A loita dunha muller para denunciar o desamparo dos servizos sociais cara á súa irmá vítima de violencia machista

En 2016 Ana Gómez foi asasinada polo seu marido. Pedira axuda en varias ocasións á Casa da Muller de Lugo, pero déronlle cita 22 días máis tarde. O mesmo día que acudiu ao centro, José Manuel Carballo disparoulle. Despois de catro anos denunciando a mala praxe do servizo, a irmá puxo unha reclamación ao Concello de Lugo.

Ana Gómez foi asasinada o 11 de febreiro de 2016 en Becerreá (Lugo) polo seu marido, José Manuel Carballo, coñecido como O Chamaco. Disparoulle por detrás cunha escopeta diante dos seus fillos. Ana Gómez, de 40 anos, pedira axuda na Casa da Muller, un servizo social que presta atención e apoio no Concello de Lugo. Con todo, a irmá da vítima, Martina Gómez, denuncia que no seu caso non foi así. Ana acudira pedindo asistencia, pero tardaron 22 días en darlle unha cita cando os servizos xa coñecían os malos tratos e as intencións de José Manuel Carballo.

Anteriormente, Ana Gómez estivo en contacto con Alar, unha asociación financiada pola Xunta de Galicia destinada a proxectos de inserción e integración e que leva a cabo programas dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade. Segundo conta Martina a Público, cando Alar se pon en contacto coa Casa da Muller para explicar o alto risco que corre a súa irmá, as funcionarias deciden darlle a cita 22 días máis tarde. Alar tamén explícalles que o seu marido xa a apuntara coa arma, pegara á súa avoa e matara ao seu can, entre outros episodios de malos tratos. Contestáronlle que non podían adiantar a súa cita, que tiña que acudir o 11 de xaneiro, porque parte do persoal estaba de vacacións, outra de baixa e alegaron que era festa por entroido.

[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]

A crúa situación obriga a Ana Gómez a asistir ao centro o 5 de xaneiro co seu fillo maior, para explicar o perigo que corren tanto ela como os seus fillos e que non pode esperar máis. O persoal, segundo o relato da súa irmá, aconselloulle que abandonase a vivenda «aos poucos». A día de hoxe, as funcionarias que lle atenderon «negan estas visitas», pero como detalla a súa irmá, están «recollidas xudicialmente», ademais de estar de testemuña o seu fillo maior, que por aquel entón tiña 16 anos. En poucos días fixo a mudanza e volveu o 11 de xaneiro á Casa da Muller para preguntar cal era o próximo paso a seguir, e notificáronlle que debía acudir ao día seguinte aos servizos sociais para buscar vías económicas. Pero esa tarde, coa mesma escopeta con que a ameazaba múltiples veces se se ía de casa, José Manuel Carballo disparoulle por detrás.

Martina Gómez non estaba ao tanto dos malos tratos cara á súa irmá, e lembra que é un patrón que se repite entre as vítimas de violencia de xénero, por vergoña e por medo a non ser cridas. Martina presentou unha reclamación vía rexistro do Concello despois de recorrer dúas veces por vía xudicial, xa que o Goberno local defendeu o traballo das funcionarias e alegou que seguiron os protocolos habituais, así como que o servizo atende a «máis de 3.000 mulleres con distintas problemáticas», asegurou a súa alcaldesa, Lara Méndez, do PSOE. A Martina non lle saen as contas, xa que o servizo funciona só catro horas pola mañá de luns a venres, tamén con festivos pechados, cun persoal de entre tres e cinco persoas.

«Se me queixo desde hai anos é porque cometeron neglixencias. Á miña irmá non ma van a devolver, pero o que pretendo é que isto funcione realmente de verdade», sostén Martina. Entre as solucións que lle podían dar á súa irmá, sinala unha casa de acollida para Ana e para os seus fillos, ou mesmo avisar á Garda Civil para quitarlle a arma ao maltratador. «Podían facer moitas cousas, non fixeron nada».

Xunto coa Plataforma Feminista de Lugo, Martina ten claro que a Casa da Muller non prestou os servizos de atención, axuda e acompañamento que Ana necesitaba no seu momento. «O caso de Ana non é un caso illado. A desprotección das vítimas parece ser a norma. O proceso é lento, os trámites burocráticos interminables», recolle un comunicado co que piden respaldo ás asociacións e colectivos feministas galegos para modificar a xestión da Casa da Muller, e que será remitido ao Concello de Lugo. Consideran que as vítimas de violencia machista quedan desprotexidas polos «recursos insuficientes e as competencias repartidas entre territorios».

Entre varios puntos, reclaman unha atención inmediata das vítimas con persoal da avogacía e unha psicóloga de garda, e que sexan substituídas as baixas e as vacacións das traballadoras; renovar os postos cada catro anos para garantir a calidade do servizo; facer públicos os gastos e ingresos do organismo cunha transparencia real; aprobar axudas económicas e de vivenda de forma inmediata para os fillos da vítima, xa que ata o de agora, segundo relata a súa irmá, «recibiron miserias»; poñer en marcha canto antes o Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén) do Ministerio do Interior.

Segundo datos do Ministerio de Igualdade, 41 mulleres foron asasinadas este ano, dúas delas en Galicia. Ademais, segundo informou a Delegación do Goberno, na comunidade contabilízanse máis de 3.700 casos activos por violencia de xénero. Para este mércores 25 de novembro hai convocadas concentracións nas principais cidades galegas. A Marcha Mundial dás Mulleres pon por bandeira o traballo de coidados, feminizado na súa totalidade e polo tanto, invisibilizado durante a crise sanitaria do coronavirus: «A vida postérgase, para, confínase, pero a violencia continúa».


Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail