e coidado de persoas cativas, maiores e dependentes, no acceso a una vivenda e unhas condicións de vida dignas …).

Foto: Hulki Okan Tabak en Unsplash.

Require tomar en serio o traballo no ámbito educativo, destinar recursos humanos e materiais para traballar en todos os niveis e desde as idades máis temperás: o respecto, as liberdades individuais, os afectos e as emocións, os desexos sexuais e o dereito ao pracer, o recoñecemento dos sis e dos nons, a diversidade humana, a convivencia.

Trátase tamén dunha loita ideolóxica, de combater as ideas instaladas grazas a anos de adoutrinamento por parte de curas, filósofos, mandatarios, militares, médicos e cantos tiveron mecanismos para impor as súas ideas sobre a superioridade dos varóns e a inferioridade das mulleres e outras «sesudeces»: a sexualidade irreprimible deles, que elas non están moi interesadas no sexo ou mesmo que non teñen una sexualidade de seu, que son fráxiles, débiles e vulnerables e precisan, polo mesmo, de protección (de país, maridos, noivos, curas, psiquiatras, do estado) e outro sen fin de trapalladas que permitiron aos varóns exercitar privilexios, en tantas ocasións a conta delas.

Así, o xeito de facer prevención, de tratar de evitar que se produza, é un traballo de zapa nos piares nos que asenta o machismo, fornecedor principal de violencias sobre e contra as mulleres. Nese traballo de zapa tamén importa destinar cartos públicos para avanzar en masculinidades máis igualitarias.

Este xeito de enfocar a loita e combate contra as violencias difire, e moito, desas orientacións que de xeito máis ou menos consciente teñen ido esvarando a posicións que responsabilizan individualmente os actores e centran boa parte do seu traballo na esixencia de castigo e até vinganza.

Algunhas consignas que se escoitan en mobilizacións feministas dan fe desta deriva: «Machista morto, abono pra o meu horto»; «Sen pernas, sen brazos, machistas a pedazos»; «Esmaghare, hainos que esmaghare, contra a parede».

Tamén as posición que insisten unha vez e outra en volver reformar o Código Penal para castigar máis os delitos sexuais ou para considerar delitos comportamentos indesexados, como acontece na Lei Orgánica de Garantía Integral de la Libertad Sexual, coñecida como a lei de «solo o si é si».

Populismo punitivo que avanza socialmente desde varios ámbitos, e un non menor é desde o feminismo que máis se fai oír coincidindo, nisto, cos sectores sociais reaccionarios, aqueles partidarios de gobernar e controlar a través do Código Penal.

Teimar no castigo e deixar en segundo ou terceiro plano as esixencias de transformación social, de prevención, de combate ideolóxico, de educación (e reeducación) bota nas costas dos actores individuais toda a responsabilidade converténdoos en chibos expiatorios.

Namentres, as administracións seguen sen destinar recursos abondo, limitándose –nos máis dos casos– a xestos e discursos, a transitar carreiros de revitimización das mulleres e a poñer os focos nos comportamentos individuais tirándose de enriba a súas responsabilidades no sostén das moi machistas estruturas sociais.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail