Santiago.- Massouda Kohistani entra na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela un pouco ás présas. Fóra chove. Na aula 1, as súas compañeiras de Amnistía Internacional están preparando todo para a charla que imparte aquí sobre a situación das mulleres en Afganistán. Antes de sacar o abrigo, lánzase a colocar unha pancarta que reclama o dereito á educación. Di que está un pouco cansa. Leva todo o día cunha axenda apertada. Acaba de saír dunha entrevista para meterse noutra. Despois, viaxará á Coruña, Lugo, e a moitos outros lugares da Península. Dende que chegou ao Estado como refuxiada en agosto de 2021, non parou de conceder entrevistas e impartir conferencias, explicándolle a todas as persoas que queiran oíla como viven as mulleres en Afganistán hoxe en día. «Fago isto porque espero que así alguén nos escoite».
O seu compromiso cos dereitos humanos vén de lonxe. Traballou na Unidade de Investigación e Avaliación de Afganistán —organización de investigación independente para mellorar a situación social do país—, participou como facilitadora na JIRGA Nacional sobre Consultas para a Paz —antecedente do Proceso de Doha para a paz en Afganistán— e forma parte da Rede de Mulleres Afgás —ONG que loita pola participación equitativa da sociedade afgá, para o Proceso de Paz nacional e internacional—.
De feito, o 14 de agosto de 2021, xusto o día antes de que os Talibáns tomaran o poder no país, ía ter unha reunión co grupo de dereitos das mulleres en relación ás negociacións de paz. Nese momento xa auguraban que algo ía mal. «Non puidemos xuntarnos, dixéronnos que non era seguro e que tiñamos que quedar na casa e facer a reunión en liña», relata. O día 15 viron as novas pola televisión: «Despois de escoitar o que acontecera, só podiamos chorar. Nós xa sabiamos o que podía pasar baixo un goberno talibán, sabiamos que non aceptan ás mulleres».
Nos 90, durante o anterior goberno talibán, Massouda xa tivera que marchar a Pakistán coa súa familia. Dúas décadas máis tarde, tivo que buscar refuxio polo mesmo motivo. O 15 de agosto de 2021, os talibáns tomaron o poder de Afganistán despois da retirada das tropas de Estados Unidos. Tras este día, as mulleres afgás non quedaron caladas. Incluso sabendo as reprimendas que podían producir os seus actos, manifestáronse pedindo acceso á educación e ao traballo. Massouda participou na organización desas protestas. «Non era fácil, sabiamos que poñiamos a nosa vida en risco, pero tiñamos que facelo. Eu non puiden estar presente nas manifestacións, porque tiven que fuxir do país o 21 de agosto», explica Massouda. O seu activismo converteuna nun obxectivo para os talibáns.
Dúas veces exiliada
Por iso, tras só cinco días da súa entrada en Kabul, tivo que escapar: «Eu non escollín marchar de alí; non tiña opción». Dende o exilio, organizou as manifestacións das mulleres en contra dos talibáns en Afganistán. «Era moito máis seguro para min que para as compañeiras que aínda quedaban alí. O 15 de agosto fixen un grupo de whatsapp coas activistas para falar do que acontecería a partir de agora. Sabiamos que tiñamos que manifestarnos, redactar pancartas, etcétera».
Non todas as mulleres puideron escapar. Moitas aínda seguen vivindo en Afganistán, onde os seus dereitos se viron drasticamente reducidos dende a chegada ao poder dos talibáns. En agosto de 2021, pecharon o Ministerio de Asuntos para as Mulleres, que substituíron, segundo información de Amnistía Internacional, polo Ministerio de Propagación da Virtude e Prevención do Vicio; vetouse a educación secundaria para as nenas; impúxose un código indumentario; obrigáronas a levar un acompañante (mahram) para aparecer en público, e prohibíronlle a mulleres e nenas o acceso a parques. Ademais, Amnistía Internacional denuncia que os talibáns comunicaron que se unha muller ou nena infrinxía as normas impostas, sería responsabilidade dos varóns da casa. Consecuentemente, as familias restrinxiron máis os dereitos dos seus membros femininos.
«Hai grupos de mulleres que, a pesar de que saben que é perigoso, seguen protestando», asegura Massouda. Segundo Amnistía Intencional, os talibáns reprimiron con dureza as mulleres que participaron nas manifestacións contra as restricións do seu goberno. «Cando se prohibiron as protestas das mulleres en público, comezaron a facerse oír dende a casa, pintando pancartas e colgándoas nas redes sociais. Ás veces, cando pasa isto, os talibáns van a onde viven, arréstanas, e deixamos de ter novas delas», conta Massouda.
Segundo ela, moitas mulleres que tiveron que quedar en Afganistán son agora nómades: «Para que non as deteñan, móvense dun sitio a outro, sen ter un lugar fixo no que estar». Un dos grandes cambios que percibe Massouda dende o mandato talibán dos 90 ao de hoxe en día é o avance das tecnoloxías. «As redes sociais permítennos ensinarlle ao mundo que non quedamos caladas, que defendemos os nosos dereitos e estamos en contra dos talibáns. Non calamos porque sabemos que iso supoñería aceptalos».
«Onte unha amiga escribiume para contarme que saíu da casa soa e os talibáns a pararon para dicirlle que non podía facer iso
A vida cotiá é dura para as mulleres que non puideron fuxir de Afganistán. «Onte unha amiga escribiume para contarme que saíu da casa soa e os talibáns a pararon para dicirlle que non podía facer iso», conta Massouda. Ademais dos límites de movemento, explica que hai moitos asasinatos de mulleres a mans dos talibáns: «Moitos deste sucesos non son públicos porque ameazan as familias con que, se o contan, os matarán a todos».
A pesar das súas ansias de combater o réxime talibán e seguir defendendo os dereitos das mulleres, Massouda tamén recalca que moitas delas sofren, cada vez máis, de problemas relacionados coa saúde mental. «Dende a chegada dos talibáns, aumentaron moito os suicidios entre as mulleres», asegura. Segundo o estudo Enquisa nacional sobre desordes de ansiedade e depresión en Afganistán: unha poboción altamente traumatizada, o 47% das mulleres padece depresión e outras enfermidades relacionadas coa saúde mental. Segundo o estudo, elas experimentan máis que os homes estrés postraumático e pensamentos suicidas. A ONG Médicos Sen Fronteiras xa advertiu de que o futuro das pacientes en Afganistán se ve ameazado polo decreto do Ministerio de Economía que prohibe a mulleres traballar para organizacións non gobernamentais.ç
Outra das grandes preocupacións de Massouda é a situación da educación para as nenas no país. Segundo datos da UNESCO, a matrícula de alumnas en todos os niveis de educación entre 2001 e 2018 multiplicouse por dez. Por outra banda, a alfabetización das mulleres en Afganistán case se duplicou entre o 2011 e o 2018, pasando do 17 ao 30% neste período de tempo. Massouda preocúpase pola situación das nenas agora que xa non poden acceder á educación secundaria. Tras o peche no 2021, o goberno talibán prometeu a reapertura da escola secundaria para nenas en marzo de 2022, pero isto nunca chegou a formalizarse. Após unhas horas abertas, os talibáns decidiron volvelas pechar.
Massouda mira, durante a charla, para o público. Está na aula dunha facultade. Detén o seu discurso, que avanza veloz, durante un momento, para realizar unha radiografía de todas as persoas que están sentadas diante dela, a maioría estudantado. «Sabedes? Cando eu ía á universidade tamén podiamos compartir clase con rapaces», sentenza. Dende decembro de 2022 está prohibido o acceso das mulleres a universidades. Segundo datos das Nacións Unidas, un total de 1,1 millóns nenas maiores de 12 anos quedaron sen acceso á educación formal e máis de 100.000 mozas víronse privadas de continuar cos seus estudos en institucións de educación superior, tanto gubernamentais como privadas. Na actualidade, o 80% de nenas e mozas en Afganistán en idade escolar non acceden á educación e case o 30% nunca ingresaron na educación primaria.
Restriccións no ámbito laboral
Kohistani fai fincapé tamén nas restricións que sofren as mulleres no ámbito laboral. Segundo datos da Organización Internacional do Traballo (OIT), o emprego feminino no cuarto trimestre de 2022 era o 25% inferior ao do segundo trimestre de 2021. Pola súa parte, o emprego masculino descendeu un 7% no mesmo período de tempo. «Coñezo a moitas mulleres que antes traballaban dende a casa facendo pan para sacar algo de cartos. Agora non poden facelo, o que provoca que non teñan ningún tipo de ingreso e acaben dependendo totalmente dos seus familiares varóns».
O pasado 8 de marzo, o Departamento de Estado dos EEUU emitiu un comunicado no que, en nome do Ministerio de Asuntos Exteriores de case 30 países, poñía a atención sobre a situación das mulleres en Afganistán. Nel, dicíase que no último ano e medio, as nenas e mulleres do país viviran un declive do respecto aos seus dereitos fundamentais. No comunicado que Joe Biden, Presidente de Estados Unidos, emitiu tamén o pasado 8 de marzo, volvía facer referencia a situación que viven as mulleres e nenas en Afganistán.
Non obstante, Massouda é contundente con respecto á súa opinión sobre o papel de Estados Unidos no conflito: «Eles sabían que, cando marcharan, esta sería a situación na que viviriamos. Dixeron que remataron a súa misión en Afganistán deixando no poder aos terroristas e a nós nesta situación».
Así mesmo, é preciso salientar que, aínda que dende 2001 ata 2021 si que houbo melloras na situación das mulleres en Afganistán, a base de partida xa non era boa. Xa en 2017, a ONG ONE, que loita contra a pobreza extrema, situaba nun informe a Afganistán como o cuarto país do mundo no que as nenas teñen máis difícil o acceso á educación. Por riba só estaban Níxer, a República Centro Africana e Sudán do Sur. Ademais, durante os vinte anos que durou a intervención militar de Estados Unidos en Afganistán, a maior parte dos avances en materia de igualdade chegaron a zonas urbanas, pero non tanto a áreas rurais, das que os talibáns tomaron antes o control. ONU Mulleres afirmaba que, antes da toma do poder por parte dos talibáns, o 28,3% das mulleres entre 20 e 24 anos casaran antes dos 18. Alén disto, dende a organización aseguran que en decembro de 2018 nin sequera había bastantes indicadores para medir a situación do país en clave de xénero. Tan só o 38,6% dos indicadores necesarios para medir os obxectivos de desenvolvemento sostible dende unha perspectiva de xénero estaban dispoñibles.
O movemento feminista en Afganistán está en activo. Ás persoas que utilizan a represión dos talibáns para xustificar comentarios racistas contra a poboación afgá, Massouda respóndelles que as mulleres en Afganistán traballan en grupos feministas polos seus dereitos. «Non é unha cuestión da sociedade afgá, senón dos terroristas que están no poder», conta. E, ademais, aclara que «o feminismo é un movemento social en activo no país, non só por parte das organizacións internacionais, senón que son as propias mulleres afgás as que están organizadas. Non só protestan, tamén se axudan unhas a outras, por exemplo, dando clases a outras mulleres se poden».
Afganistán vive unha gran crisis humanitaria. Segundo datos de ACNUR, 25 millóns de persoas atópanse en situación de pobreza extrema e máis da metade da poboación depende de axuda humanitaria para sobrevivir. A situación é insostible e insegura para gran parte da xente que vive alí. A Misión de Asistencia da ONU en Afganistán (UNAMA) rexistrou, polo menos, 237 execucións extraxudiciais dende agosto de 2021 ata xuño de 2022. A poboación LGTBIQ+ segue, segundo Amnistía Internacional, sufrindo violacións graves de dereitos humanos, incluídas ameazas de morte e agresións sexuais.
A poboación LGTBIQ+ segue, segundo Amnistía Internacional, sufrindo violacións graves de dereitos humanos, incluídas ameazas de morte e agresións sexuais
Ademais a existencia dunha prensa crítica co poder é practicamente imposible. Dende Amnistía aseguran que «o exercicio do xornalismo enfronta cada vez máis restricións, incluídas detencións arbitrarias, reclusión ilexítima e tortura, para informar sobre os talibáns dende un punto de vista crítico, o que favorece a autocensura». Cando se lle pregunta a Massouda sobre a situación das persoas afgás en busca de refuxio a nivel internacional, é clara: «A vida para quen teñen que marchar é moi complicada».
Segundo o Alto Comisionado da ONU para os Refuxiados (ACNUR), hai rexistradas un total de 2,6 millóns de persoas refuxiadas, das que 2,2 millóns se atopan só entre Paquistán e Irán. Ademais, tamén hai 3,5 millóns de desprazadas internas dentro do propio país. En outubro de 2021, dous meses despois de que concluíran as operacións de transporte aéreo en Afganistán, Amnistía Internacional publicaba un chamamento no que denunciaba que «as persoas que quedaron atrás se atopan con grandes obstáculos para buscar refuxio fóra do país». Aseguran, tamén, que «países de Europa e Asia Central someteron a persoas afgás a devolucións sumarias ilegais, detencións e deportacións».
Massouda, que puido marchar do país a tempo, ten presente as persoas que non correron a mesma sorte: «Non aceptar a refuxiadas é unha decisión que vai en contra dos dereitos humanos, de todas as persoas de Afganistán». Ela fala sentada dende unha cadeira da Facultade de Medicina da USC mentres a xente vai entrando aos poucos para escoitar a súa charla. Antes de coller forza para contar como chegou Afganistán a situación na que está hoxe, remata: «Non foi fácil para min marchar nin vivir aquí. Non é fácil deixar atrás a toda a xente que queres.
Estou viva, pero non teño vida».