A xeración Mr. Wonderful (ou como morrer poñendo en práctica a cultura do esforzo)

Son as 14:12 e teño menos de 5 horas para entregar este artigo. Ben, para entregalo, xantar, dar aulas 3 horas, mexar (non mexo desde que me erguín. Creo. Fun ao baño cando espertei, verdade?). Espero que me dea tempo de lavar os dentes; odio atender o alumnado sen lavar os dentes. Lavei os dentes cando espertei, verdade?

Estarás pensando que a culpa é miña por deixar todo para o último minuto. É certo, eu tamén o creo. «Mal, Antía, esfórzate máis». Tamén deixei para última hora as 9 novelas que tiña que ler para un certame no que fun xurado e do que tiven reunión hoxe á mañá. Pero é que onte dei clase de 10 a 12 (si, era domingo, pero hai exames os luns), xantei e marchei correndo a Lugo porque tiña partido. Que o de ir xogar un partido non dá de comer, pensarás, claro, se eu tamén o penso. Penso que por que carallo me apuntei a un equipo de baloncesto que xoga cada «finde» e adestra tres días á semana, unha hora e media cada vez (martes, mércores e venres). Se a min o sedentarismo íame moito mellor para cumprir cos prazos de traballo, que correndo pola pista non monetizo o tempo. O (meu?) tempo.

Penso que por que carallo me apuntei a un equipo de baloncesto que xoga cada «finde» e adestra tres días á semana, unha hora e media cada vez (martes, mércores e venres). Se a min o sedentarismo íame moito mellor para cumprir cos prazos de traballo, que correndo pola pista non monetizo o tempo. O (meu?) tempo.

Perdoa, perdín o fío un chisco porque tiña 5 conversas de WhatsApp sen ler e 6 ou 7 mails sen responder. E iso que quitei as notificacións de Instagram, Twitter e Facebook do móbil, pero a luciña azul segue acendida todo o tempo. Non podo traballar se a luciña azul está acendida. «Debiches facer algo máis o sábado, Antía». Que fixen o sábado? Tiven presentación dun libro pola mañá e pola tarde botei case nove horas lendo as novelas do certame. E o venres? O venres deime unha homenaxe e intentei durmir oito horas seguidas. Conseguín durmir 6+1’5, not bad. Alegría para o corpo, ese día puiden tomar unha cunca menos de café.

Pola tarde collín o coche unha hora e media de ida e unha hora e media de volta para facer unha hora e media de actividade nunha biblioteca. O xoves cita no dentista (xa perdín toda a mañá, porque no rural non hai dentistas e hai que ir á gran cidade, co que iso implica) mais aulas ata as 21 horas. Un momento, cando preparei eu esas aulas? Nalgún momento do mércores ou martes, supoño. Ah, non, que o mércores tiven que facer facturas, limpar os baños, poñer lavadoras, facer o xantar para o resto da semana.

Agora entendo por que os ricos teñen tempo de seu, non somos conscientes do que leva poñer (recolle roupa, separa roupa, dá a volta á roupa) e tender (saca roupa, estira roupa, colga roupa) unha fodida lavadora. E iso que nesta casa póñense de tres en tres para optimizar o tempo dedicado ás tarefas domésticas (o de ter un Día-da-Coada, Día-de-Limpar-Baños ou Día-de-Encher-os-Tuppers sostense na planificación en papel, pero na vida real unha fai o que pode cando pode, e nin así, porque debería facer máis e organizarse mellor; «que mala ama de casa es, Antía»). Tamén tiven que encargar a comida das cadelas, que xa non lles quedaba nin gota, dar aulas, ir á Coruña a un club de lectura que coordino (lin o libro que tocaba esta semana, verdade? Creo que si, pero nin idea de cando o fixen, pero tiven que lelo, claro, como era o argumento?).

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de Mr. Wonderful (@mrwonderful_)

Agora entendo por que os ricos teñen tempo de seu, non somos conscientes do que leva poñer (recolle roupa, separa roupa, dá a volta á roupa) e tender (saca roupa, estira roupa, colga roupa) unha fodida lavadora.

O martes tiven psicóloga. Non lembro que lle contei. Que todo ben porque había traballo e que non falte o traballo nunca, que ademais así teño a mente ocupada. Pola tarde, aulas na academia e logo aulas nun obradoiro de escrita creativa que estou a dar na UDC. Tiven aí un momento de pánico porque cría que me esquecera de corrixir algún relato esa semana, pero non, 10 obras de 1 ou dous folios coas súas anotacións, feito, si; o que esquecera fora marcar como «feito» a tarefa na axenda.

Rematei ás 20:15 e permitinme dubidar medio minuto se ía ou non ao adestramento; total, chegaba tarde xa, por un día non pasaba nada. Pero, ai!, as endorfinas, as malditas, lembrándome que ata o tempo de ocio o hai que dedicar a algo de proveito. Se canso no adestramento, logo sempre durmo mellor, ademais. Pero houbo tormenta e a cadela e o gato non pararon de chorar. Cando foi a última vez que durmín 8 horas seguidas? E iso que non son nai. Pregúntome como alguén pode ser nai hoxe en día, pero claro, tampouco teño moito tempo de reflexionar sobre un hipotético asunto que hipoteticamente algún día podería chegarme, ou non.

Teño que pensar nas 19 conversas sen ler, nos correos que quedan sen responder. Teño que facer un texto de 500 palabras, un dossier de actividades de dinamización da biblioteca para un concello, arranxar os horarios do profesorado da miña academia. Mandar o trimestre! Mandei o trimestre? Merda, o meu xestor vaime matar. «Aínda non é día 20, Antía, respira, pero deberías facelo antes, como todo». Contactaron comigo vía Twitter para un proxecto audiovisual chulo que me fixo moita ilusión, aínda que non é fixo que vaia adiante, pero logo esa ilusión cambiou a ansiedade por non ser o suficientemente… o suficientemente que? Non o sei.

Esa e «vas tarde, Antía» deben de ser as frases que máis me digo a min mesma. Logo teño as versións híbridas: «Non es o suficientemente boa porque vas tarde a todo» ou, unha vez aparece a culpa, a de «e agora de que che serve sentirte culpable? Non vaias de vítima, eh, que para o único para o que serve é para perder tempo que poderías dedicar a outras cousas».

Ás veces intento desconectar nas redes sociais. «Cinco minutiños, se só é coller o móbil e abrir a aplicación, e total sempre teño o móbil na man, moito tempo non perdes». E vexo que a xente viaxa a sitios marabillosos, compra cousas marabillosas, ten casas marabillosas e leva outfits marabillosos (oxalá vestir sempre coma se estivese nun festival, certamente, pero facer un eyeliner perfecto á primeira nunca estivo dentro das miñas virtudes e ese tempo, ao final, teño que dedicalo a inxerir sólidos, a inxerir líquidos, a ducharme e a expulsar os sólidos e os líquidos que previamente introducín no corpo, que non sempre me lembro de que para traballar hai que comer, todo sexa dito). Miro as redes sociais pensando en que hai que facer para ter esas casas, para viaxar a eses sitios, para consumir eses produtos (o skyncare seica hai que practicalo dúas veces ao día, pola mañá e pola noite, pero digo eu que unha vez á semana é mellor que nada, ou?). Que hai que facer para, simplemente, ter tempo para contar todo iso.

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de Mr. Wonderful (@mrwonderful_)

Miro as redes sociais pensando en que hai que facer para ter esas casas, para viaxar a eses sitios, para consumir eses produtos (o skyncare seica hai que practicalo dúas veces ao día, pola mañá e pola noite, pero digo eu que unha vez á semana é mellor que nada, ou?)

De cando en vez, sáltame unha story. Dá igual de quen, porque podería ser de calquera. «Nada se consegue sen esforzo». «Que non che digan que non podes». «Persegue os teus soños». «Eu comecei desde abaixo e mírame». «Non te conformes». «Aspira sempre a máis».

Onte gañamos o partido. Fun cunhas compañeiras de equipo a facer unha merenda-cea a un sitio de comida rápida. A planificación do menú semanal para ser unha adulta funcional que sabe inxerir as cantidades recomendadas de cada nutrinte ao traste, pero en fin, un día é un día. E ese día había que celebrar. E, aínda así, metida na cama ás 21:30 horas (milagre! Esa semana nunca me deitara antes da 1!), púxenme a chorar. «Por que choras, Antía?», pregunteime. Non, máis ben rifei comigo mesma. «Non chores, Antía, por que choras?». E chorei pouco, porque aínda me quedaba unha novela por rematar para o día seguinte.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail