Máis recursos e menos discursos

Nin todo é machismo nin só é machismo.

Chegando o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, organizacións, persoas e institucións, aprestámonos a dicir NON; «Non máis». «Nin unha menos». «Tolerancia cero»… Batamos na violencia que se exerce contra as mulleres polo feito de séreno.

A conciencia ten medrado nestes todos anos considerándose agora un problema social, político e de saúde pública. Esa conciencia é a responsable de Leis e Decretos que articulan medidas para bater nesa violencia, para protexer ás vítimas da mesma, para castigar aos seus artífices.

O número de mulleres asasinadas é terrible e algún crimes, con menores incluídos, estarrecedores. Agora, neste contexto de pandemia COVID 19 que contamos mortes en centenas cada dia, pode parecernos pouco relevante: 38 ata 30 de outubro no que vai de ano, das que dúas fórono en Galicia nos meses de xaneiro e febreiro. 307 mulleres asasinadas desde 2015. Delas, en Galicia, 24.

Iso falando de asasinatos. Outras violencias, exercidas ao amparo «da intimidade» e da «clandestinidade», multiplican por milleiros. As denuncias presentadas e as que non se denuncian e non podemos contabilizar.

Un dos compoñentes da desigualdade na que asentan as nosas sociedades é a idea da «inferioridade» da muller, que outorga aos varóns os espazos, reais e simbólicos, de preeminencia e xerarquía. Cultura que fornece, sen lugar a dúbidas, moitos deses asasinatos e outras violencias. De aí, pequenos tiranos do ordeno e mando no fogar, que non soportan decisións de mulleres coas que conviven, ou conviviron, que non os teñan a eles como referente e centro da existencia.

Porén, nin todo é machismo nin só é machismo … ou perspectiva de xénero.

Importa que nos preguntemos sen ter a resposta «antes de». Por que hai homes que matan as súas parellas e ex parellas? Son homes concretos, en circunstancias concretas ou o denominador común (ser homes/ ser machistas) é tan abrasador que eslúe todo o demais? E se isto fose así, por que a enorme maioría de homes/ machistas non mata? Tamén merece que pensemos, por que tantos homes agresores se suicidan após do asasinato? En España sitúase nun 34%, subindo a partires dos 50 anos.

Vivimos en sociedades construídas sobre a violencia duns poucos sobre os máis. Que esta violencia nalgunhas áreas xeográficas exérzase con luvas de seda non quere dicir que non se dea. Desde institucións do estado e desde poderes económicos. Que veña de tan lonxe e que nos fixesen crer que é algo «natural», non lle tira un ápice de verdade á cuestión. Esa violencia confórmase, entre outras, coa violencia practicada contra as mulleres, que é da que agora falamos, porén non a única violencia existente.

No seu combate importa que exploremos as causas, todas as causas e que non nos conformemos cuns poucos lugares comúns. Importa que non confundamos os planos individual e estrutural. Culpabilizar, exclusivamente, aos agresores (máis cárcere, ningún investimento para rehabilitación…) tira toda responsabilidade ás estruturas sociais e ao xeito como están organizadas e xestionadas as nosas sociedades. Elude a cuestión de que o maltrato apréndese.

De aí a importancia de esixir as institucións e autoridades máis recursos e menos discursos. Está ben que fagan, promovan e convoquen minutos de silencio, publicidades, etc, porén non fan o necesario. Fan falta investimentos acaídos para promover investigacións sobre a cuestión; reforzar no ensino a formación ética e cívica con recursos económicos e humanos; cuestionar moitos dos valores promovidos pola industria do entretemento, sinaladamente a dirixida a adolescentes e mocidade; a programación e os programas dos medios de comunicación públicos que afonden nas raíces das desigualdades e non perpetúen a preeminencia dos varóns e os roles de xénero.

Fai falta mover a educación emocional, imprimir na vida social, laboral, política e institucional relacións de respecto e bo trato entre todos os seres humanos de calquera condición, clase, casta, diversidade funcional ou sexual. E programas, tamén, para rehabilitación de homes que teñan aprendido o maltrato ás mulleres como parte das súas relacións con elas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail