Mareas, os rápidos e rabiosos anos dez

«A luz que brilla co dobre de intensidade brilla a metade do tempo.
E ti brillaches moito».
Blade Runner (Ridley Scott, 1982).

Durante os catro anos de lexislatura nos que En Marea tivo representación no Parlamento de Galicia (2016-2020), circulaba un chiste recorrente: «que é En Marea? O Punto Limpo do BNG». A creación e autodestrución de En Marea, como a de todos os experimentos de confluencia, foi rápida e rabiosa. Desde os 200.000 votos de AGE nas Eleccións Galegas de 2012 ata os 54.000 que sumaron En Marea e Galicia en Común, en 2020, pasaron oito anos de alta intensidade, éxitos que parecían non coñecer límites e unha rápida disolución retransmitida en directo polos medios de comunicación. Foi unha década de rock and roll, co seu punto álxido en 2015, nos meses que van desde maio –coa chegada ás alcaldías da Coruña, Santiago e Ferrol e a entrada noutros concellos urbanos– a decembro, cando un de cada catro electores galegos votou a candidatura de Podemos-En Marea-Anova-EU nas Eleccións Xerais, superando o PSdeG-PSOE e prognosticando a posibilidade dunha alternativa á hexemonía do PPdeG.

Orixes
Manuel Barreiro no centro da imaxe sentado co equipo de campaña nas Autonómicas de 2016.

No último capítulo de abril de Carretando, o podcast onde un grupo de estudantes de último curso de Xornalismo e Ciencias Políticas da USC elaboran reportaxes sonoras sobre política galega, reuniron a Martiño Noriega e Xulio Ferreiro –exalcaldes de Santiago e A Coruña– para falar sobre o que supuxo para eles esta paréntese de confluencias. Ambos sinalan o 15M como punto de partida nesa materialización do descontento político e social que percorría as democracias occidentais, sobre todo, as do sur de Europa. Os dous din que se aproximaban ás prazas, gravaban vídeos e manifestaban o seu apoio nos debates e asembleas naquela segunda metade de 2011.

Manuel Martínez Barreiro, coordinador de campaña de En Marea nas eleccións de 2016 resume os puntos sobre os que confluían todas aquelas propostas: «as forzas políticas nacidas do 15M, as organizacións rupturistas e as mareas municipalistas foron determinantes para fixar algúns enunciados críticos sobre as oligarquías partidarias; as carencias na relación representantes-representados; as desigualdades xeradas das políticas ‘austeritarias’; e o carácter autoritario dos consensos do Réxime do 78, e a súa baixa calidade democrática. Pero tamén a urxente necesidade de feminizar a política, as institucións e as organizacións, e a importancia transformadora das políticas de proximidade». Forma e fondo.

Durante a década dos anos dez, os obxectivos marcados polos novos partidos conxúganse entre a necesidade de abrir as organizacións a novas formas de expresión política, e a de transformar as políticas públicas en solucións para os «problemas reais» dos cidadáns. A Gran Recesión espertou unha participación política que levaba décadas durmida. O proceso iniciouse cunha expresión desorganizada e desestruturada, na que se manifestaba unha emenda á totalidade do sistema democrático nado da CE do 78, e que posteriormente activou a protesta cidadá.

Xorden novos conflitos na comunidade, e os partidos tradicionais non son capaces de atendelos. As súas estruturas móvense como transatlánticos e non son quen de dar respostas a unha sociedade que pide cambios no contido do mandato e na forma de exercelo. Neste contexto, onde a representación institucional se percibe deslexitimada, varios teóricos chaman á superación do conflito –elemento básico para a formación de partidos– pola posta en común das demandas. Un modelo onde a cooperación substitúa a competición tradicional.

Xaime Subiela na campaña das Xerais de 2016.

Xaime Subiela, politólogo e autor do ensaio Para que nos serve Galiza? (Galaxia, 2013), exconcelleiro de Ames Novo e coordinador de En Marea no Congreso dos Deputados, escribe: «Elinor Ostrom [politicóloga e primeira muller Premio Nobel de Economía, en 2009] demostrou que existe un espazo procomún entre o mercado e o Estado construído nun ámbito do social. Este espazo é de todos e de ninguén, e confórmase a través do diálogo e a negociación entre individuos e grupo, podendo ser perfectamente eficiente para sistemas complexos. Hai intelixencia colectiva máis alá do Estado e do mercado, precisa a cooperación, a aprendizaxe do pasado, e institucións e normas que reforcen a confianza mutua». Barreiro trasládao aos espazos electorais. «En Galicia, evidenciouse a existencia dun pluralismo político moito maior que o que se podía encanastrar no sistema de partidos herdado do fraguismo. Cuestionouse a idea de que a cada espazo ideolóxico lle correspondía unha única forza de representación (o PP para o campo conservador, o progresismo para o PSOE e o nacionalismo para o BNG), ensaiáronse alternativas transversais que sobordaban os vellos marcos ideolóxicos, incorporaban novas ‘identidades políticas mestizas’ e concedían maior relevancia aos colectivos sociais damnificados pola crise económica de 2009».

Pablo Iglesias en decembro de 2015 na facultade de Económicas da Universidade da Coruña.

Manuel Darriba, escritor, xornalista e coautor, con Daniel Salgado, de AGE. A emerxencia da Alternativa Galega de Esquerdas (2.0 Editora, 2013), matiza as orixes das confluencias: «o prólogo está en Amio máis que no 15M». Darriba refírese ao congreso de 2012 do BNG, onde distintas correntes abandonaron o partido. Meses máis tarde, nacía Anova, con Xosé Manuel Beiras á cabeza, xerme de AGE, que se uniu con EU (liderada entón por Yolanda Díaz) nunha coalición creada ás carreiras e para unhas eleccións adiantadas. «Tanto AGE como as Mareas e partidos de confluencia nacen como un espazo á esquerda do PSOE. Hai unha necesidade de priorizar, dentro da propia esquerda, os aspectos sociais, a calidade de vida, os servizos públicos e a limpeza en política, fronte aos identitarios, que desde o meu punto de vista, representaba o BNG», di Darriba. De aí nacen esas «identidades políticas mestizas» que aos poucos se van artellando a través de organizacións con vocación de transformar a sociedade. E a única maneira de facelo é con órganos de representación institucional. É dicir, con partidos políticos.

Partidos

Durante a década dos anos dez, o electorado fragmentouse en anacos e estaba disposto a probar cousas novas. Os partidos con historia cargaban cun lastre en lugar de sustentarse nuns sólidos cimentos. O bipartidismo, e calquera outro partido que tivese aroma antigo, soaba a vello. José Rama, profesor de Ciencia Política na UAM e investigador especializado en populismos, subliña os acertos transformadores das Mareas: «non hai que quitarlle valor ao que supuxeron para a política española e, sen dúbida, tamén para a galega. Estes partidos cuestionaron as forzas do establishment, sinalaron algúns dos meirandes problemas da política española e incorporaron cambios fundamentais. A gran contribución das Mareas foi acertar co diagnóstico da crise, aínda que non deu coas solucións».

Daniel Salgado, xornalista, escritor e coautor, con Martiño Noriega, de A contradición permanente (Xerais, 2018), incide nesa cuestión: «entendo que a cadea de experimentos políticos que inicia AGE e finaliza abruptamente nas Autonómicas de 2020 conseguiu introducir no debate xeral asuntos ata o momento obliterados, ou polo menos non centrais. Penso no dereito á vivenda, na recuperación de servizos para o público, nos límites físicos do planeta, na relación entre representantes e representados, nas rendas sociais non asistenciais, nos intentos de ampliar a participación cidadá na xestión cotiá, no discurso sobre a ética en política…».

Mitin de En Marea, conducido por Antón Gómez-Reino na Coruña (2015), coa presenza de Pablo Iglesias, Yolanda Díaz, Antón Sánchez e o exalcalde da Coruña, Xulio Ferreiro.

En Marea buscaba aglutinar culturas políticas diferentes ao redor dunha serie de ideas básicas comúns. Todas as persoas que participaron en En Marea consultadas para esta reportaxe falan do «mínimo común»; unha serie de principios elementais sobre os que as distintas organizacións e agrupacións que se integran en En Marea estaban de acordo, e que van en dúas direccións. Por unha banda, a preeminencia da política social. Polo outro, un saneamento democrático dos partidos políticos. «A Nova Cultura Política era moi esixente en termos éticos e democráticos», di Barreiro.

O mínimo común non foi un pegamento suficiente para ordenar a heteroxeneidade e a débil estrutura dun partido que nacía como instrumento, pero que aspiraba a algo máis. Santiago Fernández Rocha foi o candidato de Lugonovo nas municipais de 2015. Obtivo tres representantes e provocou a saída de López Orozco da alcaldía tras dezaseis anos: «nunca souben cal era ese mínimo común. Cales eran os puntos nos que estabamos de acordo». Rocha abandonou a política en 2017. «Intentei chegar a acordos coa alcaldesa (Lara Méndez, PSdeG) pero paráronme os pés varias veces desde dentro. A organización pasou a ser un instrumento das elites que compoñían a propia organización».

Desencontros

A historia das Mareas é unha historia de desencontros, de conflitos internos e de rupturas. Barreiro debulla a composición de En Marea: «en Galicia, había dúas correntes para reorganizar a esquerda. Unha, como reacción ás formas de organización tradicionais do bipartidismo (e do BNG) que pretendía crear outras organizacións ao redor de propostas de ruptura co Réxime do 78 ou da Europa ‘austeritarista’ da Troika. A segunda, tamén rupturista, apelaba fundamentalmente ao protagonismo da cidadanía e poñía énfase nas políticas de proximidade e na construción desde abaixo de estruturas confederais que salvagardaran a autonomía das partes. Sobre esta materia se constrúe a Marea Atlántica e o núcleo duro do movemento de Mareas en Común». No primeiro grupo están os partidos Anova, Podemos e Esquerda Unida, cada un coa súa cultura política distinta e as súas propias respostas aos conflitos clásicos do sistema político galego. No segundo, estarían os non adscritos; xente que vén das mareas municipalistas, e novos simpatizantes que se aproximan á política desde posicións non partidarias. En Marea, durante un tempo, disimula toda esa atomización. Militantes e non militantes entenden que o importante é a nova organización e os seus obxectivos máis inmediatos, e que as distintas follas de ruta trazadas por cada partido deben quedar nun segundo plano.

Celebración dos resultados de En Marea nas Xerais de 2015.

Pero pronto, cada partido e cada grupo que se vai formando dentro de En Marea comeza a buscar o seu sitio con vistas ao futuro. Desencadéase unha batalla polo espazo electoral, polo control do discurso e, na súa última etapa, polos recursos. Podemos, ademais, cre que a súa achega electoral á coalición é moito máis ampla do que a organización lle devolve.

Barreiro tamén sinala a Podemos como elemento fundamental do proceso de descomposición: «Trala creba de En Marea, cando maior era a vontade de Unidas Podemos (en realidade de Podemos) de hexemonizar partidariamente o espazo de ruptura, maior era o seu desexo de rebaixar o peso político do municipalismo no espazo rupturista. Paradoxalmente, pasouse das ‘Mareas de Podemos’ (pese a que Podemos era forza minoritaria) a refundar a alternativa electoral nas xerais prescindindo das Mareas e da referencia á soberanía de Anova. Se esa relación se deteriorou non foi polo ‘cantonalismo’ das Mareas».

Elba Maneiro, politicóloga e investigadora na Facultade de Ciencias Políticas da USC, lembra a falta de implantación territorial de Podemos nesa fase final que provocou a caída definitiva dun proceso xa esgotado: «para Podemos, Galicia tan só supoñía un paso previo para dar o salto á política estatal. A figura e candidatura de Antón Gómez-Reino é o exemplo máis escandaloso. A súa campaña pola presidencia da Xunta cheiraba a despreocupación por todos os lados. Pero tamén penso noutros casos como o de Ángela Rodríguez, Pam. Realmente pensaron que a súa campaña en Galicia foi convincente? Ou máis ben un paso máis na súa carreira de cara á política estatal?».

Salgado cre que o que vimos nos medios era só a escenificación dunha ruptura, pero que a fin de En Marea débese a que o seu tempo xa pasara: «houbo un cambio de ciclo económico e social, unha estabilización e certa reanimación macroeconómica. A conxuntura mudou, e o humor social en que abrollaran estes experimentos tamén. As organizacións tiveron dificultades para ler a nova situación. O escaso músculo militante e certa despreocupación por estenderse socialmente fixéronas altamente vulnerábeis a estes xiros conxunturais. Ao tempo, a evolución socioeconómica da situación provocou que os intereses das partes implicadas adquirisen cada vez maior peso, e o terreo común foise esluíndo».

Xosé Manuel Beiras abraza a Luís Villares no mitin de peche das Autonómicas de 2016.

No verán de 2019, un ano antes das eleccións ao Parlamento de Galicia, o grupo parlamentario de En Marea rompe en dúas metades. A versión oficial foi o rexistro da candidatura de José Manuel Sande como proposta de senador por designación autonómica por parte do sector crítico do propio grupo parlamentario. Extraoficialmente, todos coinciden en que aquilo foi a representación dun divorcio que se iniciou moito antes. O ano anterior non se logrou o ansiado grupo parlamentario propio galego no Congreso, e o apoio aos orzamentos de 2019 dividiu a En Marea. «Por dicilo en termos médicos, a autopsia sinala un deceso debido a múltiples fallos orgánicos», resume Barreiro.

Legado

As Autonómicas de 2020 certificaron a defunción de En Marea e a resurrección do BNG, que recuperou todo o electorado perdido (311.340 votos e un 23,79%). O Parlamento de Galicia volveu ao vello tripartidismo que dominou a escena política galega durante os dezanove anos anteriores, esta vez, co BNG de Ana Pontón como principal partido da oposición, algo que non pasaba desde as eleccións de 2001. As expectativas dos experimentos de confluencia eran altas. Posiblemente, pola rápida resposta do electorado. Unha vez botado o cadeado, cabe preguntarse polos seus efectos no sistema político galego. A maioría das persoas implicadas activamente nas Mareas resumen a experiencia como unha frustración. «Non se podía repartir o poder. E non ter o poder desgasta moito», lembra Fernández Rocha. Barreiro é crítico coa estrutura organizativa: «agardábase un funcionamento distinto dos grupos parlamentarios de En Marea, pero o desencanto ou desafección tivo máis que ver coa incapacidade de xestionar a pluralidade política da organización. Tamén pola imposibilidade de facer un espazo de participación para a xente que desexaba unha nova esquerda como forza de cambio e unha peza para soster un goberno alternativo ao da dereita en Galicia».

Carteis electorais de Galicia En común Podemos para as eleccións xerais de abril de 2019.

En opinión de Darriba, «o legado que deixan as Mareas é un BNG fortalecido e consciente de que o electorado é diferente. O BNG hoxe é máis social e máis feminista». Rama coincide nesa transformación do BNG como unha das consecuencias máis inmediatas. «Semella incorporar esas dimensións que foron dominantes nas Mareas. Mentres que o compoñente nacionalista galego sempre estivo presente no BNG, os últimos comicios poñen de manifesto que a aposta pola transversalidade, a énfase no ecoloxismo e no feminismo, e a mirada cara aos núcleos máis urbanos e a xente máis moza fixo do BNG unha formación atrapalotodo, chegando a ser a forza principal de oposición e a presentarse como opción viable de Goberno». Barreiro non ve tan clara esa transformación: «creo que é un erro asumir que o transvase de votos entre En Marea e o BNG se vai manter. O seu resultado foi conxuntural: o BNG medrou porque o partido co que desputa o espazo da esquerda estaba en plena descomposición, e o PSdeG en permanente estado de espera».

Ninguén ten nostalxia de En Marea ou, polo menos, ninguén a expresa. Non hai un recordo mítico do que puido ser e non foi, porque se tentou, buscáronse as posibilidades reais de materialización, fracasouse e morreu o conto. O espazo que se abriu a principios da década dos dez semella cuberto polo momento, e as ganas de experimentar con novas ferramentas de representación están, agora mesmo, esgotadas. Os tres vellos partidos galegos viven un momento de reconcentración, pero como lembra Rama: «a experiencia dos últimos anos abre a porta a que novos «empresarios» políticos se atrevan a desafiar os partidos tradicionais, que xa se mostraron incapaces de ser permeables a moitas novas demandas dos electores». As respostas ao descontento e á desafección política poden abrirse tanto na esquerda como na dereita, como se está vendo en toda Europa. Se os dez foron rápidos e rabiosos, preparémonos para uns violentos anos vinte.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail