A violencia de xénero, alén dun sistema único

O discurso contra a violencia de xénero, como calquera, precisa da constante crítica, sobre todo cando parece institucionalizarse unha versión oficial que reduce o debate e non admite obxección que non sexa expulsada ao terreo da complicidade coas agresións. Grazas á actividade do movemento feminista, a Lei Orgánica 1/2004 introduciu un cambio substancial na consideración social da violencia de xénero, ao institucionalizar que a súa causa está na discriminación histórica cara ás mulleres. Irrompeu sobre estruturas machistas que agochaban o problema e reclamou atención dos poderes públicos, practicamente nula até ese momento. Propiciou, xa que logo, unha mudanza institucional, pero tamén social, pois o tratado como unha suma de problemas individuais adquiriu categoría pública, precisada dun tratamento integral.

A Lei Orgánica 1/2004 introduciu un cambio substancial na consideración social da violencia de xénero, ao institucionalizar que a súa causa está na discriminación histórica cara ás mulleres

Con todo, as mortes non descenden e a violencia de xénero permanece. Isto frustra e desespera e, sospeitamos, explica unha tendencia a centrar a análise nos episodios máis graves e teimar en solucións policiais e penais. Outras medidas acaban en segundo plano e outras expresións da violencia son desatendidas, ou equiparadas artificiosamente ás primeiras. Así, cremos, as propostas adoitan repetir un erro de enfoque ao aplicar a todos os casos o previsto para os casos máis graves. A análise social xeneraliza, procura elementos comúns para identificar o patrón e aventurar unha explicación estrutural que destaca iso común que quere ser analizado. Mais no tratamento, sobre todo das instancias de control social, a penal tamén, impera a individualidade, traballar o caso. Confundir planos determina finalmente análises erróneas, ao confundir o destacado co todo; e, tamén, tratamentos ineficaces, ao esquecer o individual do caso.

Outras expresións da violencia son desatendidas. As propostas adoitan repetir un erro de enfoque ao aplicar a todos os casos o previsto para os casos máis graves

A discriminación ten moitas expresións e a violencia de xénero tamén. Cando esta se menciona, remítese adoito á imaxe dun caso prototípico: muller dominada por un home con violencia física e psicolóxica continuadas ao longo do tempo. Así, as propostas responden a esa imaxe, abeirando outras manifestacións da violencia de xénero e sostendo unha visión ríxida das mulleres, dos homes e das súas relacións. Un marco pechado de referencia que, pensamos, debe ser cuestionado. Que diversos casos sexan expresión da violencia de xénero non implica que precisen o mesmo trato ou merezan a mesma resposta.

É certo que todo acto de violencia de xénero sostén a estrutura social, pero non o é que todo caso vaia derivar cara outros maiores sempre e de modo inexorábel

De xeito recorrente a violencia de xénero aparece catalogada como unha progresión inevitábel na que calquera expresión de discriminación ou violencia constitúe un paso nun proceso, de tal forma que as actuacións de menor gravidade serían actos preparatorios ou previos a unha escalada que acaba no asasinato. É certo que todo acto de violencia de xénero sostén a estrutura social, pero non o é que todo caso vaia derivar cara outros maiores sempre e de modo inexorábel.

Milleiros de mulleres padecen violencia de xénero en diversas circunstancias e contextos. Un único referente de vítima usurpa esas experiencias e afasta a moitas do discurso que se di seu

Responder a todo suposto cun único esquema fai ineficaz a resposta. Hai que asumir a heteroxeneidade da violencia de xénero sen que iso negue que teñen en común ser manifestacións dunha mesma estrutura machista. Ademais, o papel das mulleres fica con frecuencia reducido a determinadas expresións. Milleiros de mulleres padecen violencia de xénero en diversas circunstancias e contextos. Un único referente de vítima usurpa esas experiencias e afasta a moitas do discurso que se di seu. A ese referente dunha vítima pasiva que, como consecuencia, é incapaz de decidir por si mesma, por momentos só se lle ofrece unha saída na que identificarse, e uns desexos que debe sentir como propios. Noutro caso pode chegar a aparecer como connivente coa violencia de xénero que sufriu ela ou outras.

Así, moitas das vítimas, ou ben se senten apartadas da xestión das súas decisións ou ben tentan adaptar o seu caso ao modelo, enfrontándose con contrariedade a un proceso penal invasivo e alleo

As consecuencias penais necesarias dunha condena, sen atender á vontade da afectada, provocan renuncias das que se ven arredadas da xestión da súa vida. A orde de afastamento como decisión allea á vontade da muller é outro exemplo de Estado como autoridade paterna. E así, moitas das vítimas, ou ben se senten apartadas da xestión das súas decisións, inmunes ao reproche moral por non declarar, non denunciar ou decidir continuar coa relación, para verse illadas cada vez máis do necesario apoio social; ou ben tentan adaptar o seu caso ao modelo, enfrontándose con contrariedade a un proceso penal invasivo e alleo.

E é aquí como a construción social do xénero nun contexto xeral de dominación preséntanos ás mulleres como seres débiles e puros, enxalzándoas nunha suposta incapacidade natural para manipular cun obxectivo, para planificar cara a un fin, para transixir a lei por interese propio ou polo pretendido interese dos fillos. Asoman elementos que de novo nos recordan ao patriarcado coas figuras de muller/nai/total e home/pai/prescindíbel. Non falamos das supostas denuncias falsas —como tales, dubidosamente, un problema real—, senón de admitir a posibilidade de que a muller que denuncia, como calquera, desenvolva unha estratexia ao entender que un relato dunha situación de ruptura traumática co axeitado aderezo pode contribuír a beneficiala, pensando que só así —idea que alimentan algunhas asociacións— obterá resposta —que debería prestarse en calquera caso, sen esixir a denuncia para pór en marcha os mecanismos de atención social e protección—.

O home e o acto concretos desaparecen, pois só é observada unha categoría, a de agresor, inimigo total do que nada se ten que saber. Pero entender que actos concretos leves poden ser parte da estrutura da violencia de xénero non debe supor equiparar a homes ben diversos entre si

Pola súa banda, o caso paradigmático non remite a un home concreto senón a unha caste de home carente de empatía e con trazos psicopáticos. Ademais, calquera acto, por menos grave que sexa, sería o inicio da progresión cara a un maltrato severo. O home e o acto concretos desaparecen, pois só é observada unha categoría, a de agresor, construída sobre aquel paradigma. Introducímonos no discurso do outro como inimigo total do que nada se ten que saber. Pero entender que actos concretos leves poden ser parte da estrutura da violencia de xénero non debe supor equiparar a homes ben diversos entre si. Esa equiparación provoca consecuencias inxustas e desproporcionadas e crea unha fenda entre o discurso da violencia de xénero e a vivencia de moitos homes e mulleres.

Deste modo, nesta abordaxe granítica do fenómeno, o xénero masculino aparece reducido a unha soa esfera na que todos son potenciais agresores. Rota a comunicación, redúcense as posibilidades de (auto)crítica do propio modelo masculino e auméntase a distancia con homes e mulleres que non se recoñecen na imaxe da violencia de xénero e non serán receptivos a cuestionar as estruturas que a provocan.

Neste contexto as relacións interpersoais son concibidas como fontes de constante perigo para as mulleres xustificando a creación de sensación de medo e o control social sobre as mulleres, o contrario de apoderar

Ademais, esa visión xeneraliza de novo o actuar do home concreto que é o inimigo a bater, eludindo que o problema reside na estrutura machista que o sustenta. Sorprende cando unha das conquistas era pór o centro de atención nas causas estruturais, que se reduza ao dramatismo do caso concreto e ao home que o executou. Nese discurso o Poder e a Sociedade poden volver a desresponsabilizarse ao falar só de monstros alleos ás súas estruturas.

Neste contexto as relacións interpersoais son concibidas como fontes de constante perigo para as mulleres. Desta forma xustifícase a creación de sensación de medo e reaparece o control social sobre as mulleres, o contrario de apoderar lembrando o conseguido e animando na consecución máis espazos de liberdade. Reclamamos por tanto lecturas estruturais. Diferenciar a análise das causas da atención e tratamento dos casos individuais. Analizar a violencia de xénero como expresión dunha estrutura social inxusta sen equiparar cada acto machista cun asasinato. Atender con medios públicos, suficientes e preparados, a abordaxe concreta de cada caso, abordaxe que non pode ficar confinada unicamente en comisarías e xulgados.

Abrazamos, en definitiva, un feminismo crítico, que desconfíe de verdades absolutas, de unanimidades e non renegue doutros discursos emancipadores, como os que limitan o poder penal, ao tempo que alerta ante a criminalización das persoas ou as visións normativizadoras das mulleres e dos homes, que poden, so pretextos de protección, devolvernos a peor faciana do machismo, que lle di a cada muller como debe ser e sentir, que a trata e non trata con ela, que di admirala porque a nega e a controla.

Xermán Varela é maxistrado, Marta Rivas é psicóloga, Duarte Crestar é educador social.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail