A Fiscalía presentou querela contra Gonzalo Pérez Jácome por malversación de fondos públicos e acúsao de apropiarse doutros 100.000 euros de Democracia Ourensana entre o 2015 e o 2019.
Os antigos compañeiros de partido do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, acusan o rexedor de apropiarse o ano pasado de máis de 259.000 euros das subvencións do Concello e da Deputación Provincial que corresponden ao seu partido, Democracia Ourensana, polos cargos de representación que ostenta en ambas institucións.
A acusación súmase á investigación aberta pola Fiscalía de Ourense, que presentou querela contra Jácome por un delito continuado de malversación de fondos públicos entre os anos 2015 e 2019, cando o alcalde aínda estaba na oposición. O fiscal acusa o rexedor de desviar outros 100.000 euros das contas do partido durante eses anos para fins particulares.
A nova denuncia dos exedís de Jácome figura nunha moción presentada ao pleno da Corporación municipal na que reclaman ao alcalde que renuncie ao salario de máis de 68.000 euros anuais que lle abona o Concello en concepto de dedicación exclusiva á súa función como rexedor. Aseguran que tal exclusiva non existe dados os ingresos que obtén pola súa «actividade privada», o que o situaría nun suposto de vulneración tanto da lei de incompatibilidades do persoal das administracións públicas como do regulamento orgánico do Concello de Ourense.
Na súa declaración de intereses sobre actividades privadas rexistrada en xullo deste ano no Concello, pero que xa non figura na web municipal, Jácome asegura non incorrer en ningún suposto de incompatibilidade, e no apartado sobre actividades mercantís só declara, literalmente, «administración do patrimonio e traballos creativos».
O certo é que Jácome é titular dunha licenza de televisión local que emite en Ourense baixo a marca Auria Televisión, que ata o ano 2015, segundo fontes locais, estaba vinculada a Jolper Música SL, a empresa que administraba a tenda de música propiedade da familia do alcalde.
Cando Democracia Ourensana entrou ese ano no Concello e a Deputación e empezou a recibir as subvenciónss que a lei concede aos partidos que obteñen representación institucional, Jácome deuna de baixa no Imposto de Actividades Económicas a nome de Jolper, e de alta ao seu nome «como empresario individual».
Os exedís de Jácome, que abandonaron a formación o ano pasado e acaban de integrarse noutro partido, Coalición de Centro Democrático ( CCD), herdeira do Centro Democrático e Social de Adolfo Suárez, afirman que o alcalde utiliza Auria Televisión, «unha canle caseira con mínimos custos», como «mera ferramenta instrumental para xustificar a facturación de servizos ao partido e facerse, a través dela, con todos os fondos que este obtén polos distintos leitos legais, un simple e basto armazón de branqueo de capitais».
Así o asegura José Manuel Palacios, exasesor do rexedor e hoxe portavoz de CCD en Ourense, e así figura no informe que os exconcelleiros de Democracia Ourensana enviaron o ano pasado ao secretario xeral do Partido Popular de Galicia, Miguel Tellado, home de confianza de Alberto Nüñez Feijóo, para explicar por que romperon o acordo de Goberno que mantiñan cos populares. Nese informe advertíanos sobre as manobras supostamente ilegais do alcalde para facerse cos fondos de DO.
Segundo afirma a moción presentada agora polos excompañeiros de Jácome, o alcalde tería obtido o ano pasado rendementos de preto de 330.000 euros: máis de 68.000 polo seu salario e máis de 259.000 euros por facturas de supostos traballos de Auria Televisón prestados aos grupos de Democracia Ourensana na Deputación e no Concello. Desa última cantidade, Jácome tería facturados máis de 154.000 euros como anticipo de traballos supostamente contratados coa súa propia televisión, para facerse cos remanentes de exercicios anteriores.
«Gonzalo Pérez Jácome é a única persoa que factura servizos ao partido (…) O cerne desta facturación, segundo el mesmo manifesta, é a compra por parte do partido de franxas horarias na súa canle de televisión, de tal maneira que el só se autofactura e ordena o pago con cargo aos fondos ingresados na contas do partido», asegura o informe enviado ao PP.
Nel tamén se advirte das irregularidades contables e fiscais nas que incorrería o alcalde: «Co obxectivo de aforrar impostos, tanto o IVE como o impacto fiscal no seu IRPF, non factura máis que un 50% aproximadamente de todo o saldo que transfire, habendo unha importante desviación por traspasos de fondos entre as contas do partido e as súas propias non xustificadas, que se van acumulando ano a ano».
A documentación sobre os movementos bancarios na conta do grupo municipal de Democracia Ourensana aberta na entidade Abanca, á que tivo acceso Luzes–Público, confirma o modus operandi que denuncian os antigos compañeiros de Jácome.
Entre novembro de 2016 e maio de 2017, o hoxe alcalde extraeu da conta do grupo municipal de DO, na que só el figura como titular autorizado, máis de 110.000 euros mediante tres cheques bancarios: un de 30.987 euros, o 11 de novembro de 2016; outro de 40.000 euros, o 30 dese mes, e outro doutros 40.000 euros, o 16 de maio de 2017.
Ese mesmo ano, cargou 20.000 euros ao grupo mediante dúas trasnferencias, unha de 5.000 euros o 30 de xuño baixo o concepto «Pago a conta facturas» e outra de 15.000 euros o 30 de xullo, unha semana despois, baixo o concepto «Pago facturas». Curiosamente, apenas uns días antes, o alcalde ordenara a transferencia á conta de Abanca dos 20.000 euros que suman os pagos anteriores desde outra conta do partido no Banco Pastor, que acababa de ser adquirido polo Banco Santander.
Segundo os extractos bancarios, repítense operacións similares no ano 2018, con transferencias que suman preto de 32.000 euros. A máis relevante realízase o 2 de xullo, por valor de 30.000 euros como «Pago facturas de comunicación».
Luzes-Público tentou sen éxito poñerse en contacto co alcalde para obter a súa versión sobre os feitos. Jácome, que se define como «un emprendedor local que foi empresario» en cuxo programa prometía «corrupción cero» e «transparencia máxima», limitouse a contestar por Whatsapp cunha frase de descrédito: «Normalmente só contestamos a medios con lectores». Á prensa local si lle asegurou que sente tranquilo fronte ao aluvión de denuncias: «Hai xente que me dá por morto, pero xa me mataron dez veces e sigo vivo», ten dito.
O alcalde conta con só dous edís do seu partido –Armando Ojea Bouzo e Telmo Manuel Ucha Álvarez– e o sostén do Partido Popular, que o apoiou ata en dúas ocasións para que puidese acceder e manterse na Alcaldía gobernando con el.
As eleccións locais de 2019 gañounas en Ourense o PSOE (9 concelleiros), pero o pacto entre Democracia Ourensana (sete edís) e o PP (outros sete) converteu a Jácome en alcalde. A cambio, e coa mediación do propio Feijóo, DO permitiu que a Deputación seguise en mans de José Manuel Baltar, presidente provincial do PP, de quen Jácome fora azoute na lexislatura precedente e a quen acusara de corrupción en numerosas ocasións desde a súa canle de televisón.
O ano pasado, pouco depués das eleccións autonómicas, o PP retiroulle o apoio tras as denuncias dos edís de DO que o acusaron de implantar mordidas nos salarios dos concelleiros e do persoal eventual contratado pola Deputación e o Concello. Jácome quedou en minoría, pero o PP volveu pactar con el o pasado verán para entrar outra vez no Goberno local cando viu perigar de novo a presidencia da Deputación.
Entre as razóns que alegou o Partido Popular para xustificar o seu cambio de postura figura a desestimación da denuncia contra o alcalde por aquelas mordidas nos soldos dos seus colaboradores por parte da xuíz de Instrución. En decembro pasado, a Audiencia Provincial de Ourense decretou o sobresemento definitivo do caso porque, aínda que deu por constatado que as mordidas existían, ninguén puido probar que se fixesen forzosamente ou a cambio do posto de traballo e o salario das que proviñan.
Hai dous meses, a Fiscalía querelouse contra Jácome acusándoo de apropiarse de 100.000 euros das subvencións ao seu partido entre o 2015 e 2019. De probarse, segundo a Fiscalía, trataríase dun «delito de malversación de fondos públicos (asignacións públicas destinadas ao grupo Democracia Ourensana), cifrado en dúas concretas disposicións de diñeiro, correspondente de dous cheques dos que non se coñecería o seu fin último, e da asignación dunhas específicas cantidades provintes de subvencións públicas á cadea Auria TV».
Os edís que o acompañaron ata o ano pasado e que agora o acusan de malversar outros 259.000 euros aseguran que a súa intención, tras integrarse en Coalición de Centro Democrático, é presionar o Partido Popular para que retire os apoios a Jácome. «Ourense merece a un alcalde que non utilice o seu cargo para enriquecerse», conclúe o seu exasesor José Manuel Palacios.